Temas: FRASEOLOXíA

“(De) Tales pais, tales fillos” ou “de tal pau, tal racha”, dúas das moitas paremias galegas equivalentes a “de tal palo, tal astilla” (2ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 02/09/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Abordamos desta volta a segunda parte do artigo, principiado a pasada semana, dedicado ás expresións galegas que veñen a sinalar a semellanza de accións, caracteres, costumes ou xeitos de ser entre pais e fillos (isto é, aquelas expresións basicamente coincidentes, en trazos xerais, coa tan usada castelá de tal palo, tal astilla):

O carballo de Santa Margarida, en Mourente (Pontevedra)
O carballo de Santa Margarida, en Mourente (Pontevedra) | Fonte: Monumental Trees

De tal palo, tal astilla

{= Refrán que dá conta da semellanza de accións, caracteres ou costumes entre pais e fillos.}

De tal pau, tal racha

(De) Tales pais, tales fillos && (De) Tal pai, tal fillo

(De) Tales terras, tales nabos && (De) Tal terra, tales nabos

(De) Tales olas, tales cachos && (De) Tal ola, tales cachos

De tal pano, tal saia

● Tamén, nesta mesma liña:

De tal huevo, tal polluelo

De tal niño, tal paxariño && Tal paxaro, tal ovo && Tal galiña, tal ovo pon && Cal o paxaro, tal o ovo

● Tamén, seguindo por esta senda:

La cabra pare cabritos && La hija de la cabra, ¿qué ha de ser sino cabrita? && El hijo de la cabra siempre ha de ser cabrito && Cabra por viña, cual la madre, tal la hija && El hijo de la cabra, de una hora a otra bala && Carnero, hijo de oveja: no yerra quien a los suyos semeja

A cabra pare cabritos && O fillo da cabra, cabrito (é) && O fillo da cabra, cabrito ha de ser && Ó fillo da cabra, cabrito lle chaman && A filla da cabra, cabrita é && A filla da cabra, ¿que ha de ser senón cabrita? && (O) Fillo da cabra, ou cabrito ou castrón && O fillo do castrón, cabrito é && Túa nai, cabra; teu pai, "méee": fillo de cabra, cabrito é && Cabra por viña, de tal nai, tal filla && Carneiro, fillo de ovella: non erra quen ós seus se asemella && Quen tira ós seus non erra

● Tamén:

El hijo de la loba y lobo, ¿qué ha de ser sino lobo? && Hijos de lobos, lobitos

Fillo de lobo, lobeto && Fillo de lobo, lobiño && O fillo de lobo, lobiño é && (O) Fillo do lobo ten a orella parda && O fillo do lobo ten a boca negra && (O) Fillo do lobo ten o bico pardo && Do raposo nace xente do rabo longo && Os fillos do raposo todos cheiran a ferún && O fillo do raposo ou do lobo recastado ha de saír ó pai ou nos ollos ou no rabo && [E MESMO, EN CONTEXTOS]: O fillo do lobo logo deprende a ouvear

● E tamén:

De padres gatos, hijos michinos

De pais gatos, fillos micos && Fillo de gato, michiño é && Fillo de gato caza rato && De pais gatos, fillos mininos # fillos michiños && Fillo de peixe, peixe/peixiño é && Fillo de peixe sabe nadar && Fillo de peixe nada ben

● E mais tamén:

De tal árbol, tal gajo

(De) Tal árbore, tal froito

● Así mesmo, aplicadas fundamentalmente cando o que se herda ou o que se reproduce de pais a fillos como condición ou comportamento se considera negativo:

Cual el cuervo, tal su huevo && De tal huevo, tal cuervo

Tal o corvo, tal o ovo && Como é o corvo, así é o seu ovo

● Tamén, empregadas para dar conta da condición ou calidade negativa dunha persoa froito ou ben da herdanza ou ben do exemplo ou comportamento dos pais:

De padre cojo, hijo renco && [E MAIS TAMÉN]: De mal cuervo, mal huevo

De pai coxo, fillo trenco && Pais tortos, fillos revirados && De pais tortos, fillos esvirillados && Fillo de porco, marrán seguro && Pais porcos, fillos marráns && Pais cochos, fillos marranchiños && De pais cochos, fillos marráns && Os fillos do raposo todos cheiran ó ferún && [E MAIS TAMÉN]: De mal corvo, mal ovo

● Tamén, e así mesmo aplicables, a maiores, a obxectos que resultan malos ou defectuosos por mor de seren feitos con cativa materia prima:

De mala cepa, mal racimo && De mal árbol, frutos malos && De ruin madera no harás buena mesa && [E MAIS TAMÉN]: De mal paño, mal sayo && De ruin paño, nunca buen sayo && [E INDA TAMÉN]: De mala sangre, malas morcillas && De mal harina, mal pan

De árbore ruín, ruín froito && A árbore ruín non dá máis ca ruín froito && De ruín madeira, nunca boa estela && Ruín madeira nunca dá boa estela && De mal monte non pode vir boa leña && De mal pau, mala estornela && [E MAIS TAMÉN]: De mal pano, mala saia && De ruín pano, nunca bo saio && [E INDA TAMÉN]: De mal sangue non se fan boas filloas && De mala fariña non se fai bo pan

● E inda, para dar conta da condición positiva dunha persoa froito ou ben da herdanza ou ben do exemplo ou comportamento dos pais, e mesmo a maiores aplicable a obxectos de boa calidade por mor de seren feitos con boa materia prima:

De boa mea, boa tea

NOTAS:

1. Imos, seguidamente, cun breve recordatorio de léxico presente neste artigo e que pode ser que resulte descoñecido ou dubidoso para algún lector (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, indicámolo):

Cabrito -a (DRAG): substantivo Cría da cabra en canto é moi nova e aínda mama. Ex.: Cabrito asado. Sinón.: chibo.

Castrón (DRAG): substantivo masculino Macho da cabra adulto. Ex.: Fabricaban cornetas con cornos de cabras e castróns. Sinóns.: bode, cabrón, chibo, godallo.

Carneiro -a (DRAG): adxectivo 1. Carneirán [=que persiste nunha idea ou actitude]. Ex.: Sodes ben carneiros: ¿non quedou claro que tiñades que esperar? Tamén substantivo: Está feita unha carneiriña. 2. Rudo, de maneiras pouco finas ou pouca educación. Ex.: Es ben carneiro: ¿por que non empezas por cambiar de roupa?  Tamén substantivo: Gustáballe andar de carneiro polas romarías. substantivo masculino 3. Macho da ovella, que nalgunhas especies ten cornos revirados en espiral. Ex.: Un carneiro novo. 4. (Venus verrucosa) Molusco mariño bivalvo da familia dos venéridos, de cuncha sólida e globosa, valvas simétricas con liñas concéntricas prominentes e dotadas de rugosidades descontinuas e cor amarela gris ou parda, que vive nos fondos de area algo lodosa. Ex.: O carneiro, por ter a carne algo dura, dedícase principalmente á conserva. Sinón.: carneirolo. 5. Berberecho [=Cerastoderma edule]. Ex.: Ían a pé aos carneiros. 6. Berberecho bravo [=Acanthocardia echinata]. Ex.: O carneiro é bastante abondoso. 7. Pinchacarneiro [=volta que se dá apoiando as mans ou a cabeza no chan e deixándose caer sobre o lombo]. Ex.: Pasabámolo moi ben facendo carneiros polo herbal abaixo. 8. Onda do mar baixa e escumosa. Ex.: O mar ponse guapo cando hai carneiros. 9. Aries. Ex.: Carneiro é a primeira constelación do zodíaco. [A acepción correspondente á paremia que se recolle neste artigo é a terceira.]

Lobeto -a (DRAG): substantivo Cría do lobo. Ex.: Os lobetos brinca arredor de súa nai. Formas menos recomendables: lobato, lobete.

Micho -a (DRAG): substantivo Mico [=familiarmente, gato]. Ex.: A gata ten catro michiños. Forma menos recomendable: mixo.

Minino -a: substantivo Familiarmente, gato.

Trenco –a (DRAG): adxectivo 1. Que, ao andar, xunta os xeonllos e separa os pés. Ex.: O pobre rapaz era trenco e sempre ía quedando atrás. Sinóns.: canchés, pateño, patexo, zambro. [Estas voces véñense basicamente a corresponder co castelán patizambo ou zambo.] 2. [Persoa] que ten as pernas un pouco tortas ou arqueadas cara a fóra ou que as torce ao andar. Ex.: Aínda que é algo trenca non deixa de ser atractiva. Sinóns.: cambeiro, cambelo. [Estas voces véñense a corresponder co castelán estevado.] 3. [Perna] un pouco torta ou arqueada cara a fóra ou que se torce ao andar. Ex.: Ese modelo non lle vai quedar ben porque ten as pernas moi delgadas e algo trencas. Sinóns.: cambeiro.

Esvirillar (DRAG): verbo pronominal Popular Herniarse. Ex.: Non recollía os apeiros por medio a esvirillarse.

Ferún (DRAG): substantivo masculino 1. Cheiro característico do animal de monte ou do macho sen castrar. Ex.: Non soporta o olor a ferún. 2. Sabor e cheiro característico da carne destes animais. Ex.: Deixaron a carne das lebres en adobo para quitarlle o gusto a ferún.Sinóns para todas as acepcións.: bravío, bravo, bravún.

Estela (DRAG): substantivo feminino Anaco pequeno e irregular de madeira, que salta cando esta se parte ou rompe violentamente. Ex.: Cando estaba partindo a leña, espetóuseme unha estela nun dedo. Sinóns.: acha, racho. [Como se pode apreciar, estas voces véñense basicamente a corresponder co castelán astilla. Por outra banda, lembremos que a marca que deixa unha embarcación pola popa, e por extensión o rastro que deixa algo ou alguén que avanza (ou, noutras palabras, o que en castelán se nomea como estela), en galego denomínase ronsel.]

Estornela (DRAG): substantivo feminino 1. Xogo que consiste en dar cun pau noutro máis pequeno e rematado en punta nos extremos, que está colocado no chan, de xeito que se fai saltar e, xa no aire, dáselle un segundo golpe que o despide a maior distancia. Ex.: Os rapaces están xogando á estornela na eira. 2. Pau que se golpea neste xogo. Ex.: Estabamos a xogar e perdemos a estornela.Sinóns para todas as acepcións.: billarda. [Obviamente, a acepción correspondente á paremia recolleita neste artigo sería a segunda.]

Saio (DRAG): substantivo masculino 1. Casaca longa e sen botóns. Ex.: Levaba un saio suxeito con cordóns de seda. 2. Vestido amplo de feitura simple. Ex.: Cambiou as súas vestimentas de seda polo saio.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego, publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Un manuscrito paremiolóxico de Murguía”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 117-128. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eusom

De pai porco, filho marrao.