Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/05/2018 | Actualizada ás 16:18
As buscas de palabras nos dicionarios en liña teñen a vantaxe sobre os tradicionais, en papel, de que se pode cuantificar as procuras e detectar intereses dos que os consultan. Grazas a eses rexistros, o Dicionario da Real Academia Galega destaca cada día no seu sitio web as dez palabras máis buscadas da semana e do mes; termos que indican tamén tendencias de interese entre os cidadáns, que se poden ver condicioandos por distintas variables e factores, como pode ser, por exemplo, a actualidade ou determinados eventos.
Por exemplo, a eliminatoria entre o Real Club Celta e o Manchester United o pasado ano, nas semifinais da Uefa Europe League, disparou as consultas da palabra «afouteza» (lema dos vigueses naquela competición), converténdoa no termo máis consultado.
Curiosamente, esta semana coáronse entre as palabras máis buscadas dous termos sexuais: «porno» e «pirola», o primeiro no segundo posto dos vocábulos con máis procuras e o outro, no cuarto posto.
Sorprende a aparición destas palabras entre os termos máis buscados cando non semellan ser termos que susciten dúbida sobre o seu significado ou o seu correcto uso, ao igual que «hotel» ou «gaita», que aparecen no terceiro e quinto posto, respectivamente.
Tamén chama a atención que a palabra «anglosaxón» é non só a palabra máis procurada da semana, senón tamén do mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.