A coexistencia co ser humano pon en perigo a supervivencia do oso pardo

Unha investigación conclúe que as trampas evolutivas e ecolóxicas poden ser a clave que pon en perigo a supervivencia destes animais, con presenza en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/04/2018 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Un estudo liderado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) demostra que a coexistencia do oso pardo co ser humano causa un declive das poboacións deste gran carnívoro. Os investigadores concluíron que as trampas evolutivas e ecolóxicas poden ser a clave que pon en perigo a supervivencia destes animais.

Osos
Osos | Fonte: CSIC.

Os científicos denominan “trampas” á falta de conciencia dos osos do cambio no seu hábitat, normalmente producido pola acción humana. Os animais toman por bos recursos que reducen o seu benestar a longo prazo, por exemplo, comendo do lixo.

No estudo, publicado en Mammal Review, analizáronse os diferentes mecanismos de trampas que poden afectar as poboacións mundiais de osos, desde o oso pardo europeo ata os grizzlies de Norte América.

“A hipótese de partida era que en zonas máis próximas á civilización, a actividade humana pode chegar a modificar o hábitat sen que os animais se dean conta, o que introducía factores de mortalidade difíciles de detectar por parte dos osos”, explica Vincenzo Penteriani, investigador do CSIC no Instituto Pirenaico de Ecoloxía.

Os investigadores detectaron varios mecanismos diferentes de trampas, por exemplo, o uso de recursos alimentarios naturais preto de infraestruturas humanas e zonas agrícolas ou o uso de recursos alimentarios artificiais de orixe humana.

Os efectos máis graves xerados por trampas evolutivas e ecolóxicas maniféstanse nun aumento da mortalidade dos individuos máis novos e das crías de primeiro ano. Ademais, os osos poden sufrir problemas fisiolóxicos e as súas poboacións locais poden ver a súa estrutura social desestabilizada.

“Detectar os mecanismos destas trampas e os lugares onde poden estar a actuar é de crucial importancia para a conservación das poboacións de osos”, sinala o investigador do CSIC.

Os resultados do estudo poden aplicarse tamén na investigación sobre o descenso de poboacións doutros grandes carnívoros, segundo os seus autores.

PROTEXER O OSO PARDO EN GALICIA

O oso pardo ibérico está en perigo de extinción. Galicia é unha importante reserva para esta especie na Península Ibérica, con presenza destacada nas serras do Courel e Os Ancares.

O pasado ano, A Xunta de Galicia anunciou 1,6 millóns de euros para axudar a protexer o oso pardo nestas serras, con financiamento do programa europeo LIFE, e coordinado pola Fundación Oso Pardo (FOP) co apoio da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

A poboación de osos pardos na Cordilleira Cantábrica estabilizouse con 40 femias e 67 crías, segundo o último censo realizado en 2016 en Asturias, Cantabria, Galicia e Castela e León.

Os datos, dados a coñecer o verán pasado, sitúan a poboación global de oso pardo na Cordilleira Cantábrica en mínimos de entre 260 e 270 exemplares. Os expertos agardan que a colonización do oso pardo en terras galegas progrese nos próximos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta