Non a unha nova guerra imperialista

O relato Walt Disney que xustifica a agresión militar en Libia é dunha inxenuidade conmovedora e só se pode entender desde o idealismo liberal que contrapón a unha persoa -Gadafi- contra todo un pobo, o que admira é que penetre con tanta facilidade en círculos pretensamente progresistas.

Por Xosé Mexuto | A Coruña | 22/03/2011

Comparte esta noticia

Gadafi é un déspota e en Libia non existe democracia de ningún tipo, diso non teño a menor dúbida, pero o que hai en Libia non ten nada a ver con ningunha loita pola democracia. O que hai en Libia é un confronto armado entre dúas faccións que partillan o mesmo programa: controlar os recursos naturais do país para entregarllos ás potencias estranxeiras, reclamando, iso si, unha percentaxe polos servizos prestados. Nin Gadafi nin esa difusa entidade que a globomedia (o poder mediático eurocéntrico globalizado) alcuñou co sobrenome de rebeldes representan verdadeiramente o pobo libio (ou sexa, as súas clases populares).

Petróleo e gas, that's the question

Esa é a dialéctica real e iso é o que explica a non unanimidade entre as distintas potencias, con Estados Unidos a abandeirar a intervención -logo da fichaxe dun Sarkozy que racha co legado gaulllista- e Alemaña e China a fixar unha postura de neutralidade só aparente. Como magnificamente ten explicado Miguel Anxo Murado nun par de artigos en La Voz de Galicia, o que hai en Libia é unha guerra civil e a intervención dos sedicentes aliados non é para salvar vidas, senón para anexionarse un territorio rico en hidrocarburos. Petróleo e gas, that´s the question. É tan evidente que o que hai no fundo é un combate entre dúas faccións xemelgas (nun Estado ficticio criado polos colonialistas europeus), que Robert Gates, secretario de Estado de Defensa, propón a partición de Libia para saír do paso (suponse que os EUA queren o anaco territorial con máis petróleo).

Para completar o cadro, The Economist desvélanos que os ideológos da intervención son os de sempre, a mesma dereita neocón norteamericana que organizou o saqueo de Afganistán e Iraque, non para levar a Democracia a ningures, senón para garantir a subministración de petróleo para os próximos decenios e, de paso, para incrementar a presión sobre Irán e sobre China. Dito doutro xeito, os guionistas desta película son os neocon, Rumsfeld e compañía, e quen pon a obra en escena é o simpático Nobel da Paz, Barack Obama, desta volta secundado por Sarkozy -adeus a De Gaulle!- e polo inefábel PSOE de Zapatero, quen se volta a desmentir a si mesmo, así na guerra como na crise.

Lembremos Gallbraith


John Kenneth Gallbraith ten escrito que foi a guerra e non tanto o New Deal quen salvou o capitalismo norteamericano da Grande Depresión de 1929. O keynesianismo militar reactiva a economía e garante a expansión do capital a novos mercados. Onte Afganistán e Iraque, hoxe Libia, mañá... Desde logo os que aparentemente non teñen nada que temer son os sátrapas de Arabia Saudí e Bahrein, este último si ten licenza dos EUA para sofocar un xenuíno levantamento popular.

Frente a esta nova agresión imperialista a única resposta racional é a de erguer a bandeira do anti-imperialismo, o internacionalismo e o pacifismo. Debemos estar, si, cos sectores populares e democráticos que nos Estados chefiados por élites oligárquicas (uf, e a que me lembra iso a min?) puxan por unha xenuína democratización dos seus países. Debemos alentalos polo noso interese e polo interese da Humanidade. E coa mesma forza debemos denunciar sempre o fariseismo das potencias occidentais e a súa insaciábel sede de rapina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Mexuto É xornalista e responsábel de comunicación do BNG, onde traballa no gabinete de comunicación dende 1996. Foi xefe de prensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003. Antes da súa incorporación ao BNG, Xosé Mexuto traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade de A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 publicou "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez", obra sobre o líder da UPG.