O narcotráfico galego opera en Alxeciras

Deteñen a narcotraficantes "altamente perigosos" nun operativo coordinado desde Ourense. Esta actuación deriva doutro operativo antidroga desenvolvido a principios de verán na cidade das Burgas, con 8 detidos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2018 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, confirmou este venres o "alto perigo" dos 18 detidos en Alxeciras, no marco dunha investigación contra o narcotráfico dirixida desde un xulgado de Ourense, e subliñou que se trata dunha actuación das Forzas e Corpos de Seguridade de "gran importancia".

Dispositivo ante a declaración en Ourense de 17 investigados por narcotráfico
Dispositivo ante a declaración en Ourense de 17 investigados por narcotráfico

Dos 18 detidos --2 estranxeiros e o resto españois--, 17 están xa en Ourense para pasar a disposición do xulgado de instrución número 2 da cidade, e atribúeselles, inicialmente, os supostos delitos de tráfico de drogas, pertenza a grupo criminal e tenza ilícita de armas.

Segundo explicou Javier Losada, en declaracións aos medios tras participar nun acto en Vigo, a operación está "baixo segredo de sumario" e segue "aberta". Trátase, incidiu, "dunha banda cun grao de perigo moi importante", á que se vincula con "narcosalas e pisos dedicados á tenza de droga".

Os xulgados de Ourense foron 'blindados' cun gran despregamento policial para garantir a seguridade após o paso a disposición xudicial dos detidos, cuxos familiares se congregaron nas inmediacións do edificio do Couto.

Esta investigación deriva doutro operativo, que se desenvolveu en Ourense a principios do pasado verán, no que se detivo a 8 persoas (catro ourensáns, dous vigueses, un romanés afincado en Alxeciras e un marroquí) por suposto tráfico de haxix e outros delitos.

OPERATIVO EN PONTEVEDRA

Por outra banda, o delegado do Goberno tamén se referiu a outro operativo policial, o que se desenvolveu entre Pontevedra, Ribadumia e Madrid, e que concluíu con 11 detidos e 650 quilos de cocaína.

Segundo lembrou Javier Losada, esta actuación do GRECO Galicia, en coordinación coa Brigada de Estupefacientes de Madrid, e baixo a dirección da Audiencia Nacional, "segue aberta", e é outra mostra máis do exito das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Dos detidos, catro foron arrestados en Madrid, dous en Ribadumia e outro cinco en Pontevedra, onde tamén se interveu a droga, nunha vivenda unifamiliar situada na Avenida de Buenos Aires.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta