O Goberno central promete o fin das obras do AVE dentro dun ano, pero evita comprometer o traspaso da AP-9

O ministro José Luís Ábalos asegura que as obras da alta velocidade estarán rematadas a finais de 2019, pero matiza que "unha cousa é terminar as obras e outra, a posta en servizo". Sobre a autoestrada do Atlántico non se molla.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/10/2018 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

O ministro de Fomento, José Luís Ábalos, ratificou "todos os compromisos" do anterior Goberno central con Galicia, nun escenario no que o traspaso da autoestrada AP-9 aínda segue no aire e no que está previsto que as obras da AVE acaben a finais de 2019. Pero "unha cousa é terminar as obras e outra a posta en servizo", segundo recalcou o titular do ministerio.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento | Fonte: Europa Press

Ábalos reuniuse este mércores en Santiago co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante algo máis de dúas horas. Na liña do que lle trasladou no seu día ao xefe do Executivo galego o presidente socialista, Pedro Sánchez, mantivo o prazo de finais de 2019 para a conexión da alta velocidade con Galicia, aínda que fixo fincapé en que "aínda" non se ten o material rodante e en que as viaxes con usuarios empezarán nalgún mes de 2020 que aínda non se pode determinar.

O ministro subliñou a necesidade de aplicar os sistemas de seguridade e as "novas esixencias comunitarias", que agora "son distintas". "E vostedes poden entender por que", destacou. En xullo de 2013, un tren Alvia descarrilou á entrada de Compostela, o que deixou 80 mortos e máis dun centenar de feridos.

No relativo á transferencia da autoestrada AP-9, cuxo debate no Congreso vetou o Goberno de Mariano Rajoy, Ábalos ratificou que o Executivo de Sánchez non mantén "ningunha posición contraria", a pesar de que é unha posición "tradicional" do Ministerio que dirixe o non ser favorable á transferencia de autoestradas que unen "elementos estratéxicos".

O responsable de Fomento tamén, a preguntas dos xornalistas, deixou claro que o Goberno "non está en condicións de ir rescatando nada", cando a iniciativa que se desbloqueou no Congreso recolle ese punto. E aínda non "pechada" á "posibilidade" do traspaso da titularidade, avogou por que a decisión "non sexa arbitraria no contexto de descentralización" do conxunto estatal.

A este respecto, tamén na comparecencia, Feijóo insistiulle en que a AP-9 "nace e morre en Galicia" e en que a autoestrada "non entra en Portugal", polo que esperou "seguir avanzando" na comisión de seguimento que, segundo informou o titular de Fomento, será convocada a semana que vén.

"RELANZAMENTO" DO CORREDOR

Nesta liña, Feijóo resaltou que lle "tranquiliza" o escoitado en boca do responsable de Fomento sobre o AVE e tamén sobre o corredor atlántico de mercadorías, cuxo plan director, segundo Ábalos, será presentado proximamente para dar un "relanzamento" ao proxecto, após a inclusión dos principais portos galegos. Este corredor é "igualmente importante que o mediterráneo", dixo o dirixente do PSOE.

Aínda sobre o AVE, José Luís Ábalos trasladou un cronograma a Feijóo que fixa nunha hora a redución en 2019 e en dúas en 2020 do tempo de conexión entre Madrid e Galicia.

Pola súa banda, Feijóo fixo alusión a outros asuntos como as estacións intermodais, o impacto que terá a alta velocidade sobre o tráfico aéreo (sobre o que trasladará un estudo ao presidente de Aena) e autovías como a de Vigo-O Porriño e a da Mariña de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta