A tecnoloxía de Vigo viaxa ata o Parc Científic de Barcelona

O Parque Tecnolóxico de Vigo estivo presente na asemblea da APTE, onde se deron a coñecer os datos estatísticos "moi positivos" deste último ano.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/06/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Parque Tecnolóxico de Vigo estivo presente na asemblea xeral da Asociación de Parques Científicos e tecnolóxicos de España (APTE) representado pola directiva do Consorcio, Rosa Eguizábal. Durante esta asemblea, que tivo lugar no Parc Científic de Barcelona, presentáronse os datos estatísticos sobre a actividade das entidades situadas nos parques científicos e tecnolóxicos españois.

Parque Tecnolóxico de Vigo
Parque Tecnolóxico de Vigo

RESULTADOS "MOI POSITIVOS" 

Os parques Socios de APTE pecharon o pasado ano cun total de 8.013 empresas e entidades instaladas nos seus recintos, o que supón unha subida do 2,89% respecto ao ano anterior. Do total de empresas, 345 son de capital estranxeiro e 963 son empresas en incubación, con menos de 3 anos de antigüidade. Ademais, os parques sumaron 931 entidades, entre empresas de nova creación e instaladas nos parques.

O emprego tamén mellorou significativamente incrementándose en 4,95% o número de traballadores nos parques, datos que se traduce en 169.337 empregados, dos cales, 34.1631 son persoas especializadas en tarefas de investigación e desenvolvemento (I+D). Isto supón un aumento de case o 13% con respecto a 2016.

A facturación das empresas tamén experimentou un avance moi significativo con respecto ao pasado ano, alcanzando a cifra de 27.043 millóns de euros facturados, un 3,72% máis que en 2016. Así mesmo, durante o ano 2017 os parques acumularon un investimento en actividades de I+D de 1.072 millóns de euros, cifra, con todo, que diminuíu con respecto ao ano anterior. 

O ranking de sectores produtivos onde os parques aglutinan maior número de empresas segue estando liderado polo sector TIC co 23,1% das empresas, seguido polo sector Enxeñaría, Consultoría e Asesoría co 19,2% e o sector Medicamento e Saúde co 6,1%.

NOVAS INCORPORACIÓNS E NOVO EXECUTIVO

Dous novos membros adquiren a condición de Socios: O Parc UPC Universidade Politécnica de Catalunya, unha contorna de innovación cunha elevada concentración de coñecemento e tecnoloxía, e o Parque Científico Tecnolóxico de Córdoba S.I., onde participan diferentes actores do sistema de innovación: emprendedores, empresas, universidades, infraestruturas de investigación e innovación e administración. Tras estas novas incorporacións, APTE conta cun total de 64 membros.

Ademais, a asemblea tamén elixiu un novo Comité Executivo que seguirá encabezado por  Felipe Romera como presidente. Así pois, poñeranse a traballar co reto de conseguir que se recoñeza o papel dos parques científicos e tecnolóxicos como organismos intermedios imprescindibles do Sistema de Innovación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta