A folga da Xustiza increméntase con protestas de brazos caídos en xulgados e boicots a Feijóo e Rueda

Sindicatos e traballadores acusan ao presidente e conselleiro de "chantaxe" e "prepotencia" por non querer sentar a negociar, insisten no apoio masivo e denuncian o uso dos medios subvencionados para atacalos. A Xunta responde que a súa oferta segue enriba da mesa. Xuíces e fiscais tamén protestan este mércores e xoves.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/04/2018 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Son xa 58 días de folga. Unha protesta que vai camiño de batir récords e, aínda así, os traballadores mantéñense firmes nas súas peticións de incremento salarial e melloras profesionais. Manteñen as súas protestas, pero a folga entra nunha nova fase: protestas públicas e traballar o regulamentado ata que a Xunta sente a negociar. É dicir, unha folga de "brazos caídos".

De feito, os sindicatos decidiron cambiar de estratexia tras as sucesivas negativas da Xunta a non modificar a súa proposta salarial e a non sentar a negociar cos sindicatos se non a aceptan. Así, que, desde esta semana, acordaron incrementar os actos de presión contra os que consideran os principais responsables da xestión da crise; Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo.

Desde o luns piquetes de manifestantes acompañan con sonoras pitadas a presidente e conselleiro naqueles actos públicos que realizan. Feijóo xa leva dous actos de protesta; en Vigo e en Salvaterra, hoxe, e Rueda este pasado martes en Ourense. "Nós sempre tivemos intención de falar. Foi a Xunta a que se levantou. Deixou a súa oferta e marchou", denuncia Pablo Valeiras, membro do Comité de folga en declaracións a GC.

Explica que con estas novas protestas queren destacar que os principais responsables da súa situación é a Xunta e os seus principais dirixentes; Feijóo e Rueda. Acusanos de "pretotencia, chantaxe constante e falta de respecto". "Se non aceptamosr a oferta que eles poñen enriba da xente pois non nos reciben... Iso é unha flta de respecto logo de 58 días de folga e é culpa do Goberno galego, de Rueda por non solventala, e de Feijóo por non telo cesado", engade Valeira.

Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago
Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago

85% DE APOIO A PESAR DO QUE DIN OS "MEDIOS SUBVENCIONADOS"

Os sindicatos continúan coa folga porque din sentirse respaldados polos traballadores. De feito, insisten en que este mesmo mércores o seguimento situouse nun 85%. "E con ese segumiento alguén pode pensar que imos parar?", apunta Valeira que insiste en que os traballadores avalan as accións do comité porque "non queren que o Goberno de Feijóo marque o camiño".

De feito, aseguran que a "campaña" que Feijóo iniciou nos "grandes medios subvencionados" en contra dos traballadores e o comité o que fixo foi "unilos máis". "Son parvadas", asegura sobre as informacións publicadas por La Voz de Galicia sobre as dietas cobradas polos sindicalistas. "Pagaron as peaxes e 11 euros das comidas os días que eles nos chamaron para negociar", destaca ao acusar de "falacias" o que publican certos medios "ao ditado do que lle din desde a Xunta" para "desacreditar aos traballadores da Xustiza" e que a xente se volva na súa contra. Por iso, insiste na unidade "absoluta" dos sindicalitas e dos traballadores.

NOVAS PROTESTAS: "BRAZOS CAÍDOS"

Ainda que o comité insista nese apoio a folga o certo é que, nos últimos días, algúns traballadores decidiron acudir ao seu posto de traballo pero non porque estean en desacordo coas peticións dos seus compañeiros, senón, din, para amosar a súa protesta doutro xeito que é, din, "traballar o regulamentario, nin máis nin menos". É dicir, facer unha protesta de "brazos caídos".

Así o confirmaron algúns traballadores consultados que insisten en que siguen apoiando algúns días a folga e outros van traballar pero "facendo o que hai que facer". E iso se traduce en "non mover un dedo por algo que non é da nosa competencia como se faía antes".

"Eu empecei outro tipo de folga. Traballar co regulamento na man. Son tramitadora e no meu xulgado facemos de todo, pero agora nade de facer notas de requerimento, comparecencias ou outras cousas que non tocan", suliña Irene. Julia tamén di a través das redees sociais que non fará o que non entra dentro das súas funcións. "Nada de copia e pega e se podo mover cinco expedientes, non vai mover máis.... Veremos quen aguanta así", engade.

Tamén Ramiro asegura que "os funcionarios de xustiza realizan moitas funcións que non lles competen, facendo en ocasións de xuíces e letrados de xusticia, funcións que poderían deixar de facer legalmente mañá mesmo. Brazos caídos os vosos", di a través da súa conta de tuiter.

A XUNTA INSISTE NA SÚA OFERTA

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou a actitude dos sindicatos de xustiza. Lembra que o Executivo negocia con recursos públicos e reafirmase en que non consentirá que a negociación se converta "nunha poxa".

Rueda insiste na súa oferta que se traduce nunha subida de 135 euros ao mes para forenses, 133 para xestores, 108 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio. Pola súa banda, os sindicatos rebaixaron en 10 euros a súa proposta e pasan a reclamar de 190 a 180 euros máis ao mes. Piden ademais que a subida se faga efectiva en dúas anualidades, percibindo o primeiro ano o 70 por cento en 2018 (126 euros) e o 30 por cento (54 euros) ao ano seguinte. Ademais, os sindicatos piden unha cláusula de revisión anual con índice corrector e un plan de actuación para a recuperación do traballo perdido.

XUÍCES E FISCAIS

A este conflito vaise sumar un novo; o dos xuíces e fiscais que anuncairon xa mobilizacións este mércores e xoves para esixir melloras laborais. Así, as asociacións de xuíces e fiscais e os sindicatos de funcionarios CSIF e STAJ son os que convocan concentracións ante o Ministerio de Xustiza e os xulgados. Os primeiros en parar son os funcionarios, que se concentran, ás 13.00 horas deste mércores para protestar pola "actitude" do ministro Rafael Catalá e o seu equipo ministerial fronte ás súas reivindicacións. Segundo STAJ, este departamento non cumpre o acordo de decembro de 2015 asinado cos sindicatos para mellorar as condicións de traballo e resalta que "continúa coa súa actitude de non negociar, a pesar de que a lei lles obriga".

Os funcionarios que están en folga apoian tamén estas reivindicacións. "Teñen a razón porque a Xustiza foi denostada por todos os gobernos", asegura Pablo Valeiras. De feito, lembra que a media de xuíces, fiscais e funcionarios do Estado está por baixo da ratio europea. "E que a xustiza necesita máis medios e non só persoais, senón un investimento real en informatización e xestión dixital e nemos diñeiro para subvencionar aos medios", engade.

Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia
Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia
Reunión entre a Xunta e os sindicatos de xustiza galegos
Reunión entre a Xunta e os sindicatos de xustiza galegos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Xustiza xa

Se cada vez está máis claro o que queren estes impresentables....que os expedienten e os larguen á rúa dunha vez, pandilla de garrapatas.

2 Lisco

Ou sexa, se non entendo mal o que se di nesta información, resulta que agora van ao posto de traballo para cobrar sen traballar? Esta decisión non deixa quedar ben aos demáis funcionarios da Xunta.

1 De Galicia

Total, para lo que hacen habitualmente la mayoría de ellos, mejor que no cobren. Ahorramos el sueldo.