María Pujalte, Sara Casasnovas e Tamar Novas, no elenco galego de 'Elisa e Marcela', de Isabel Coixet

A película gravarase en Galicia entre o 21 de maio e o 6 de xuño

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2018 | Actualizada ás 19:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A nova película de Isabel Coixet, 'Elisa e Marcela', contará cun elenco galego no que se atopan intérpretes como María Pujalte, Sara Casasnovas, Tamar Novas e Manuel Lourenzo.

Isabel Coixet
Isabel Coixet | Fonte: Europa Press

Segundo informa a produtora galega Zenit TV nun comunicado, a película de Coixet gravarase en Galicia entre o 21 de maio e o 6 de xuño, após uns días de rodaxe en Cataluña, mentres se espera que a cinta estea lista en torno ao mes de novembro.

O filme narra a historia das primeiras e únicas mulleres lesbianas que chegaron a casar pola Igrexa en España. A voda destas dúas mestras tivo lugar o 8 de xuño de 1901 na parroquia coruñesa de San Xurxo despois de que Elisa se fixese pasar por un home. Após a celebración do matrimonio, ambas tiveron que fuxir ao exilio a Portugal ao ser descubertas polos seus veciños.

Deste xeito, María Pujalte fará da nai de Marcela; Sara Casasnovas será Ana, a filla de Marcela; Tamar Novas, no papel de Andrés, o pretendente de Marcela; Roberto Leal interpretará ao cura de Dumbría.

Manuel Lourenzo será o párroco que oficiou a voda; Luísa Merelas dará vida a unha monxa cega; Mariana Carballal, no papel da profesora de historia; mentres que Cova Verdiñas e Elena Seijó serán veciñas de Elisa e Marcela.

MÁIS DUN CENTENAR DE FIGURANTES

Ademais do elenco principal outros 16 actores e actrices galegos participarán na obra con pequenos papeis, que se coñecerán proximamente. Así mesmo, haberá un total de 140 figurantes galegos que serán seleccionados ao longo do mes de maio.

Pola súa banda, os papeis principais de Elisa e Marcela serán interpretados polas actrices Natalia de Molina e Greta Fernández, respectivamente.

A película está producida conxuntamente por Zenit TV, Rodar y Rodar, xunto a Lanube. Mobilizará a numerosos medios técnicos e artísticos galegos, xa que máis da metade da gravación será en Galicia.

Recibe o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Institut Català de les Empreses Culturals (ICEC). Son coproductoras do filme Netflix, a TVG, Televisió de Catalunya e Canal Sur.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta