Miles de persoas derrotan a resignación e sinalan o futuro

Sen participación social non é posíbel a Democracia. E a participación social admite moitos formatos, desde logo (velaí o mantra posmoderno das redes socia), pero o que non exclúe nin aquí nin no mundo árabe é o da mobilización nas rúas, o da toma democrática e pacifista da vía pública.

Por Xosé Mexuto | Compostela | 15/03/2011

Comparte esta noticia

 A política é a organización da convivencia social e, para ser verdadeiramente democrática, debe estruturarse sobre bases racionais, sobre a lóxica do beneficio para as maiorías. Cando non é así, cando esa lóxica é deturpada, cando o irracionalismo se abre paso, a lóxica que impera é exclusivamente a do beneficio das minorías. Minorías cada vez máis minoritarias. Por iso neste momento o combate das maiorías debe ser contra o neoliberalismo que é un proxecto clasista e anti-popular por definición.

Non todas as maiorías o ven igual de claro, mais ben as maiorías propenden neste momento cara á solucións de carácter irracional (véxanse os últimos inquéritos que colocan a Marine Le Pen no topo das preferencias populares en Franza), de acordo con certa tradición histórica do capitalismo europeu, que tamén nos trinta do pasado século produciu o fenómeno do fascismo. Pero o que é indiscutíbel é que as opcións de carácter transformador, aquelas que non aspiran a xestionar os intereses das minorías, teñen necesariamente que traballar para que as maiorías actúen en política e o fagan da forma máis directa posíbel. Aí está a chave, aquí e no Exipto, de que a política sexa democrática, participativa, popular, que non fique reducida a unha mera representación, que non deveña na ópera bufa do bipartidismo.

Ten que ser así se queremos exercermos como cidadáns con dereitos plenos e ten que ser así se queremos saír con ben desta nova crise do capitalismo serodio. Non hai saída á crise que parta do predominio das solucións elitistas (porque calquera saída elitista conterá o xerme de futuras crises) e as solucións só poden vir pondo os intereses das maiorías sociais por diante e os intereses de países que, como Galiza, sofren cando se aplican as receitas dos Estados centrais do capitalismo globalizado.

Que miles de persoas clamasen onte en Santiago que Galiza ten dereito é unha excelente noticia para a construción da democracia en Galiza e unha pésima noticia para todos aqueles que nos queren fechados na casiña, pasivos e agardando que escampe (mentres eles se forran).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Mexuto É xornalista e responsábel de comunicación do BNG, onde traballa no gabinete de comunicación dende 1996. Foi xefe de prensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003. Antes da súa incorporación ao BNG, Xosé Mexuto traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade de A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 publicou "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez", obra sobre o líder da UPG.