Aldea Viva acusa as empresas que xestionan a mina de Touro-O Pino de "disfrazar o evidente desastre ambiental"

A asociación critica a utilización interesada do termo "comunidade científica" por parte das empresas para avalar os proxectos que alí se desenvolven.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/04/2018 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A asociación Aldea Viva critica a utilización interesada do termo "comunidade científica" por parte das empresas de valorización da antiga mina de Touro-O Pino para avalar os proxectos que alí se desenvolven. As catro empresas do proxecto afirmaron esta semana que "as augas de choiva" que chegan ao depósito de decantación de Bama "cumpren os parámetros esixibles pola normativa e non afectan o medio natural". E aseguraron que o mesmo ocorre co caudal do río Brandelos, para o que se basean nas análises realizadas "por un laboratorio apoiado pola entidade nacional de acreditación". Para Aldea Viva, o único que están a facer é "avalar proxectos que responden aos seus intereses".

Contaminación tralo desbordamento da balsa mineira de Bama, en Touro
Contaminación tralo desbordamento da balsa mineira de Bama, en Touro | Fonte: Aldea Viva.

Aldea Viva recorda que a balsa mineira de Bama (Touro) que rebordou durante as fortes choivas e motivou a denuncia por parte desta asociación, formaba parte das infraestruturas da explotación mineira de Rio Tinto Patiño que estivo en activo entre os anos 1973-1986. "Así o constatan as ortofotos dos anos 1983 e 1985, coincidindo co período de actividade mineira, nas que queda patente a existencia da balsa", remarca a asociación.

A balsa, proseguen, "por ser a situada na cota máis baixa da corta de Bama é a que recepcionaba as augas de drenaxe de entulleiras e cortas situadas na cota superior, que recibía a través dunha canle de recollida". 

"Dende esta balsa as augas serían transferidas ás balsas de decantación situadas en cota superior mediante bombeo, o que evitaba o seu rebordamento. Estas instalacións de recuperación das augas actualmente non existen, polo que o rebordamento da balsa é inevitable en épocas de choivas, coa consecuente vertedura ao río Brandelos", denuncia Aldea Viva, que subliña que "modificacións topográficas posteriores ao cesamento da actividade mineira de Río Tinto deron lugar a que agora grandes extensións de entulleiras e cortas abertas drenen as augas directamente ao río".

Dadas as características dos materiais lixiviados, o contido desta balsa serían "augas hiperacedas de drenaxe aceda de mina, ás que actualmente se suman residuos derivados dos  lodos ou «supostos tecnosoles», botados en boa parte das entulleiras durante os últimos quince anos", engaden.

Contaminación tralo desbordamento da balsa mineira de Bama, en Touro
Contaminación tralo desbordamento da balsa mineira de Bama, en Touro | Fonte: Aldea Viva.

Así mesmo, Aldea Viva denuncia defectos de impermeabilización e filtracións na balsa", de xeito que "unha vez finalizan as choivas, esta baléirase por filtración, tal e como sucedía no pasado mes de decembro".

O BRANDELOS, UN "RÍO MORTO"

Os efectos destas augas fixeron que o Brandelos sexa hoxe en día un "río morto", polo que os membros de Aldea Viva non comprenden como, "á vista do estado lamentable dos terreos e das augas, empresas con intereses nos feitos denunciados e unha vez aberto expediente pola Administración, proclamen a suposta boa calidade das augas e rexeneración do río Brandelos"

Así mesmo, consideran que "toda proclama ou aval en defensa das supostas melloras ambientais por parte de técnicos ou catedráticos con intereses económicos nestas empresas (directamente ou a través de familiares) carecen obviamente de toda obxectividade".

Os recentes comunicados destas empresas nos que valoran positivamente os resultados de supostas analíticas non poden ser cualificados máis que de "operacións de marketing e lavado de imaxe", para Aldea Viva, que as acusa de utilizar "falsos eufemismos", como chamar "agua de chuvia" ás drenaxes de mina, ou "depósito de decantación" a balsa mineira, "todo co propósito de disfrazar o evidente desastre ambiental que se vén producindo dende os anos oitenta".

Aldea Viva agarda ao avance na tramitación do expediente pola Administración autonómica, a quen corresponde a vixiancia e control, e establecer as medidas correctoras e cohercitivas.

Balsa mineira de Bama (Touro)
Balsa mineira de Bama (Touro) | Fonte: Aldea Viva.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta