O futuro do BNG dende o pasado

Importantes voces piden que o Bloque recupere o espírito da asemblea do Carballiño en 1987. Pero que pasou daquela? Pois por exemplo, que Beiras cualificou de “partido exemplar” á UPG.

Por Rodri Suarez | Santiago | 06/06/2011

Comparte esta noticia

Debate o BNG sobre os resultados das municipais e, como corresponde, as lecturas son múltiples. E seguramente a maioría teñen a súa razón. Certo é que a organización nacionalista non acaba de darlle pulo á remontada nunhas circunstancias de caída do PSOE e ataque do PP aos sinais de identidade que deberían axudarlle a recuperar posicións, pero non o é menos que respecto ás autonómicas de 2009 na práctica non sofre perda de votos, o que podería avanzar unha consolidación que rompa a tendencia anémica comezada nos anos 2000. Polo tanto, a certeza de ambas realidades suxire un diálogo interno en termos construtivos. Seica está en camiño.

Dous son os principais problemas do Bloque, desacordos interiores e obstáculos mediáticos aparte. Un é a constante perda de apoios nas cidades. Aí reside o gran desafío para os nacionalistas. Para superalo, será ben que a análise reactiva mire á socioloxía ademais da política. Forte en termos xeográficos ou gastronómicos, a galeguidade social, cultural e política está en franca decadencia entre amplos sectores das urbes, o que supón un inconveniente maiúsculo para unha formación que fai da defensa de Galicia a súa principal batalla. Outro problema, non menos relevante, é a necesidade de superar o peso da consideración de fracaso que, moitas veces de forma inxusta, recibiron algunhas experiencias na gobernación, como as de Ferrol, Vigo ou incluso a Xunta. Aínda é doado atoparse cun ex votante do BNG que solta iso de que “total o fixeron como os outros”.

Pero contra estes valados existen antídotos. A -máis que posible- adaptación da linguaxe e a táctica nas cidades sen perder a mensaxe orixinal é un deles; a constante reivindicación en todos os niveis do modelo de Teo, Pontevedra, Allariz ou Ribadeo como exitosa proba dun estilo BNG tamén semella útil e outro pode ser o reforzamento da imaxe do nacionalismo de esquerdas como alternativa rebelde en tempos que chaman á indignación popular. A horizontalidade asemblearia e un liderado potente pero alérxico ao individualismo tamén entrarían nesa axenda. Seguro que hai moitos puntos máis. E que todos están xa na xenética colectiva do BNG.

Voces de peso dentro da fronte simbolizan o futuro que eles desexan para o Bloque na recuperación do espírito da asemblea celebrada no Carballiño en 1987, que significou un considerable despegue para a formación. Mais que pasou daquela? En resumo, podería dicirse que naquel mes de febreiro o BNG apostou pola actualización das tácticas e un proceso de apertura que incluíu ata cambio de logotipo e que desembocou en poucos anos nun meteórico ascenso e na súa consolidación como forza unitaria do nacionalismo. Nas municipais posteriores a aquel conclave, a organización obtivo 61.000 votos. Nas recentemente celebradas acadou eses e 200.000 máis, ou sexa multiplicou por máis de catro os seus apoios. Polo tanto, semella que existen símbolos recuperables respecto a aquela asemblea do Carballiño, pero mal faría o Bloque en caer na habitual angustia de que todo é un desastre, porque dende logo, segue nunha posición relevante dentro do mapa político galego,  menor do que podería ser, tamén, pero aínda forte. E con espazo libre para medrar.

Porén, para entender mellor aquela xuntanza nacionalista en terras ourensáns hai 24 anos resulta moi útil lembrar o discurso de peche que pronunciou o que era voceiro nacional e agora líder dos 'irmandiños', Xosé Manuel Beiras. Algunhas das súas verbas entón resultan hoxe chocantes respecto ás leas dos últimos anos, como aquelas nas que afirma sobre a UPG: “Queremos facer transmisíbel a ese partido exemplar que ben pode sentirse feliz e en paz de conciencia revolucionaria coa nación galega por ter posta toda a súa lealdade política a prol do proxecto e a fórmula de fronte que encarna o BNG”. Máis alá do rechamante, o certo é que o momento no que todas as correntes do Bloque volvan falar en termos tan eloxiosos unhas de outras, moito terá gañado o nacionalismo.

Pero hai máis claves naquel discurso. “O BNG será invencíbel e imparábel se todos respectamos os principios programáticos que aquí nos vencellan e as regras democráticas de convivencia que definen a disciplina común”, dixo Beiras. Máis frases:

“Temos mellorado substancialmente o noso armamento defensivo, mais non abonda, compre poñer ao día, como fixemos nesta asemblea, as nosas armas ofensivas”.

“Cómprenos librar e gañar a batalla da información desalienada, que pasa por dotármonos de medios de información alternativos”.
“Cómprenos acadar a definitiva penetración, nun auténtico proceso acumulativo, nos eidos e segmentos sociais necesarios para a expansión da alianza de clases que o BNG ten que dirixir politicamente. (...) precisamos aplicar métodos operativos acaídos e fórmulas tácticas axeitadas para facérmonos con ese potencial de apoio, mais sen que iso desencadee un desprazamento dos centros de gravidade da nosa política que residen no proletariado obreiro e no campesiñado, ou sexa, nos que primordialmente aturan a explotación e a espoliación económicas, a marxinación social e a represión cultural nesta nación”.

“Asumimos e aplicaremos a máxima de Castelao 'non poñades chatas á obra mentres non estea rematada: hai sitio para todos'. Máis o BNG non será abeiro 'de confusos nin ambiguos'”.

Galicia xa non é a de 1987. O Bloque, tampouco (está moito mellor). Pero hai palabras e intencións como estas de Beiras naquela fundamental asemblea do Carballiño que manteñen vixencia. Talvez igual as que dicía o deputado Bieito Lobeira hai un ano: “O BNG é un dos instrumentos máis fermosos que pariu esta nación na súa historia”. A importancia do nacionalismo para o país incluso é recoñecida en privado por algúns dos seus rivais políticos. Porque aínda que moitos o temen, todos saben que, como dixo Víctor Hugo -aquel que escribiu sobre os reis de Galicia- “unha idea é un meteoro”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.