Lea no Parlamento por negárselle á oposición o uso dunha sala do Hórreo

O Parlamento regulará os usos da sala F que foi denegada á oposición para a súa "comisión alternativa" da sanidade. O PP cre que Santalices fixo o "correcto", mentres En Marea, PSdeG e BNG censuran que actuase ao servizo do seu partido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2018 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O presidente do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices, comprometeuse a elaborar un regulamento para os usos das dependencias comúns do Pazo do Hórreo, incluída a Sala F, que non foi cedida aos grupos da oposición para a súa "comisión alternativa" sobre os recortes sanitarios.

Sede do Parlamento de Galicia na rúa do Hórreo de Santiago
Sede do Parlamento de Galicia na rúa do Hórreo de Santiago

Así llo trasladou este xoves Santalices aos grupos do Parlamento nunha reunión extraordinaria da Xunta de Portavoces celebrada a proposta da oposición. O único punto do día era a demanda de explicacións a Presidencia pola súa negativa a ceder a sala F para a organización da "comisión paralela" sobre os recortes en sanidade, que finalmente tivo que celebrarse nas dependencias de En Marea, onde compareceron representantes de 'PACs en Pé de guerra' e o portavoz da familia do home falecido sen asistencia médica no PAC da Estrada o pasado mes de agosto.

Ao termo da reunión, que se estendeu ao longo de case unha hora, os portavoces dos grupos compareceron ante os medios para informar do encontro. Para o popular, Pedro Puy, o xefe do Lexislativo actuou de maneira "correcta" e valorou a súa intención de regular por escrito os usos das dependencias da Cámara.

Por contra, os portavoces da oposición —Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)— afearon a actitude de Santalices, xa que consideran que actuou en favor do seu partido para "silenciar" voces "críticas" coa xestión do Goberno galego en materia sanitaria.

ARGUMENTOS DA CÁMARA

A Cámara sostén que os grupos parlamentarios dispoñen de "plena liberdade de uso das instalacións que ten asignadas en exclusiva" e explicou que a utilización doutros espazos está "condicionada" á autorización previa da Presidencia. "Búscase, sempre, diferenciar claramente a actividade institucional da de carácter partidista", sinalou o Lexislativo galego o pasado mércores, antes da Xunta de Portavoces extraordinaria.

Así mesmo, o Lexislativo indicou que con esta decisión busca "evitar equívocos" ante a opinión pública e "diferenciar claramente, tamén respecto ao escenario elixido, os órganos oficiais, formalmente constituídos e que desenvolven as súas sesións con arranxo ao establecido no Regulamento da Cámara, de calquera outra actividade de carácter partidista que os grupos poden organizar, lexitimamente, nas súas dependencias".

En concreto, En Marea, PSdeG e BNG organizaron esta actividade paralela despois de abandonar a comisión de investigación sobre a sanidade en protesta polo plan de traballo aprobado polo Grupo Parlamentario Popular en solitario.

Tras o abandono, a oposición puxo en marcha estas xornadas que contaron cunha primeira sesión na que compareceu o portavoz da familia do home falecido nun PAC da Estrada sen atención médica, así como dous traballadores de Puntos de Atención Continuada. Tras ser denegada a utilización da sala F do Parlamento, a localización elixida foron as dependencias de En Marea.

O PP DEFENDE A SANTALICES

"Non coñezo ningún decano que preste o salón de actos dunha facultade para unha tese que non é unha tese, nin a ningún xuíz que preste un xulgado para facer un xuízo porque non gustou unha sentenza", aseverou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que acusou a oposición de "tentar convencer de que isto non era unha comisión alternativa, senón unha reunión habitual, en contra do que dixeran antes".

Por iso, valorou a intención da Presidencia da Cámara de regular os usos dos "espazo comúns" do Pazo do Hórreo, o que, ao seu xuízo, axudará a que "no futuro non haxa problemas".

PSDEG: "NON ENTEDEMOS O SEU FUNDAMENTO"

O portavoz socialista tamén indicou que ve con bo ollos que se poñan por escrito as normas de uso das salas, pero confía en que non sexan empregadas "para coartar" senón para poñelas a disposición dos grupos políticos.

Leiceaga expresou que, na Xunta de Portavoces, Santalices recoñeceu "de maneira indirecta" que "podería actuar doutra maneira", xa que, segundo o socialista, afirmou que "debeu convocar" os portavoces dos grupos, o que serviría para "resolver calquera problema de carácter semántico", en referencia á denominación de "comisión paralela" ou xornada parlamentaria.

"Non entendemos o seu fundamento, en ningún caso se trataba de suplantar ningún órgano parlamentario, senón traer á Cámara a aquelas voces que o PP se negou a que comparecesen na comisión oficial", incidiu Leiceaga, para o que a negativa de Presidencia "é un erro e unha censura á liberdade dos grupos".

EN MAREA: "MORDAZA"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou ao PP de tratar de "amordazar" o Parlamento porque "non poden facelo coa rúa", en referencia as protestas e manifestacións que se producen nas últimas semanas en contra da xestión sanitaria do Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo.

A continuación, o maxistrado lucense afirmou que "por primeira vez na historia" os grupos viron "negada" a súa solicitude para empregar as dependencias parlamentarias "única e exclusivamente porque non lles gustaba" o que alí "se ía a falar".

"Lamentamos a actitude de Santalices, que non o coloca como presidente do Parlamento senón como unha parte do Partido Popular", incidiu Villares, para logo censurar que "se vista de resolución xurídica o que é unha vergoña e un uso partidista dunha institución que tiña que ser de todas e todos".

BNG: "CENSURA"

Por último, a líder frontista, Ana Pontón, ironizou con que o PP pensa "que hoxe é 28 de decembro" e "está a tomar o pelo" ao resto de grupos, en referencia ao día dos Inocentes, que se celebra este venres. "O Parlamento é a casa de todos, non entendemos que se tente vetar e impedir que se escoiten as voces críticas da sanidade", engadiu.

Segundo a portavoz nacional do BNG, o PP e Santalices recoñeceron na reunión deste xoves que "hai un veto ás voces críticas" coa xestión sanitaria da Xunta, polo que existe "un intento de censura a esa comisión de investigación paralela, que non suplanta nada, senón que pretende dar voz ás persoas que o PP non quere que se escoiten aquí (Parlamento)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta