SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2018 | Actualizada ás 21:05 por EUROPA PRESS
Os traballadores da xustiza rexeitaron nas asembleas celebradas este venres a oferta presentada pola Xunta a semana pasada e aceptada este xoves por catro dos sete sindicatos que integraban o comité de folga --SPJ-USO, UXT, CISF e CC.OO.--. En concreto, un total de 836 traballadores --52,8%-- votaron que non e 746 que si --47,2%--.
O veredicto dos funcionarios fai que o paro, que este venres encaraba o seu 80 día consecutivo, continúe coa incógnita de cal será o seguinte paso tendo en conta que a unidade sindical está rota e á espera de que a Xunta volva convocar unha negociación.
O non á proposta do Goberno galego impúxose nas cidades de Pontevedra --184 síes e 50 nons--, Vigo --204 nons e 112 síes--, Lugo --86 fronte a 54-- e Ferrol --54 fronte a 49--. Pola súa banda, apoiaron o si os funcionarios da Coruña --237 síes e 172 nons--, Ourense --135 síes e 102 nons-- e Santiago -- 109 sies e 34 nons--.
Nunha reunión celebrada o xoves en Santiago, catro dos sete sindicatos que conformaban o comité de folga na xustiza --SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.-- aceptaron o xoves a proposta presentada polo Goberno galego a semana anterior. Os outros tres --Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG-- rexeitárona ao considerar que non cumpría as reivindicacións dos traballadores e introducía unha cláusula de revisión que supuña unha "soga no pescozo" dos funcionarios.
En concreto, o ofrecemento da Administración traducíase un aumento de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirían o 50% desta alza neste exercicio unha vez que se valide o acordo, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.
O desenvolvemento das asembleas caracterizouse polos momentos de tensión. Así, os sindicatos que apoiaron o acordo acusaron ás outras tres centrais de "tentar boicotear a votación". Pola súa banda, Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CC.OO. criticaron que os sindicatos partidarios do si "controlasen" as votacións.
Así mesmo, aínda que en todas as cidades houbo presenza policial, os principais incidentes rexistráronse en Pontevedra e Vigo. Nestas urbes houbo enfrontamentos verbais entre as partes. Ademais, un dos representantes de SPJ-USO, Nilo Fernández, presentou unha denuncia ante a Policía Nacional na asegura que lle raiaron o coche que tiña aparcado ante os xulgados da Parda de Pontevedra.
VALORACIÓNS
Despois de coñecerse os resultados, o tres sindicatos contrarios ao acordo mostraron a súa satisfacción. En primeiro lugar, o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, asegurou que co seu voto os traballadores "deixan claro" que non permitirán que se lles "tombe". "Roma non paga a traidores", manifestou Valeiras, que considerou que agora terán que pór en marcha novas asembleas para "reconducir" o conflito laboral após este novo xiro.
Así mesmo, Enrique Araújo (STAJ) celebrou o "rexeitamento absoluto" mostrado polos traballadores. "Ratifica que os sindicatos que non asinamos somos os que estamos cos traballadores", subliñou antes de argumentar que agora "ten que mover ficha" o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e "chamar" a este tres centrais a negociar.
Pola súa banda, Óscar Freixido (CIG) considerou que a votación evidencia que o tamén conselleiro de Xustiza "debe ser cesado". Ademais, emprazou á Xunta a convocar unha mesa "xa para o luns". "Se non a convocan son eles os que alargan a folga, a xente falou", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.