A falta de persoal pon en risco a calidade do servizo de limpeza no Clínico de Santiago

A sobrecarga laboral dentro do servizo de limpeza no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), levou a que traballadores e traballadoras deste centro sanitario puxesen sobre a mesa unha situación que, segundo o comité de empresa e forzas sindicais, compromete tanto o rendemento como a calidade de vida e de traballo do plantel que ofrece o seu labor nas instalacións sanitarias.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/12/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Consello de Contas de Galicia emitira en 2015 o Informe de Fiscalización sobre a Contratación  dos Servizos de Limpeza no Ámbito Hospitalario do SERGAS . Dito informe, no apartado III.3. EXPEDIENTE AB-CHS1-11-002 (EOXI DE SANTIAGO), relata as diferentes características que ten a contratación, daquela en mans da empresa CLECE, do servizo de limpeza no CHUS. A cuestión é que “o Consello de Contas emite informes anuais e buscando información o último que atopei sobre o CHUS era este de 2015” di Anxo Noceda da CIG. O informe reflicte a situación dun servizo que non levaba daquela a actual concesionaria Grupo Norte. Ese mesmo ano se fixeran denuncias diante da Inspección de Traballo, mesmo se presentara unha denuncia diante da Fiscalía que fora desestimada.

Clínico, Chus
Clínico, Chus

“Desde o meu punto de vista, o informe do Consello de Contas confirma un traslado sobre o plantel necesario” para a limpeza eficiente dentro do CHUS. “Entendemos plantel necesario o persoal estrutural e con xornada completa” di Noceda. O número de persoas propostas no informe é de 194 naquel momento. Cando a contrata da limpeza pasou de Clece a Grupo Norte,  o número de persoas era de 192 e cando estas persoas foron subrrogadas por Grupo Norte, moito dese persoal era eventual, punto que o Consello de Contas non reflectiu no momento de facer os cálculos sobre necesidade de efectivos, segundo fontes da CIG, “iso pode mirarse no censo electoral, porque en 2015 houbo eleccións sindicais e con eses datos vese que o persoal estrutural redondeando é de 180 persoas”. En total habería 12 persoas non estruturais, que serían temporais e relevistas, persoas que poden facer horas por exemplo, a quen ten unha xubilación a tempo parcial.

Tamén fontes da CIG apuntan que Clece non ofrecera puntos da contratación que máis tarde, “tivemos que coñecer mediante o acceso á documentación da contratación en Inspección de Traballo, non din que cubirán baixas pero si que de luns a venres darán as mesmas horas de traballo”. Resumindo, se non se cubren baixas, días de libre disposición e outras continxencias, non se estarían dando as horas que indica a empresa.

A Xerencia do CHUS publicara estes datos que se tiveran da Inspección de Traballo. A actual concesionaria oferta sete traballadores máis de luns a venres en comparación co que había coa anterior conesionaria. É dicir, se coa anterior, Clece, eran 194 traballadores e traballadoras, agora mesmo terían que estar traballando 202 persoas. Desde as últimas eleccións sindicais, o número de persoal estrutural é de 184, co que 17 persoas estarían dentro doutras modalidades contratuais.


NEGATIVAS PARA DÍAS DE ASUNTOS PROPIOS

“O problema é o plantel, as substitucións, porque cando pides días de asuntos propios a empresa négase a ofrecelos” di Pilar Seoane, presidenta do comité de empresa en Grupo Norte para o CHUS. “Hai persoas con  días do anos pasado sen coller aínda, e iso que o prazo para collelos ata o 31 deste ano”.  O problema do número de persoas insuficiente supón que “unha traballadora ten que cubrir dúas ou tres prazas nunha soa mañá e no resto das quendas”.

Pode resentirse a calidade do servizo de limpeza dentro do CHUS? Seguramente, porque, segundo explicaban desde a CIG nunha nota emitida o pasado venres 14 de decembro “odas estas deficiencias foron trasladadas á Xerencia, non só no relativo a esta licitación, senón tamén a licitacións anteriores”. Asegura ademais que “o comité aportou, ou puxo ao dispor da Xerencia, datos relativos a estes incumprimentos, manifestando a Xerencia en todo momento que, segundo os datos que obraban no seu poder, os manexados polo comité non eran correctos”. Por outra banda, nesa mesma nota de prensa aducíase ao escaso tempo que a concesionaria actual levaba traballando nas instalacións hospitalarias. “Agora xa leva máis dun ano e cremos que xa non serve  a escusa de que levan pouco tempo”. A cuestión é que o número de persoas que poría Grupo Norte a maiores “non vemos esas novas contratacións”. Non obstante, en abril de 2017 contrataran catro novas persoas, aínda así insuficiente.

CONTRATACIÓNS TEMPORAIS

Ademais da falta de cobertura en cumprimento de días de libre disposición e tamén de baixas, “outro punto é o deterioro do servizo e na súa administración porque sen persoal non se pode facer como se debera” din desde a CUT, sindicato tamén presente no comité de empresa. As mesmas fontes sindicais indican que “hai contratos lixo, en total 1.400 que se fan por día”. O motivo apuntado para este tipo de contratación sería “para aforrar xente”. O procedemento para estas contratacións baséase en que “hai unha bolsa de emprego da empresa, para facer os contratos fixos tirando desa bolsa, aínda que non o quixeron facer, pero seguen chamando desa bolsa para facer as contratacións temporais”.

As persoas que son chamadas levan ligadas anos á contrata de limpeza. “Tamén se vai ás listas de emprego do Servizo Galego de Colocación, pero o que vai máis é por coñecidos”. Preguntada esta fonte sindical sobre por que cambiou a contrata responde que “saíu a subasta a contrata e gañaron o concurso por poxar un orzamento máis baixo e a consencuencia é a falta de persoal porque non lles dan as contas”.

Galicia Confidencial contactou tanto con Grupo Norte como co gabinete de prensa da CHUS, para termos resposta sobre este tema de ambas as partes. Ata o momento non houbo resposta da empresa Grupo Norte, si do CHUS que enviou un comunicado reproducido máis abaixo.

A cuestión é que xa en 2015 se pedía un aumento do plantel para limpeza do CHUS, cando a concesionaria era Clece. Hoxe en día, coa mesma necesidade de contratacións para ofrecer un servizo de calidade, a nova concesionaria, Grupo Norte, pon sobre o papel que se efectuaron contratacións que mesmo chegarían a 200 persoas. Pero fontes sindicais apuntan a un número realmente menor, entre 160 e 180, que non serían suficientes para ofrecer un servizo de “calidade”. As consencuencias apuntadas son a sobrecarga de traballo, a non cobertura de baixas e a case imposibilidade de pedir días de libre disposición.

O CHUS de Santiago de Compostela enviou un correo electrónico á redacción de Galicia Confidencial cos seguintes puntos:

Ao respeito da información contida na nota de prensa enviada pola CIG sobre a empresa responsable da axudicación da limpeza no Hospital Clínico, a Xerencia aclara:

1-    Que a limpeza do centro está avaliada de forma permanente mediante mostraxes microbiolóxicas en áreas críticas e semicríticas por parte do Servizo de Medicina Preventiva;

2-    A Xerencia compostelá realiza o control e seguimento do contrato respecto a execución do servizo, contemplando que leve á práctica de forma correcta, en cumprimento da Guía de procedementos de limpeza no ámbito hospitalario e conforme prescricións técnicas do expediente de licitación tramitado. Lembrar así mesmo, que precisamente o informe emitido polo Consello de Contas, mencionado na comunicación da CIG, destaca que esta Xerencia é das áreas sanitarias nas que se realiza un maior control e penalización ás empresas de limpeza ante calquera incumprimento tanto do ofertado como do establecido no procedemento.

3-    O control de presenzas realízase a través das fichaxes da propia empresa, o cal é obvio, pois os traballadores dependen dela exclusivamente e o SERGAS non ten mecanismos de control de asistencia establecidos nin tampouco podería facelo aínda que o tiver.

4-    A Xerencia sanitaria non pode interferir nas negociacións que a empresa teña directamente co seu comité de empresa (concesión de días, quendas de axuste, etc...). Ademais, aclarar que non se trata da postura aprobada polo comité de empresa, senón de diversas representacións sindicais;

5-    Por último lembrar que non existíu ningunha comunicación previa a esta Xerencia por parte da CIG sobre este asunto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta