O bo ladrón

Permítanme que unha vez máis me asome a esta xanela de liberdade. Ultimamente estiven moi ocupado tratando de arranxar as desfeitas dalgúns políticos e créanme, son tantas e tan grandes que apenas me queda tempo para outra cousa. Pero a imaxe na televisión do noso Presidente, fantasmal porque nunca aparece cando a situación o demanda, pero si cando se terza a foto de rigor, tocoume a moral, por non referirme a unha parte do corpo máis material e sensible, e creo que merece un comentario.

Por Manuel G. Antón | Narón | 21/07/2012

Comparte esta noticia

Que queren que lles diga, ver a un político devolvendo algo que presuntamente non roubou non deixa de ter un puntiño de coña. Porque a este “valente” non lle trema o pulso para aumentar os impostos ao pan, recortar as pensións, pór impostos á enfermidade, cargarse a sanidade e o ensino públicos, ou amnistiar, economicamente iso se, a traficantes de droga, ladróns de luva branca ou vulgares defraudadores, coincidindo ademais, para maior escarnio, coa campaña da declaración da renda. Pero tampouco lle doen prendas para gastarse uns cantos miles de euros (avión, coche oficial, seguridade, palmeiros e palanganeiros, ..., e todos a pensión completa, por suposto), financiados, iso si, con cargo a uns cantos cafés que el e o seu imaxinativo compañeiro de partido, ese que dedicou a súa vida a gorronear á sanidade, entre outros, sisan aos pensionistas, todo por chupar un pouco de cámara.

 
Home, a verdade é que eu preferiría que se presentara para devolvernos o importe da súa cota persoal de participación na malversación de fondos públicos e na corrupción política que endémicamente arrasaron este país ata levalo á situación económica na que se atopa. Ao fin e ao cabo, non deixa de ser unha das múltiples formas de latrocinio. E  non me veñan agora con que a culpa é toda do PSOE, porque os aeroportos, as cidades da cultura, os parques temáticos, os macroproxectos de urbanización, as concesións e privatizacións, os contratos de obras e de servizos, ..., todos eles, por suposto, previo pago das oportunas peaxes, son cousa de todos. E tamén as ONGs, as fundacións e os medios de comunicación vinculados aos partidos, que viven, e moi ben por certo, á conta do diñeiro público. E o noso Presidente, que antes o foi da Deputación de Pontevedra, e paseouse logo por varios despachos ministeriais e tamén exerceu como Vicepresidente, algo terá que ver con este putiferio.
 
Pero miren por onde, isto non ten pinta de rematar. Recentemente o seu principal discípulo galego anunciou como inmediata a necesaria, e non por iso longamente esperada, posta en funcionamento das instalacións de saneamento da marxe sur da Ría de Ferrol. Para culminar o proxecto é necesario construír os interceptores e colectores ao longo da costa, obra que será xestionada por unha empresa pública estatal. Independentemente das críticas que poida merecer o proxecto, en particular, o esaxerado custo enerxético de funcionamento que, por razóns de deseño, cando menos estará dedicado nun 40% a bombear augas pluviais, suporá un desembolso de case 40 millóns de euros para as arcas das Administracións Públicas implicadas. Os usuarios, e todos nós por eses estraños milagres multiplicativos da débeda pública, teremos que devolvelos con inusitados intereses e, ao peor, con algúns novos recortes. O realmente curioso do caso é que esta mesma obra xa foi executada entre os anos 1997 e 2003 e nunca chegou a entrar en servizo. O custo para o erario público, naquela ocasión, foi de 13,5 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Guillermo Antón Villamil Naceu en Ferrol en 1957, aínda que a súa vida sempre estivo ligada ao Concello de Fene. É Arquitecto Técnico, Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, e Diplomado en Estudos Avanzados en Administración e Dirección Pública. Neste intre prepara a súa tese doutoral na área de investigación de Economía Aplicada. Funcionario de Administración Local e Experto en Formación Ocupacional, compaxina estas actividades co exercicio como profesional liberal. Froito dos seus traballos de investigación, publicou A Formación da Axenda da Política Galega de Acuicultura Mariña (Edicións Embora, 2009) e A Ceca de Xuvia: una visión dende a Economía (Edicións Embora, 2009). En relación coas súas actividades no Concello de Narón, publicou varios artigos sobre a xestión de residuos sólidos urbanos na revista Equipamientos y Servicios Municipales.