A UE advirte de “prácticas ilegais” na Limia polo xurro depositado por Coren

A CE revelou que a principios de mes abriuse un expediente sancionador ao Estado español por incumprimento da Directiva de Nitratos. O deputado de En Marea Davide Rodríguez tamén pide á Xunta que interveña para rematar coa contaminación por xurros nesta comarca

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 28/11/2018 | Actualizada ás 08:15

Comparte esta noticia

“Hai cousas que son decisións políticas, como por exemplo o tipo de modelo de desenvolvemento que se quere aplicar, pero logo está claro que aquí está habendo prácticas ilegais”. Foi a afirmación que fixo o propio Xefe da Unidade para o Uso e Xestión da Terra da UE tras coñecer de primeira man os vertidos ilegais que a empresa Coren está realizando no Val da Limia.

eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia
eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia | Fonte: L.S

Así llelo expuxeron  representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)  tras manter unha xuntanza con el en Bruxelas. Esta reunión, facilitada pola eurodeputada galega Lídia Senra, tiña como obxectivo trasladar en detalle a denuncia da vulneración de distintas directivas europeas na Limia por mor dos residuos producidos polas macrogranxas industriais vinculadas a este complexo industrial en connivencia ca Xunta de Galicia.

Os representantes da Dirección Xeral de Medioambiente subliñaron a pertinencia desta xuntanza, habida conta de que precisamente a principios deste mes a Comisión Europea, notificou ao Estado español a apertura dun procedemento de infración da Directiva sobre nitratos (Directiva 91/676/CE do Consello) argumentando que “España non controla as súas augas de maneira efectiva, comprometendo a súa capacidade para revisar as zonas vulnerábeis aos nitratos e avaliar a eficacia dos programas de acción, limitando así a eficacia da lexislación”.

Logo de coñecer a situación que hai na Limia, aseguraron, na tramitación deste procedemento a Dirección Xeral de Medioambiente vai prestar especial atención aos datos proporcionados polas distintas administracións e organismos competentes ao respecto desta comarca. Ademais  convidaron aos representantes do MEL e a SGHN a seguir fornecéndolles os datos máis actualizados posíbeis ao respecto, a fin de empregalo como información complementaria e de contraste ca enviada polo Estado.

ADVERTENCIAS

“O Estado e o Goberno galego van ser presionados pola Comisión Europea para que se poñan ao día. Na xuntanza de hoxe recalcaron varias veces que para o 2027 as augas da Limia teñen que ter unha calidade óptima. Veremos como o fan se non apostan por unha axeitada xestión dos residuos de Coren", advertiu o Presidente do Movemento Ecoloxista da Limia, Manuel García. Pola súa banda, esta empresa asegurou en declaracións ao GC que fai unha xestión dos residuos gandeiros "escrupulosa".

Protesta de ambientalistas e políticos de En Marea e AGE Europa diante dun monte de xurro na Limia descargado por Coren
Protesta de ambientalistas e políticos de En Marea e AGE Europa diante dun monte de xurro na Limia descargado por Coren | Fonte: LS

A través de imaxes e empregando datos oficiais da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, explicou a evolución da contaminación xerada pola carga gandeira actual na comarca da Limia, a día de hoxe arredor de 75.000 UGM[1]. “En produción de residuos equivalen a unha poboación de 1.400.000 - 1.600.000 personas. Noutras palabras: a metade de toda a poboación de Galicia concentrada en só o 1% da súa superficie”.

CALIDADE DAS AUGAS

Tamén amosaron imaxes das balsas de residuos ao aire libre e sen tratamento, cuxo efecto contaminante foi expresado a través de táboas de datos que recollían a concentración de nitratos, fosfato e osíxeno disolto nas augas tanto superficiais como subterráneas. O presidente da SGHN apuntou tamén a pertinencia de que por parte da CE sexan solicitados datos ao respecto da calidade das augas no norte de Portugal, concretamente das poboacións que se abastecen de auga do río Limia.

“En tres anos a concentración de nitratos nas augas subterráneas aumentou en promedio un 39%. Dos 19 puntos de control da Confederación hai problemas -con máis ou menos frecuencia- en 6 deles, e 2 son captacións para o abastecemento humano nos concellos de Sandiás e Trasmiras. É dicir, hai unha poboación de entre 2.500/3.000 persoas que está consumindo nalgúns momentos augas que non só non son potábeis, senón que debido á súa concentración en nitratos poden provocar o síndrome coñecido como dos “bebés azuis” e, en persoas adultas, un incremento do risco de cancro”, explicou Serafín González. Ademais, suliñou que se estaría producindo a vulneración de varias directivas europeas.

CONTAMINACIÓN

“A día de hoxe na Limia hai moita xente indignada porque non só teñen que soportar unha mala calidade do aire senón que, o que é inda máis grave, non poden beber a auga dos seus propios pozos de abastecemento”, apuntou o representante do MEL. “Nós xa denunciamos a existencia dunha empresa chamada ASER que co beneplacito e financiamento público adícase a recoller os xurros das granxas de porcos e vertelo a cano libre por montes veciñais, cunetas e mesmo espazos naturais protexidos. Temos unha denuncia na Fiscalía contra esta empresa, e cando hoxe amosamos as fotos dos camións cisterna vertendo a cano libre sobre montes na Comisión Europea quedaron totalmente escandalizados e catalogárono de ilegalidade que urxía perseguir”.

Para a eurodeputada Lídia Senra tres son as medidas que cómpre activar urxentemente. “En primeiro lugar hai que pór fin inmedianto ás ilegalidades, nomeadamente ás verteduras intensivas e descontroladas de puríns; establecer unha moratoria que non permita a instalación de novas granxas -cuestión que xa foi solicitada até en 33 ocasións pola SGHN- e, no marco da nova PAC, pór fin a este modelo de macroexplotacións industriais que o único que fan é destruír emprego. É fundamental protexer a auga e a saúde.”

PARLAMENTO GALEGO

Pola súa banda, o deputado de En Marea, Davide Rodríguez  presentou unha iniciativa na cámara galega na que pide á Xunta que informe sobre os vertidos de xurros na Limia e que abra unha investigación para depurar responsabilidades sobre o estado no que se atopa o chan e as augas desta comarca. Tamén reclama facer unha moratoria na Limia a instalación de novas granxas e ordenar as explotacións existentes e adoptar unha xestión ambientalmente sustentable dos residuos agrogandeiros xerados, que cumpra co Dereito da Unión Europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta