Galicia tamén se apunta á tendencia dos divorcios e as separacións

Galicia rexistrou durante o ano pasado 5.419 divorcios, un 1,53% máis que en 2016; así como 193 separacións, o que supón un incremento do 2,11%. Ademais, tivo lugar unha única nulidade matrimonial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2018 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

Así o evidencian os datos feitos públicos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), segundo os cales en Galicia se asinaron o pasado ano 82 divorcios máis que o anterior. Destes, o 73% --3.964-- foron de mutuo acordo, mentres que 1.455 foron pola vía contenciosa. A maior parte, 5.403, foron de cónxuxes de distinto sexo, e 16 foron en parellas homosexuais.

Acta de sinatura dun divorcio
Acta de sinatura dun divorcio

O 37,77% das parellas que se divorciaron en Galicia en 2017 levaban casadas 20 ou máis anos --2.047-- e o 19% entre cinco e nove --1.057--. Ademais, 1.617 estiveran casados entre 10 e 19 anos, 520 entre dous e catro anos, 131 un ano e 51 menos dun ano.

Do mesmo xeito, o 44,2% dos divorciados non tiña fillos dependentes no momento do divorcio e o 45% tiña fillos dependentes menores.

SEPARACIÓNS

Por outra banda, durante o ano 2017 asináronse en Galicia 193 separacións, un 2,11% máis que o ano anterior. Destas, o 83,9% foron de mutuo acordo.

Por provincias, 77 foron en Pontevedra, 76 na Coruña, 22 en Ourense e 18 en Lugo. Do total de parellas separadas, o 79,2% --153-- levaban casadas 10 ou máis anos, e 40 eran matrimonio entre dous e nove anos. Case o 55% non tiña fillos dependentes no momento da separación.

DATOS ESTATAIS

A nivel español, un total de 102.341 parellas divorciáronse, separaron ou obtiveron a nulidade civil en 2017, un 1 por cento máis que no ano 2016, cando se rexistraron 101.294. Estas cifras supoñen unha taxa de 2,2 por cada 1.000 habitantes, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, seguiu aumentando a custodia compartida, que pasou de representar un 28,3 por cento en 2016 a un 30,2 por cento en 2017.

Por tipo de proceso, producíronse 97.960 divorcios, 4.280 separacións e 100 nulidades. Os divorcios representaron o 95,7 por cento do total, as separacións o 4,2 por cento e as nulidades o 0,1 por cento restante. Por tipo de resolución, 65.799 casos resolvéronse por sentenza e 36.542 por decreto ou escritura pública.

En concreto, o número de divorcios aumentou un 1,2 por cento respecto ao ano anterior, mentres o de separacións diminuíu un 1,7 por cento e o de nulidades un 14,5 por cento.O 77,2 por cento dos divorcios no ano 2017 foron de mutuo acordo e o 22,8 por cento restante contenciosos. No caso das separacións, o 83,8 por cento fórono de mutuo acordo e o 16,2 por cento contenciosas.

A duración media dos matrimonios até a data da resolución foi de 16,6 anos, cifra lixeiramente superior á de 2016 (16,3 anos). Os matrimonios disoltos por divorcio tiveron unha duración media de 16,4 anos, mentres que a dos matrimonios separados foi de 22,7 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta