Por Ángela Precedo | OURENSE | 08/09/2025 | Actualizada ás 21:00
As ladeiras do val de Valdeorras, en pleno corazón de Ourense, viron pasar xeracións e xeracións de viticultores, choivas caprichosas, xeadas temperás e veráns secos. Pero o que se viviu este verán deixou nelas unha pegada distinta, máis escura: unha paisaxe cuberta de cinzas, un horizonte ennegrecido no que apenas sobresaen, como illas de vida, os viñedos aínda frondosos cargados de acios maduros. "Estou vendo aquí diante de min unha paisaxe de cinzas, o monte queimado e as vides verdes que resistiron como pequenas illas no medio da catástrofe, e que, ademais, estes días de vendima, atópanse con toda a frondosidade, polo que é un contraste impresionante", describe Raúl Prada Luengo, a cuarta xeración de viticultores de Adegas Valdesil, en Portela (Vilamartín de Valdeorras), mentres observa o horizonte.
Ese contraste entre o verde resistente e a devastación do lume marca a vendima deste 2025 en gran parte de Ourense, especialmente na DO Valdeorras. O cambio climático, con vagas de calor e sequías, intensifica cada vez máis os lumes en Galicia, e os viticultores, como Raúl, teñen que aprender a convivir con iso. "Son momentos difíciles, pero hai que adaptarse e continuar traballando", afirma coa serenidade de quen sabe que o oficio está feito de paciencia, resiliencia e pactos coa natureza. E é que Raúl é xa a cuarta xeración dunha familia de viticultores e elaboradores de viño, cunha tradición que, como conta, é a máis longa adicada ao cultivo da vide e á elaboración de viños en Galicia. Ademais, Adegas Valdesil atesoura un dos viñedos máis icónicos de Valdeorras e de Galicia, plantado polo seu bisavó, José Ramón Gayoso Santín, en 1885. "Considérase o primeiro viñedo da variedade godello", subliña con orgullo.
E é que ata que o seu bisavó deu o paso, o godello non tiña cabida por si só en Valdeorras, sempre mesturado en coplantacións. Foi José Ramón Gayoso Santín quen tomou a decisión, "tan trascendental e tan visionaria", de plantar unha viña enteiramente con godello. Unha decisión que moitos consideraron unha tolemia: "É unha variedade moi sensible e estamos nunha zona moi húmida, polos que todos os viticultores daquel entón dicían que estaba tolo, que era imposible plantar unha soa viña con esa variedade e que non recollería ningunha colleita". Moi pola contra, hoxe, o godello é a bandeira de Valdeorras, con prestixio e reputación a nivel internacional. E Valdesil foi medrando xunto a el, con equilibrio, xestionando maioritariamente viñedo propio e contando tamén con pequenos viticultores provedores, con quen unifican criterios de cultivo.
"O NOSO VIÑEDO REALMENTE FIXO DE CORTALUMES PARA QUE NON SE QUEIMARA A ADEGA NIN AS LAPAS CHEGASEN Á VILA"
A produción de Adegas Valdesil non é menor. "Nós puxémonos o teito na produción de 300.000 botellas de godello, porque consideramos que iso é o que unha mesma familia pode xestionar coa máxima calidade, pois estamos enfocados no segmento máis alto do mercado, perseguindo sempre a máxima excelencia nos viños que facemos", explica Raúl. Ese límite xa o alcanzaron hai anos, e agora xestionan a produción mediante un sistema de cupos anuais para cada cliente. "Sempre temos unha demanda un pouquiño máis alta do que producimos, pero seguimos limitados a esa cantidade para garantir a máxima calidade", sinala. Hoxe están presentes xa en máis de 20 países.
Agora ben, este ano será algo diferente. O golpe dos incendios cambiou o panorama para algúns dos seus provedores. "Directamente os lumes non nos afectaron, no senso de que as nosas viñas non arderon nin tivemos acios queimados, pero si temos provedores que nos comunicaron que perderan algunhas viñas", admite Raúl. A bodega, situada no centro dunha gran finca, actuou de cortalumes: "O noso viñedo realmente fixo de cortalumes para que non se queimara a adega nin as lapas chegasen á vila". Pero non todas as parcelas da zona correron coa mesma sorte. Nun territorio de minifundio como Galicia, con máis de 200 pequenas fincas repartidas polo val, algunhas delas atópanse illadas e rodeadas de monte sen coidar. "Iso é algo que sofren sobre todo os nosos provedores, que ven como ano tras ano as fincas dos arredores van deixando de ser traballadas, sendo un perigo ante a chegada das chamas", confesa.
"XA TEMOS PROVEDORES QUE NOS COMUNICAN POLO MENOS UN 20 E ATA UN 30 % MENOS DE COLLEITA NALGÚNS CASOS; HAI MOITA UVA QUE VAI QUEDAR NA VIÑA"
As perdas non se contan en cepas queimadas, senón en produción: "Xa temos provedores que nos comunican polo menos un 20 e ata un 30 % menos de colleita nalgúns casos concretos". O por que? Como explica Raúl, "xa non se trata de perder a produción das viñas que quedaron directamente afectadas polos incendios, senón que cando se desata a vaga de lumes, a temperatura sobe moitísimo e esa calor tan elevada fai que os acios que estaban a piques de rematar a súa maduración perdan auga e se deshidraten". A esa merma súmase a rigorosa selección de uva que practican: "Hai moita uva que vai quedar na viña porque estivo máis preto dos lumes e pode verse contaminada polo lume, polo que preferimos non correr riscos, imos facer unha selección moi rigorosa, o cal tamén leva a unha redución na produción".
Ademais, o calendario de vendima tamén se viu alterado este ano por mor da onda de calor de agosto. "Comezamos coa vendima o día 21 de agosto, porque tivemos que adiantala ante o risco de deshidratación da uva polas elevadas temperaturas que rexistramos na comarca durante ese mes, xa que, se a uva non ten auga, resulta imposible elaborar viño", apunta Raúl, que asegura que, antes dese mes, "este ano previamos unha vendima tardía, como a que se facía antigamente, como unha volta á tradición, pero a onda de calor de agosto e posteriormente a vaga de lumes romperon completamente o ciclo da uva". Neste senso, afirma que actualmente os viticultores viven nun proceso de adaptación constante.
"AÍNDA QUE ESTE 2025 SEMELLABA QUE VOLVERIAMOS AOS TEMPOS MÁIS TRADICIONAIS, ESTAMOS TENDO CASE A VENDIMA MÁIS TEMPERÁ DA HISTORIA"
E é que lembra que hai apenas unhas décadas ninguén pensaba en vendimar antes do 15 de setembro, data marcada pola festa local do Cristo. "Agora ocorre totalmente o contrario: dinme que hai que apurar para rematar de vendimar antes de que chegue o Cristo, polo que estamos falando de practicamente un mes de diferenza, algo que no campo supón moito cambio", asegura. Ese desfase viviuse tamén noutras prácticas vitivinícolas: adianto da poda, os tratamentos do viñedo... "Ao longo de catro xeracións en Valdesil tivemos que adaptarnos a moitas situacións, pero o que experimentamos nestes últimos anos foi moi significativo", confesa Raúl, que lamenta que "aínda que este 2025 semellaba que volveriamos aos tempos máis tradicionais, ao final estamos tendo case a vendima máis temperá de toda a historia".
A dimensión social tamén forma parte do relato da vendima. Atopar man de obra volveuse difícil ou case imposible para moitos produtores, pero en Valdesil aseguran manter certa estabilidade ano tras ano. "Contamos con xente que leva moitos anos vindo vendimar con nós, algúns mesmo son fillos de persoas que viñan antes ca eles, por iso eu sempre falo da nosa gran familia, incluíndo nela a toda esta xente que nos axuda durante a tempada de vendima e nos momentos do ano en que máis o precisamos", explica Raúl. Non obstante, confesa que con eles non é abondo, polo que dende hai catro anos tamén colaboran cunha empresa local que organiza cuadrillas especializadas en vendima. "Iso si, as parcelas máis emblemáticas, como ese viñedo do século XIX co que contamos e co que facemos os viños máis exclusivos, seguímolas vendimando nós directamente", apunta.
INICIO DA VENDIMA
A Denominación de Orixe (DO) Monterrei (Ourense) comezou a súa campaña de vendima este domingo na adega Francisco Pérez Diéguez, en Verín, con previsións de recoller unha colleita "superior á do ano anterior".
Segundo trasladou o seu presidente, Manuel Vázquez, consultado por Europa Press, a DO celebra que "hai unha boa colleita feita" á espera de "superar os quilos de uva do ano pasado". "Contamos que a colleita sexa máis grande porque temos inscritas sobre unhas 70 hectáreas máis", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.