25 cuestións para o 25X

A inminente festa nacional galega está chea de interrogantes de todo tipo.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 16/07/2011

Comparte esta noticia

1- Cando se vai cumprir un ano, saberemos por fin que sanción recibiu aquel policía que maltratou a unha turista por preguntarlle por unha rúa coa súa denominación oficial en galego, en vez de facelo no idioma do 'imperio'? Ou será que o PSOE de Rubalcaba, que é o que controla estas cousas, é permisivo con estes ataques?
2-O despregamento da policía durante o 24 e o 25 de xullo en Compostela volverá a ser tan abafante que lle fará a festa imposible a centos de persoas? Retornarán as nocturnas cargas indiscriminadas pola zona vella?
3-A Igrexa e as forzas do orde estatal amosarán algún tipo de vergoña tras o ocorrido co Códice Calixtino?
4-Como ocorreu o ano pasado, veremos de novo unha furgoneta da policía coroada por unha provocadora bufanda na que se le “esto es España y al que no le gusta que se vaya”?
5-Deixarán que os independentistas se manifesten tranquilamente o Día da Patria ou serán acosados brutalmente como nos últimos anos? Alguén lembrará que iso mesmo foi o que lle ocorreu ao nacionalismo na súa totalidade durante os primeiros anos 80?
6-Notará a manifestación de Causa Galiza a ausencia de Nós-UP? Como é posible que formacións  minoritarias, pero con certo espazo para medrar, sempre anden á lea?
7-Os que falan da crise perpetua do BNG fixáronse algunha vez na de xente que acode á convocatoria súa en Compostela ano tras ano?
8-Os que vaian na manifestación do Bloque falarán máis do que hai que facer contra Feijóo ou da situación interna da fronte? Se triunfa a segunda opción, pode ser que estean en crise perpetua?
9-Será o último discurso de Guillerme Vázquez como líder do BNG na Quintana un 25-X?
10-Irá Anxo Quintana á manifestación ou, dado que xa é un home de negocios, pasará de mesturarse?
11-Escoitarase máis ao irresistible metal de Su Ta Gar en Belvís ou as moitas persoas con gañas de cantar 'Parva que sou' de Deolinda no Festigal?
12-Ao PP e a súa rapazada seguirá sen caerlle a cara de vergoña ou sen crecerlles o nariz cando vaian levar flores a Castelao?
13-Volverá a mans públicas o Panteón de Galegos Ilustres ou manterase da man da Igrexa ata que rouben o cadaleito de Rosalía?
14- As 'autoridades' que acoden á ofrenda ao apóstolo nunca terán sentido do ridículo e veranse de novo “mantillas y trajes de marinerito”?
15-Volverá a ser tan escasa a actuación pública do PSOE de Galicia nestas datas?
16-Será capaz Abel Caballero de celebrar o 25-X coa recepción do concello de Vigo logo de que hai uns días desprezara a media Galicia -especialmente A Coruña e Santiago- nunha entrevista en 'El País'?
17-Haberá actos desas varias formacións minoritarias denominadas galeguistas de centro?
18-O ano que vén virá Rajoy a postrarse ante un símbolo relixioso como presidente do Goberno español?
19-Para festexar a galeguidade, regalará algunha prensa galega pósters a todo cor de multimillonarios como José María Castellano ou Pablo Isla?
20-Será o sistema consciente de que Galicia ten 240.000 parados, ou sexa, unha cidade como A Coruña só de desempregados?
21-Haberá de novo protestas dalgúns, poucos pero algúns, turistas que non soportan ver galegos, falando en galego, con bandeiras galegas e reivindicando a Galicia en Galicia?
22-Tendo en conta o numeroso da emigración galego e a riqueza da cultura do país, algún día o 25 de Xullo será algo minimamente parecido a nivel internacional ao Saint Patrick's Day de Irlanda?
23-Unirase dalgún xeito o movemento 15-M á data?
24-Alguén terá a responsabilidade de lembrar que, como mínimo, é necesario outro Estatuto?
25-Cando tempo necesitará o PP para que o 25 de Xullo xa non teñamos un país que celebrar? Seremos tan parvos de deixar que o faga?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.