A Xunta tranquiliza a Portugal: "O risco de que cheguen patacas afectadas é reducido”

A Consellería de Medio Rural rebaixa a alarma xerada en Portugal pola couza guatemalteca con entrevistas en medios portugueses logo de dar un aviso para aumentar o control de patacas na fronteira.

Por Galicia Confidencial | Portugal | 17/04/2018 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

O risco de que a peste das patacas, coñecida como couza guatemalteca, chegue a Portugal é “reducido” segundo a Xunta de Galicia. O xefe do Servizo de Saúde e Produción Vexetal da Xunta de Galicia, Victor Novo, foi o encargado de tentar reducir o temor no país veciño logo de que el mesmo o provocara ao suliñar que  "hai motivos para preocupación" e que “con este escenario, debemos ter medo".

Praga da pataca
Praga da pataca

En declaracións á emisora Radio Renascença, a Xunta destaca que o risco para Portugal “é reducido” e só existiría se patacas afectadas entraran en Portugal.  “O que quero dicir é que o risco non resulta do voo do insecto, porque a capacidade de voo do insecto é moi baixa”, indicou. O risco estaría se houbera persoas que mercaran patacas en zonas infestadas e as levaran para Portugal.

Hai uns días, as autoridades portuguesas foron alertadas para exercer un maior control fronteirizo para controlar as patacas que chegan de Galicia.  “Foron alertadas, como foi alertada toda a Europa. Cando acontece unha praga como esta, o deber do Estado membro afectado, neste caso a España, é avisar a Comunidade Europea e o resto dos Estados membros. Todos saben que en España, nalgunhas zonas da Galiza, temos este problema coa pataca”, xustifica a Xunta.

Con todo, tentou tranquiliar aos veciños lusos suliñando que “as zonas produtoras de Galicia que poidan ter algún tipo de comercialización con Portugal están libres desta praga”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta