Emerxencia nacional

Deixémonos de panos quentes: a situación que vivimos é de emerxencia nacional.

Por Xosé Mexuto | | 19/02/2011

Comparte esta noticia

Galiza debrúzase sobre un abismo. Non só corremos o serio risco de que nos espolien a maior concentración de capital acumulado polo País na súa historia moderna, senón que tamén imos camiño de pasarmos de ser unha potencia excedentaria na produción eléctrica a converternos nun país deficitario en enerxía e, portanto, aínda máis dependente. Decisións políticas adoptadas, máis unha vez, en Madrid e en Bruxelas e non suficientemente contestadas polo poder politico galego colocan a nosa nación nunha situación dramática.

Se perdemos a caixa, ficamos sen o único instrumento do que dispomos para podermos cambiar o rumo (a caixa tal e como foi xestionada até o de agora tampouco nos valía, pero a nova lei puxo os alicerces para que iso puidese comezar a mudar nun sentido positivo). Se perdemos a caixa, a economía produtiva do País sufrirá un durísimo golpe e os nosos aforros serán literalmente succionados por poderes financeiros alleos a Galiza que se dedicarán a xogar con eles no casino dos mercados internacionais. Tanto ten que xoguen á ruleta francesa ou ao black jack: aí sempre gaña a banca e sempre perde Galiza.

E se o Decreto do Carbón finalmente se aplica, cousa que parece inevitábel após o Tribunal de Luxemburgo levantar onte as medidas de suspensión cautelar, as centrais térmicas galegas ficarán paralisadas até cando menos 2014!!

Iso significa:

a) A perda de arredor de 3000 postos de traballo.

b) O PIB galego contraeríase nun 3 por cento (ou sexa, deixaremos de producir bens e servizos por valor de 1.500 millóns de euros!)

c) Continúa a política colonial do Estado en Galiza: unha vez que se espolian os nosos recursos naturais, e de que se deixe estragado o noso medio ambiente, o País xa non interesa e é indiferente que se teñan investido aquí inxentes recursos na reciclaxe das plantas de produción eléctrica.

Emerxencia nacional, pois. E neste contexto, quen se move? Pois no plano social miles de compatriotas que non están dispostos a asumir a emigración como única perspectiva de futuro, miles de compatriotas que estes meses teñen tomado as rúas para defender o galego, a nosa economía, os nosos dereitos laborais. E no plano político? No plano politico só se move o nacionalismo galego, o único instrumento que ten este País para defenderse e para conquistar o seu futuro. O PSOE galego é só unha franquicia do PSOE español, non existe como tal, só está para recibir ordes e para aplicar politicas profundamente antigalegas. A Xunta de Feijóo, pola súa banda, limítase a facer que fai, pero non fai nada. Nin convoca á sociedade en xeral, nin sequera organiza a súa militancia para defender o País. Feijóo limítase ao activismo mediático, que é o hábitat no que se sinte cómodo, xa ten dito que no futuro exercerá como tertuliano. Pero de activismo presidencial e politico ao servizo deste País, nada de nada.

A situación é de emerxencia nacional. Ese bloco social que se move -esas miles de persoas que non se resignan- vaino continuar facendo. Canda el estará o nacionalismo galego. É o momento da loita social e política contra agresións que, de consumarse, empobrecerían a nosa nación e agudizarían aínda máis a súa dependencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Mexuto É xornalista e responsábel de comunicación do BNG, onde traballa no gabinete de comunicación dende 1996. Foi xefe de prensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003. Antes da súa incorporación ao BNG, Xosé Mexuto traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade de A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 publicou "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez", obra sobre o líder da UPG.