O período de alto risco de incendio ampliarase a cinco meses en 2019 e a seis en 2020

O servizo público de extinción incrementarase en 600 efectivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2018 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

O período de alto risco de incendios ampliarase a cinco meses en 2019, coa previsión de que aumente a seis meses en 2020, mentres que o servizo público de extinción incrementarase en 600 efectivos o ano que vén. Así o avanzou este martes na comisión parlamentaria o conselleiro de Medio Rural, José González, na que expuxo os orzamentos de 516 millóns (+4,2%) cos que contará o seu departamento para 2019, que se basearán en tres eixos: a mobilidade de terras, a aplicación das medidas saídas da comisión de estudo sobre incendios e o impulso á calidade agroalimentaria.

Conselleiro de Medio Rural en Comisión de Presupuestos. XUNTA
Conselleiro de Medio Rural en Comisión de Presupuestos. XUNTA | Fonte: Europa Press

O conselleiro apuntou que tras este 2018 cun período de alto risco de catro meses o ano que vén haberá un incremento do tempo de traballo de fixos-descontinuos ata cinco meses, mentres que está previsto que aumente ata os "seis meses" en 2020. "Estamos a acabar coa temporalidade, entendemos a mensaxe", sentenciou.

Así mesmo, haberá unha "integración no dispositivo de brigadas de entes adscritos", de maneira que se prevé a incorporación de 120 brigadas --con cinco compoñentes cada unha-- ao servizo público de loita contra o lume (Spdcif) ata un total de 600 efectivos, que tamén se dedicarán a prevención. Ademais, incluiranse os compromisos adquiridos cos axentes forestais e incrementarase a formación de traballadores.

A próxima semana constituirase o grupo de expertos que se encargará de revisar o funcionamento do servizo de extinción de Galicia, despois de que os grupos designasen os seus nomes.

Ademais, destinaranse 2,5 millóns de euros á adquisición de 11 motobombas, mentres que haberá máis de tres millóns para a compra de tractores para a limpeza de biomasa en municipios, co obxectivo de recuperar a actividade agrogandeira nas faixas secundarias como mellor defensa contra os incendios.

DITAME DA COMISIÓN

José González remarcou que estes orzamentos recollen diferentes medidas saídas do ditame da comisión parlamentaria de estudo de política forestal e sobre incendios -que el mesmo elaborou como deputado popular--, aínda que algunhas son de aplicación "plurianual", polo que se implementarán "ao longo dos próximos anos". "Galicia non arde, quéimana os incendiarios", sostén.

Desas recomendacións, saen medidas como potenciar a elaboración de plans de ordenación forestal dos distritos, a posta en marcha do catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria e forestal, así como un sistema de información estatística forestal.

Tamén se inclúe o convenio entre Xunta, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a limpeza de franxas secundarias ao redor de núcleos, para o cal a Xunta achega 28 millóns en catro anos --7,5 millóns en 2019--. Actualmente, ten adheridos 152 concellos. Todo iso, porque son "conscientes da nova tipoloxía dos incendios".

MOBILIZACIÓN DE TERRAS

Outro dos eixos nos que fixo fincapé o conselleiro de Medio Rural é "a filosofía" da mobilización de terras, para o que se destinan 2,7 millóns de euros, e que "vai impregnar todo o traballo desta consellería".

Para iso, terá apoio legal na lei de fomento de mobilización de terra de Galicia, norma que "estará no próximo período de sesións" e que incluirá "figuras máis potentes que a concentración parcelaria". Haberá unha axilización nos procedementos de arrendamentos a través do Banco de Terras e a posibilidade legal de comprar terra abandonada, entre outras cuestións.

Xunto a isto, fomentarase a creación de polígonos agroforestais, á vez que haberá unha elaboración dun inventario forestal galego, a aposta pola ordenación dos montes e a certificación forestal.

Entre outras partidas, haberá 29 millóns para o apoio á industria agroalimentaria --24 millóns para investimentos en instalacións e cinco millóns para o sector do viño--; para a incorporación de mozos serán 20,5 millóns e hai máis de 21 millóns (+7%) para os grupos de desenvolvemento rural ( GDR).

No tocante a sanidade vexetal, resérvanse 2,3 millóns (+23%) para combater pragas como a couza da pataca e o nematodo do piñeiro, entre outros. A isto únense 4,3 millóns para comezar obras o ano que vén de modernización de regadíos da Limia.

Haberá unha nova liña dun millón de euros para a promoción do patrimonio cultural do agro. As partidas para os centros de investigación soben un 35%, á vez que as de formación fano nun 23%.

ORZAMENTOS PARA O "ABANDONO"

Mentres, o deputado de En Marea Davide Rodríguez observa nestes orzamentos "case unha repetición idéntica aos presentados o ano pasado", e "está demostrado que non están a funcionar as políticas que están a poñer en marcha", pois "favorecen o abandono do rural".

Alerta de que se continúa cun "conglomerado precario e desorganizado" para loitar contra o lume, á vez que sostén que "Galicia vai arder mentres empresas saquen beneficios do lume". Por iso, Rodríguez defende un servizo "único, público e civil".

Raúl Fernández (PSdeG) censura que "en ningún caso se poden considerar como expansivos" estes orzamentos "nin moito menos serven para lanzar o eslogan de que é a lexislatura do rural". Lamenta que as contas "son máis dos mesmo" mentres " galopa ás súas anchas o despoboamento" e o territorio rural "está cada vez máis a monte".

Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), dixo saber que o novo conselleiro "quere cambiar algunhas cousas", pero considera que estas contas inciden na falta de apoio ao campo. Reclama un plan de desenvolvemento rural "en serio" e denuncia o "abandono" en investigación.

A continuación, Rivas pediu ao conselleiro que "teña tino" cos cambios de uso rústico, xa que "se está fraguando algo que non debe ser", unha "chanchullada" en terreos de especial protección.

En cambio, Moisés Blanco (PPdeG) define estes orzamentos como "realistas, útiles e esperanzadores", xa que se fan "tendo en conta o ditame da comisión de estudo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Devasas

Menos triunfalismo no seu discurso señor conselleiro, que non nos chupamos o dedo. Aumentarán as prazas do SPDCIF, mais non o número total de efectivos, que máis ben diminúe, pois hai que ter en conta que se van a eliminar tódalas prazas de Seaga e Tragsa. E está por ver se realmente se crean as novas do SPDCIF, e cantas son, que de vostedes non nos cremos nada (xa no la coaron coa oposición que anunciaron hai 2 anos e da que non se sabe nada). Veuse moi arriba vostede dicindo que estan acabando coa temporalidade, amodo, amodo, non se lance... crear prazas de 6 meses non é temporalidade, non? ou é que os outros 6 meses do ano llos van a pagar como vacacións? É un pequeno avance si, mais de pouco ha valer se non se continúa a mellorar un servizo lastrado por infinidade de eivas.