Por E.P. | VIGO | 04/06/2018 | Actualizada ás 14:56
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evitou este luns pronunciarse sobre o futuro político de Mariano Rajoy e a súa propia presenza, cada vez máis forte, nas 'quinielas' como posible sucesor do seu xefe de filas e expresidente do Goberno central.
Durante unha visita ás obras da Cidade da Xustiza de Vigo, no medio dunha gran expectación mediática, Feijóo foi preguntado acerca de se vai ser o sucesor de Rajoy e se vería con bos ollos que se impulsase no seu partido un congreso extraordinario, pero evitou responder a calquera pregunta respecto diso.
"Mañá temos Executiva. Agora estou como presidente da Xunta nun acto oficial. Mañá falaremos do partido", sentenciou o tamén líder do PP galego, quen acudirá ao Comité Executivo que o seu partido celebrará este martes para analizar a situación após perder o Goberno ao triunfar a moción de censura do PSOE.
Aínda que este luns preferiu non falar, si o fixo o venres pasado, cando apelou a "escoitar" a Rajoy no Comité Executivo antes de facer máis valoracións, posto que considera "determinante" a opinión do seu xefe de filas.
Ademais, Feijóo volveu remarcar entón que quedan "dous anos de mandato", até 2020, e que o seu compromiso é "cumprir" coas súas obrigacións "como presidente da Xunta". "Estou a disposición de Galicia e do partido, pero de Galicia", dixo sobre o seu futuro a pesar de que dirixentes, como Margallo, cren que sería un bo sucesor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.