Rajoy, sempre tan despistado

“O seu rostro inmóbil fai del un obxeco inanimado, unha cousa, algo inerte.” (A ferida do vento, Antón Riveiro Coello).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 26/07/2018

Comparte esta noticia
O infausto Rajoy leva tempo sen gañar para desgustos, falto de puntaría, antes de caer da cúspide, á que sempre chegou, sen zumegar demasiado. Primeiro botárono do goberno, porque non marchou cando tiña que marchar. Cada vez que debía asumir responsabilidades políticas polas falcatrúas dos seus –ou polas súas propias, que non son poucas– optaba por pórlle a tranca á porta da Moncloa, agardando pacientemente que os que petaban nela caesen nas fauces da  intemperie –sempre do lado de fóra– atrapados por unha pulmonía crónica, ou por un pertinaz aburrimento. Tivo que irse da presidencia do goberno, claro. E foise co estómago revolto, coa dixestión a medio facer, por mor dun bisté fedorento, que enguliu dun bocado nun exquisito restaurante madrileño, pensando que era a pílula da felicidade. Pero aquela tallada de vitela causoulle tal empacho que, malia tomar varias doses de bicarbonato, os nubarróns agochados nos “considerandos e resultandos” das proteínas de Gürtel, deixárono talmente noqueado.
 
En plena dieta branda, por mor da indixestión, presentóuselle un cólico de ril que o obrigou a renunciar á presidencia do partido, para non ter que facelo por prescrición facultativa dos seus médicos de confianza. 
 
Pero, como nunca hai dúas sen tres, cando agardaba a que o patrimonio pasase de forma natural a Sáenz de Santamaría, o congreso do partido, controlado pola sombra de Aznar, esixiulle a devolución do que, durante tanto tempo, gozara en precario. Así que, a herdanza foi parar ás mans dun tal Pablo Casado. E, aínda por riba, o rexistrador tivo que dar fe do acto. Iso si, coa inestimábel axuda do noso Feijoo, quen, talvez por causalidade, e non por outra razón, pasaba por alí, por aquilo de que a esperanza é o último que se perde. 
 
Ah! Coméntame o meu tío Lisardo que, a nivel estatal, a dereita pura e dura, por obra e graza de Rajoy, agora fica dividida en tres anacos: Vox, C´s e o anaco de Aznar. Pero, tranquilos, á hora da verdade, todo se amañará ben amañado.  
 

Viñeta de López - Adeus Rajoy
Viñeta de López - Adeus Rajoy
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.