Cantos de taberna e enogastronomía, protagonistas no San Martiño de Teo

A véspera da festa máis senlleira desta vila estará amenizada por música e cantos tradicionais mentres que o viño e a gastronomía centran a atención do domingo, día propio de San Martiño.

Por X.M. Fernández | Teo | 09/11/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Unha das novidades da celebración deste ano será a xornada de Cantos de Taberna na véspera do San Martiño, unha feira acreditada dende o 1557 e que está en trámites para ser declarada de interese turístico de Galicia. Está previsto que os grupos pasen polos diferentes postos do polbo da Carballeira de Francos entre as 21:00 e as 23:00 h. do sábado 10 de novembro. Para o desenvolvemento desta actividade a organización contempla que haxa un máximo de nove formacións cun tope de dez integrantes cada unha dispoñendo de 50 minutos para cantar en cada polbeira asignada e 10 minutos para mudar de sitio. O repertorio de pezas é libre e pode variarse durante o percorrido.

Feira San Martiño en Teo. Foto: Xaime Cortizo
Feira San Martiño en Teo. Foto: Xaime Cortizo

Para rematar esta xornada a charanga Os Heredeiros amenizará o recinto feiral a partir das 23:00 h.

Xa o domingo, día grande do San Martiño está prevista unha xornada enogastronómica entre as 10:00 e as 18:00 h. Será unha proposta interesante que contempla unha degustación de queixos galegos con selo de orixe e calidade e outra de viños da subzona Ribeira da Ulla da D.O. Rías Baixas, da que forma parte o Concello de Teo. En ambos casos haberá catas comentadas realizadas por profesionais do sector.

E nesta mañá gastronómica haberá reservado un espazo para a recuperación e posta en valor das “masolas”, prato tradicional da zona de Teo. O concello ofrecerá tamén degustacións desta elaboración, preparada nun espazo propio e realizada por unha veciña do municipio.

No apartado máis lúdico destacar o Festival Tiriberia que este ano chega á súa terceira edición con sete días de programación e incrementando a súa presenza na Feira Cabalar de Francos. O domingo haberá unha barraca de monicreques tradicionais e varios pases a partir das 11:00 h. con compañías como Alakrán ou Seisdedos.

Cabalos na Feira do San Martiño de Teo. Foto: Concello de Teo
Cabalos na Feira do San Martiño de Teo. Foto: Concello de Teo

Para os amantes da artesanía galega tamén resultará de interese atopar unha carpa na que estarán representados artesáns de moitas disciplinas.

E para coñecer un punto de vista máis directo desta celebración Xerardo Rodríguez, que leva 41 anos vivindo en Teo, na parroquia de Calo, destaca a importancia deste evento

Por que se di que é unha cita obrigada para os veciños/as de Teo?

O da cita obrigada foi o primeiro que escoitei aos veciños máis próximos nada máis incorporarme a esta parroquia. Supoño que esa expresión, que se segue a escoitar,  é o resultado da tradición que se mantén ano tras ano espallada por todas as parroquias do Concello de Teo, administración que fai uns anos declarou día festivo esta celebración.

Que destacarías ti desta celebración tan senlleira?

Dende aquela primeira vez seguiría a destacar  a feira cabalar, que con algún altibaixo segue a ser, para min, o prato forte; sen esquecer o resto de actividades propias das feiras tradicionais.

En relación ao programa de actividades, farías algunha suxestión á organización?

Co fin de facer desta xornada un día de lecer para toda a familia, suxeriría máis actividades dedicadas fundamentalmente aos nenos. Ademais de monicreques pensar en obradoiros diversos relacionados coa feira, etc. Promover algún tipo de premio que estimule as pescudas históricas sobre a orixe desta Feira e procurar facela máis participativa (moita xente pasa por alí o día 11 como se se tratase dun parque temático) e un concurso de ideas para dar coa tecla que axude á declaración de festa de interese turístico, feito que parece ser do interese do concello e dos veciños, polo impacto económico que podería xerar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta