A cháchara do conselleiro de GN Fenosa

Felipe González, conselleiro de Gas Natural Fenosa, exerce de santón da socialdemocracia europea (por non dicir mundial). Fala sempre ex cátedra e a súa é unha fluencia torrencial e un tanto atordoante, o verbo sempre moi por enriba das ideas, aquel, florido, estas, un ermo. En realidade, FG é un espléndido continente de conceptos vulgares e tramposos: a súa prédica envolve a ideoloxía vulgar e reaccionaria do stablishment. Destila o ar autosuficiente de quen parece rebelarse contra a mediocridade, pero é todo aparencia, aparencia que non dá agachado que o que transmite é igualmente mediocre, a cháchara insufríbel do pensamento neoliberal torpemente disfrazado con algún topicazo da esquerda light.

Por Xosé Mexuto | | 09/02/2011

Comparte esta noticia

É a encarnación española dun fenómeno mundial, o da apropriación de categorías filosóficas e políticas positivas para a marcha da Humanidade como esquerda ou progreso por individuos de inequívoca traxectoria prosistémica e conservadora. O seu trío con Clinton e Blair relévame de facer máis comentarios: o que dá arrepíos é como pode haber quen trague con esta troika como gurús progresistas.

As últimas achegas de FG colócano á altura da dereita europea máis reaccionaria e máis entregada aos intereses do capital.

Resumireinas. A primeira é a de avalar a disociación entre salario e incremento do custo da vida, un obxectivo da chanceler Merkel. A segunda é a de postular que primeiro hai que criar riqueza para logo repartila.

As directrices de Deutschland

A respecto da primeira achega, o que vén defender FG, seguindo as directrices de Deutschland, é que baixen os salarios (que, desligados da inflación, inevitabelmente baixarían). Aínda máis!, habería que dicir. Tremendo, porque, como xa debíamos saber a estas alturas, é precisamente a queda dos salarios un dos factores desencadeantes da actual crise (pois ao caíren, o consumo tivo que sustentarse sobre a base do endebedamento). A proposta de FG-Merkel serviría só para incrementar no curto prazo a plusvalía en algúns sectores da economía, pero non para restaurar as forzas produtivas e saír do estancamento económico, porque deprimiría aínda máis o poder de compra da inmensa maioría dos cidadáns.

A respecto da segunda achega, só hai que dicir que calquer aluno de Economía Política sabe que a produción e a distribución da riqueza se realizan ao mesmo tempo, non unha despois da outra. Ao pórmonos a producir calquer cousa á vez estamos distribuíndo a riqueza que con ela se xera (através dos salarios que se paga aos traballadores ou através dos beneficios que obteñen os donos do capital). O problema non está, portanto, en que primeiro uns poucos gañen moito para que logo a inmensa maioría gañe algo. O problema non está en razonar agora en 2011 como razonaba Reagan nos anos 80 do pasado século. O problema está en que o reparto de cargas (e de beneficios!) sexa socialmente equitativo e economicamente eficiente.

O mao destes social-liberais é que non só son reaccionarios no social, senón que defenden ideoloxemas falsos que ademais son letais para o propio funcionamento da economía ao facer imposíbel que as forzas produtivas alcancen o seu pleno rendimento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Mexuto É xornalista e responsábel de comunicación do BNG, onde traballa no gabinete de comunicación dende 1996. Foi xefe de prensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003. Antes da súa incorporación ao BNG, Xosé Mexuto traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade de A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 publicou "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez", obra sobre o líder da UPG.