Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/04/2018 | Actualizada ás 22:00
A sobrepesca ten contra as cordas o marraxo azul (Isurus oxyrinchus), especie en claro declive e cuxa recuperación só será viable se se reducen drasticamente e de maneira inmediata as súas capturas. Así o advirten tres científicos —entre eles, o biólogo galego Gonzalo Mucientes— nunha carta publicada na prestixiosa revista Science titulada 'Shortfin mako sharks threatened by inaction'.
Os datos aportados por David W. Sims, Nuno Queiroz e Mucientes son contundentes: as capturas informadas de marraxo azul no Atlántico Norte actualmente superan as 3.300 toneladas anuais, é dicir, uns 130.000 exemplares —cifras que os científicos mesmo consideran por debaixo dos números reais—. A avaliación do stock de 2017 feita pola ICCAT (International Commission for the Conservation of Atlantic Tunas) confirmou a sobrepesca no Atlántico Norte e recomendou reducir a captura anual deste tipo de tiburón a 500 toneladas anuais, ou menos, para evitar novas diminucións na poboación do marraxo azul.
O principal problema, alertan na carta, é que os países membros da ICCAT non aceptaron unha cota para limitar as capturas de marraxo azul. En cambio, a ICCAT recomendou, aínda que non requiriu, un compromiso para devolver ao mar os exemplares capturados vivos. Con todo, os cálculos dos científicos son moi pesimistas: considerando as capturas da pesca con palangre informadas en 2016, un total de 3.146 toneladas, e supoñendo que os barcos cumprisen coas recomendacións da ICCAT e devolvesen todos os marraxos vivos a bordo, os científicos, sendo optimistas, calculan nun 80%, as devolucións, isto é, 2.517 toneladas liberadas—, pero probablemente ao redor do 30% deses exemplares (755 toneladas) morrerían despois do lanzamento; a isto, suman a captura retida nos buques palangreiros, é dicir, o 20%, 629 toneladas máis, co que en total serían preto de 1.400 toneladas anuais de marraxos mortos, cifra que supera case tres veces o límite máximo aconsellado pola comunidade científica.
Polo tanto, Sims, Queiroz e Mucientes alertan de que as medidas tomadas ata agora pola ICCAT non deterán o declive desta especie. Mesmo se as capturas totais diminúen a 500 toneladas anuais, a probabilidade de que se reconstrúan as poboacións cara o ano 2040 son só do 35%, aumentando ao 54% para cero capturas, detallan. É por iso que, mesmo baixo un acordo de prohibición de capturas de marraxo azul, a súa recuperación, din, será moi lenta.
O certo é que, tal e como alertan os científicos, as poboacións de tiburóns oceánicos están a diminuír como resultado da alta presión pesqueira e a falta de límites e normas internacionais para a súa captura. Sims, Queiroz e Mucientes denuncian unha "inacción dos reguladores", aos que acusan de non seguir os consellos da comunidade científica, como o demostra a falta de acción despois das recomendacións formuladas na reunión da ICCAT.
"Non esiximos o final da pesca, o que poñemos sobre a mesa é que sexa regulada —e que esta regulación afecte tamén a frotas estranxeiras que pescan en augas internacionais— para que poida chegar a ser sustentable a explotación do marraxo e outras especies peláxicas", detalla Mucientes a Galicia Confidencial.
"A colaboración entre científicos e sector vai por bo camiño e necesitamos que siga así de produtiva, polo ben da sustentabilidade dos recursos", salienta o biólogo galego.
Os asinantes desta carta publicada en Science pertencen á Marine Biological Association británica e Universidade de Southampton, no caso de Sims, e ao CIBIO/InBIO (Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos) da Universidade do Porto, nos casos de Queiroz e Mucientes.
O PORTO DE VIGO, NO PUNTO DE MIRA
O marraxo azul é a segunda especie de tiburón oceánico máis capturado, principalmente para o mercado de aletas. E Galicia é un dos seus lugares de destino. En concrerto, o porto de Vigo leva anos no punto de mira de ecoloxistas, científicos e xornalistas estranxeiros polo comercio masivo e sen límites de carne e aleta de tiburón.
Os palangreiros capturan principalmente individuos pequenos, polo que os exemplares xuvenís de marraxo azul representan a maior parte dos desembarques desta especie en Vigo, nada menos que o 94%. Así o constataron científicos franceses, que descubriron que os exemplares máis grandes que chegan á lonxa viguesa teñen concentracións de mercurio por enriba do límite máximo permitido para o consumo.
Os autores deste estudo —investigadores do Institut Méditérranéen d'Océanographie, o Institut Français de Recherche pour l'Exploitation de la Mer e o Littoral Environnement et Sociétés de Francia—, avisan de que "o desembarco de quenllas e de marraxos en Vigo durante a próxima década debería supoñer a implementación de medidas de xestión para a explotación pesqueira sustentable e a conservación destas especies".
Vigo é un dos principais portos no mundo para a distribución de aleta e carne de tiburón, cuxo principal mercado é Asia e, sobre todo, China. Un estudo internacional no que participou o Centro Tecnolóxico do Mar de Vigo (CETMAR) xa advertiu tamén da necesidade de establecer novas cotas de captura para protexer as quenllas no Atlántico Norte ante o risco de sobrepesca, principalmente pola actividade dos buques galegos e portugueses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.