Temas: GANDERíA AMES

Ames, centro mundial de cría de vacún

Trece razas de vacas de diferentes partes do mundo criaranse na aldea de Trasmonte baixo o sistema gandeiro galego. Unha vez que rematen os anos de cría, Ames acollerá unha cata internacional onde os mellores chefs do mundo valorarán a calidade das carnes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2018 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Ames inicia o primeiro proxecto mundial de cría de vacún no que se manterán trece razas de vacas diferentes, vidas de moi diversas partes do mundo. Durante 24 meses, estes animais, de idades semellantes, estarán alimentadas do mesmo xeito, no mesmo lugar - a parroquia de Trasmonte -, cos mesmos coidados e coa máxima pureza posible. O obxectivo é demostrar que as carnes destas especies doutros países poden conseguir unha calidade óptima sendo criadas aquí, en terras galegas. 

Vacas da Casa Grande de Xanceda. Foto cedida.
Vacas da Casa Grande de Xanceda. Foto cedida.

A empresa Discarluz é quen pon en marcha este proxecto, que leva por nome “Fisterra Bovine World e que se inaugurou este luns, 18 de xuño, no concello de Ames. Ao acto de presentación acudiu o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, xunto co técnico de promoción económica. Ademais, este proxecto está apadriñado polo exseleccionador español, Vicente del Bosque

POÑER TRASMONTE NO MAPA INTERNACIONAL

Tras moitos meses de traballo e quilómetros percorridos, buscando a leira galega que
mellor se adaptase ao proxecto, con bos pastos, rodeada de vexetación, auga nas
proximidades e aire puro, a empresa Discarlux atopou o destino ideal no concello de
Ames, na aldea de Trasmonte. Unha leira rural tipicamente galega, rodeada de piñeiros e
carballos autóctonos, pastos naturais e situada a escasos 20 quilómetros da costa será o lugar en que se criarán e medrarán estas trece razas de vacas.

Trece razas bovinas distintas con morfoloxías diferentes, alimentadas e criadas baixo o
sistema gandeiro galego, usando alimentación propia da zona baseada en millo autóctono
do pais e pastos próximos ao mar. Como é lóxico, non están todas as razas cárnicas do
mundo, pero seleccionouse unha mostra representativa do máis alto nivel, elixíndoas pola
súa boa adaptación, morfoloxía e rendemento. Así, os emprendedores do proxecto teñen o convencemento de que van ofrecer unha alta calidade, con pouco que envexarlle á Rubia Galega.

A iniciativa será valorada pola Universidade de Santiago de Compostela unha vez pasen os anos de cría e, ademais, os mellores chefs do mundo valorarán a calidade das carnes por medio dunha cata internacional.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou “a importancia do proxecto que poñerá a
Trasmonte no mapa internacional. Na actualidade, a parroquia de Trasmonte xa conta con
sona mundial grazas ao camiño de Santiago a Fisterra, que atravesa esta parroquia de
Ames”. Para o goberno municipal, este proxecto é dun enorme calado e “buscarase
potenciar o entorno coa posta en marcha dunha aula de formación, que permita a
gandeiros de toda España achegarse a coñecer o proceso de cría, así como abrir á
mocidade dos colexios esta explotación para que coñezan o mundo da cría de vacún”.

PROXECTO APADRIÑADO POR VICENTE DEL BOSQUE

O evento foi presentado polo xornalista de Televisión Española, Jota Abril, e amenizado
polos actores e humoristas Sergio Pazos e Miguel Lago. José Portas e Carlos Rolda
(xerentes de Discarlux e fundadores do proxecto) ofreceron un emotivo discurso no que
non faltaron os agradecementos e a entrega dunha placa, que quedará colocada no
cortello, en memoria do xornalista José María Iñigo, bo amigo da empresa promotora.

No acto tamén participou o actor Juan Echanove para agradecer o traballo que se está a
acometer. Igualmente, estiveron presentes profesionais do mundo da cociña en representación dos mellores restaurantes do mundo, como o noruego catalogado mellor restaurante do mundo, ou outros internacionais de Francia, Alemaña ou Irlanda, ademais de nacionais da categoría do Kabuki.

A parte institucional estivo representada polo subdirector xeral de gandería da Xunta de
Galicia, Jorge Enrique Mourela, polo alcalde do Concello de Ames, José Miñones, e pola
concelleira de Promoción Económica, Participación e Atención Veciñal, Isabel González.
Tamén acudiu o axente local de emprego do Concello de Ames, Jorge Couñago. Ao final
dos discursos houbo unha gran festa co polbo e a carne galega como protagonistas, nun
ambiente desenfadado onde non faltaron os viños galegos, o vermú ou a cervexa galega.

Temas: GANDERíA AMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta