Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/11/2018 | Actualizada ás 15:08
O presidente da Xunta semella que non esquece as duras palabras que hai unha semana lle dirixiu a líder do BNG, Ana Pontón, e que xeraron un cruce de descalificativos e accións por parte de populares e nacionalistas e no que tamén se meteu o xornal La Voz de Galicia, que lle pedíu á voceira do Bloque unha rectificación. Unha rectificación que non chegou e que fixo que Feijóo aínda fora máis contundente ao acusar a Ponton de “machista e sectaria”.
“Son unhas declaracións desafortunadas. Equivocouse por buscar protagonismo”, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Así, Feijóo lembrou que o 25 de novembro o protagonismo debía de ser para as vítimas da violencia de xénero. “E tentar buscar protagonismo a conta das vítimas é o máis lamentable que teño visto nos últimos tempos”, dixo.
E aínda foi máis alá nas súas acusacións á líder do Bloque. “E logo aínda saír a dicir que as mulleres do PP están para defender ao presidente da Xunta é unha declaración profundamente machista”, suliñou en alusión ás acusacións de Pontón que o cualificou como “macho alfa” do PPdeG. “Iso si que son declaracións profundamente machistas”, engadiu.
Por iso, pediulle a Pontón “menos sectarismo e máis traballo conxunto” para denunciar as conductas machistas “incluída a súa propia”. “E que agora semella que ser muller e ser do PP fora un pecado”, lamentou.
POLÉMICA
A polémica entre a líder do BNG e Feijóo xurdiu en sesión plenaria, cando Pontón o acusou de ser membro de “manadas”. Ela mesma afondou nestas críticas posteriormente ao suliñar que hai “manadas políticas, xudiciais e institucionais” e, lonxe de rectificar, como lle pedía o PPdeG e o seu líder, acusouno de ser “o macho alfa” da súa formación.
Isto provocou a intervención de varias mulleres cargos institucionais do PPdeG que, en rolda de prensa, criticaron duramente a Pontón e lle pediron que rectificara. Tamén La Voz de Galicia se sumou a esa petición de rectificación en dous artigos publicados nun mesmo día. Lonxe de rectificar, o BNG decidiu respaldar aínda máis as críticas da súa voceira. “Nós non temos nada que rectificar porque é unha verdade como unha catedral que hai manadas na política, nas institucións e na xustiza”, dixo Olalla Rodil o pasado luns.
Por outra banda, Feijóo cualificou de “radical” a campaña iniciada polo BNG que chamou a unha campaña na que di que “é hora de suprimir a Monarquía e dar por morta a Constitución”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.