Este país nunca será diferente

Nesta especie de circo no que se está a converter o escenario político español, no que incompetentes e analfabetos funcionais ocupan postos de relevancia, é evidente que algúns están a gañar, por méritos propios, o lugar reservado aos pallasos.

Por Manuel G. Antón | Fene | 24/02/2011

Comparte esta noticia




As habilidades lingüísticas de D. José Blanco puxéronse xa de manifesto cando reacuñou os conceptos de privatización, agora xestión público-privada, e copago, según él, compartir o pago dun servizo público conmigo mesmo. Tampouco as matemáticas dánselle mal. Como mostra, a súa particular cuantificación das cifras que levaron ao límite da quebra a AENA, situación que, diga o que diga, pouco ten que ver cos presuntos salarios dos controladores.

Polo que respecta aos seus coñecementos en materia económica, a verdade e que fai falla valor para se permitir o luxo de enviar mensaxes a eses que eufemísticamente denomina como “mercado”. O sabio refraneiro, como sempre, achega unha explicación convincente: “a ignorancia eche moi atrevida”. Esto vén a conto porque ainda me lembro de cando a entregada condutora dun programa de Televisión Española, creo que 59 segundos, facía desesperados esforzos para sacalo da bouza na que se meteu cando se empeñou en cualificar como regularizado (que non está sometido a grandes oscilacións e segue unhas pautas previsibles) a un mercado regulado (que funciona conforme a regras). A moza, impotente, non tivo outra opción que renderse á evidencia.

Descoñecía, iso si, o seu refinado gusto pola literatura. A súa, cando menos sorprendente, reinterpretación do poema de Machado non pode deixar a ninguén indiferente. De feito, xunto coa súa brillante intervención no programa de televisión “La Noria”, faille acredor a presentarse como unha alternativa crible a Belén Esteban no mundo da televisión. Mentres ela, en xusta reciprocidade, faise tamén merecedora a un posto destacado na política española; conclusión lóxica a partir dun somero estudo de análise comparada.

“Abrindo o camiño ándese o camiño
Verso a verso
Paso a paso
Faise o camiño ao andar

Precisamente vós facedes camiño ao andar
Proxecto a proxecto
Expediente a expediente
Obra a obra"

Por unha vez, e sen que sirva de precedente, voume solidarizar cos ensinantes universitarios e recoñecer o baixo nivel co que acceden algúns estudantes de bacherelato aos estudos superiores. Ainda que tamén é certo que, engadíndolle un par de versos á esta impagable versión: “pelotazo a pelotazo, billete a billete, pisiño a pisiño, ...”, non deixaría de ser unha perfecta descrición do modus operandi que sempre caracterizou á política española ao longo da historia. ¿En qué estaría a pensar este home?

Supoño que xa todos coñecen ese vello chiste que argumenta sobre os motivos que levaron a substituir aos burros polos enxeñeiros na técnica de determinar a traza máis curta e segura para as estradas de montaña. Baixo a batuta de ideólogos con este nivel intelectual, estamos a recuperar os modelos políticos e sociais da mais rancia tradición española: castes e estruturas feudais, militarización de traballadores, dereitos sociais e laborais do pleistoceno, salarios miserentos, emigración a Alemaña, corrupción galopante, …, e o fomento masivo da ignorancia. E porque non, como este país nunca será diferente, recuperamos tamén o noble papel do burro como responsable da planificación e o desenvolvemento das infraestruturas de carácter estructural ou estratéxico que tanto necesita este país.

Que o Deus dos socialistas católico-neoliberais nos colla confesados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Guillermo Antón Villamil Naceu en Ferrol en 1957, aínda que a súa vida sempre estivo ligada ao Concello de Fene. É Arquitecto Técnico, Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, e Diplomado en Estudos Avanzados en Administración e Dirección Pública. Neste intre prepara a súa tese doutoral na área de investigación de Economía Aplicada. Funcionario de Administración Local e Experto en Formación Ocupacional, compaxina estas actividades co exercicio como profesional liberal. Froito dos seus traballos de investigación, publicou A Formación da Axenda da Política Galega de Acuicultura Mariña (Edicións Embora, 2009) e A Ceca de Xuvia: una visión dende a Economía (Edicións Embora, 2009). En relación coas súas actividades no Concello de Narón, publicou varios artigos sobre a xestión de residuos sólidos urbanos na revista Equipamientos y Servicios Municipales.