Somos o que comemos, señor Feijoo

“Os actos de decisión estámolos exercendo en tódolos eidos da vida: no cotidiano, no xogo, na arte e, por fin, na moral e na política.” (Diario sin datas, Antón Tovar).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 18/07/2018

Comparte esta noticia
O señor dos Peares pretendía que esqueceramos aquela preciosa foto en tecnicolor con Marcial Dorado fotografándose con Cospedal, pero, por desgraza, velóuselle o carrete. Entón deixouse querer por outro, e apareceu nun retrato co herdeiro de Aznar –e presunto trampón– Pablo Cadado, para que puidésemos contemplar, con absoluta nitidez, esa tonalidade gris escura, que sempre acaba pondo en evidencia o auténtico rostro de seres tan singulares e exquisitos como o noso presidente. 
 
Na foto vese un Feijoo gozoso e pletórico, deixándose cortexar por ese Casado, a piques de contraer matrimonio, iso si, en segundas nupcias, para darlle celos á ex-vicepresidenta, porque sabe ben que foi ela quen lle meteu o medo no corpo, cando pretendía inscribirse na competición pola xefatura maior do PP. 
 
Pero, por esa diabólica foto con Casado, ou por aquilo de “dime con quien andas y te diré quien eres”, e non por arte de virle virloque, o noso presidente xa forma parte dunha camarilla, orientada e domeada por José María Aznar, quen amais de ser quen parece, tamén é o principal paladín da versión rancia e arcaica do nacionalismo español, que non precisa ser dobrada para entendela correctamente. 
 
E aí sigue don Alberto, insinuándolle aos compromisarios galaicos –agás aos Baltar, que son algo indóciles– que voten contra Santamaría, como xa acontecera na primeira volta, consumando así a operación “galego coma ti”, consistente en acurrunchar aos populares galegos no bando máis casposo do partido, embarcándoos canda un curioso aspirante que, á parte de rancio, padece unha grave doenza nas costas, por mor do peso dunha mochila chea de diplomas e títulos de sospeitosa autenticidade.
 
Ah! O meu tío Lisardo coida que todos somos o que comemos –e Feijoo, tamén–. Por iso, talvez debería haber en algures un endocrinólogo que saiba algo de cociña, disposto a explicarlle ao dos Peares que, quen engulipe algunha dose de aznarismo, aínda que sexa a través dun sucedáneo, non debería pretender que o seu alento lle cheire a margaridas. En fin, ou Santamaría ou Casado, señor, pero ir canda un e aparentar que se vai canda os dous, amais de inverosímil tamén lle é imposíbel.

Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, en Santiago
Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, en Santiago
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.