| 30/06/2018 | Actualizada ás 20:10 por EUROPA PRESS
As mareas municipalistas expresaron o seu malestar pola "ingerencia" da dirección de En Marea "en contra dos acordos fundamentais aprobados nos seus plenarios" ao apoiar Marea de Ferrol, unha escisión de Ferrol en Común, que goberna a cidade desde 2015 e que as mareas recoñecen como o "lexítimo espazo de unidade popular e de ruptura" na cidade departamental.
Esta é unha das conclusións extraídas do III Encontro Municipalista, celebrado este sábado precisamente en Ferrol con presenza de 150 persoas en representación de 25 mareas. Alí tamén estiveron os alcaldes de Ferrol (Jorge Suárez) e Santiago (Martiño Noriega), así como deputados autonómicos como Antón Sánchez (Anova).
Deste xeito, entre as conclusións da xornada destaca a crítica lanzada á dirección de En Marea que encabeza Luís Villares por apoiar o nacemento dun proxecto escindido de Ferrol en Común, en cuxa presentación puido verse a membros da coordinadora (que equivale á executiva nun partido clásico) do partido instrumental.
"En Marea naceu como reflexo das mareas municipalistas e non debería afastarse dos principios políticos dos que se dotou no seu momento constituínte", sinala o comunicado remitido aos medios coas conclusións da xornada, no que engaden que En Marea non debe "actuar como un instrumento de parte que dificulte os procesos de unidade popular no ámbito municipal".
A elección da coordinadora de En Marea hai xa un ano e medio provocou unha fractura no seo rupturista que afastou as posicións de Anova, EU, Podemos Galicia e algunhas mareas municipalistas respecto dos sectores que controlan os órganos de dirección do partido instrumental, no que se integran membros de Cerna, unha parte non oficialista de Anova e outros proxectos municipais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.