Por Rodri Suarez | A Coruña | 10/09/2011
Primeiro foise Touriño, entre escaso recoñecemento persoal. Agora marchou Quintana, dun xeito moi parecido. Non deixa de ser rechamante que os dous líderes do mellor goberno autonómico que tivo nunca Galicia -a pesar do moi lonxe que estivo do esperado e desexable- apenas provoquen entusiasmos nin homenaxes públicos á hora do seu adeus. Podería ser unha desas sucidades desagradecidas que tanto rodean o mundo da política. Ou tamén podería ser que cando, alén do máis ou menos salientable nivel político, se cae no personalismo e no exceso de ego, o tempo acaba pasando factura.
Touriño e Quintana loitaron duramente para ver quen se convertía no Fraga progre, ata o punto de que foron capaces de eclipsar con esa intención todos os avances do seu goberno, tan incompleto como aceptable, sobre todo en comparación coa desfeita que agora campa en San Caetano. Anxo Quintana, un político dun nivel superior á media, acaba de deixar o Parlamento rumbo ao terreo dos negocios. Ao mesmo tempo, unha das obras nas que máis empeño puxo, a de ter un periódico onde puidese desenvolverse unha corrente de opinión favorable ás súas teses, tamén vén de asinar unha despedida dramática, sobre todo para os seus traballadores, que temen ou empezan a verse no triste e ás veces repugnante camiño que antes tiveron que emprender os d'A Nosa Terra, nun caso con moitas semellanzas, a principal chamada Jacinto Rey. Sen dúbida, semella a fin do chamado quintanismo. Que deixa en herdanza? Algunhas luces e moitas sombras.
E non foi cousa só de Quintana. Por mencionar a dúas grandes correntes do BNG, tanto beiristas como UPG, en distintas etapas, impulsaron o seu liderado. Tamén é certo que, en voz máis ou menos baixa, ambos grupos recoñecen na actualidade os erros cometidos a este respecto. Que conste que a aposta tiña certa lóxica, non por nada tratábase do que seguramente foi o mellor alcalde que houbo en Galicia dende o remate da ditadura franquista. Pero agora aquel enorme traballo en Allariz quedou como agochado por culpa de moitas das actitudes amosadas na Xunta ou tras a posterior derrota electoral. Unha mágoa. Ninguén debería ser tan inxusto consigo mesmo. Nin dar tanto pé a que se espalle a terrible idea de que o poder cambiouno.
Simplificando, a intención de Quintana era a de converter o Bloque no PNV ou CiU galego. A idea, tan promocionada polo seu principal e nefasto asesor mediático oficioso, tiña como obxectivo a medio prazo que o nacionalismo galego abandonase a esquerda real para alcanzar un estadio que lle permitise incluso pactos estables co PP. Para elo intentou borrar calquera trazo vermello explícito e aportou a definición de “nacionalismo útil”, que viña a suxerir (talvez sen querer) que todo o traballo anterior do nacionalismo non servira para nada, nun claro síntoma (talvez inconsciente) de mesianismo. Sempre son os iluminados os que pensan que todo é prehistoria ata a súa aparición. Deles a política, en todas as súas formas ideolóxicas, vai sobrada.
“Nós xa non estamos na dialéctica dereita-esquerda”, dicía Quintana en público e a maioría da base social -e aínda máis a militancia- do BNG retorcíase. Está demostrado que aquilo que non ten ideoloxía case sempre acaba sendo máis ben de dereitas. Para nada quere dicir iso que as políticas do ex vicepresidente dende a Xunta non foran progresistas, que a gran maioría o foron, pero si que o seu estilo, a súa axenda e demasiados dos seus actos parecían marcar outra cousa, moi afastada do ansiado pola xente que lle levara ao poder, perdendo así logo unha chea de apoios. Porque en ningún momento a súa cacarexada “apertura social” conseguiu sumar máis votos ao Bloque respecto ao liderado de Beiras.
Como puido Quintana danar o bo traballo que en xeral lideraba no bipartito? Pois xogando a ser como os demais ou como dicía o seu asesor mediático, querendo facer do BNG unha organización “normal”, como os outros, cando para iso xa estaban os outros. Para pagar con fondos públicos actos de exaltación propia con xubilados ou mulleres xa estaba Fraga e o PP, por exemplo. E, xa vai tocando dicilo, para reunirse con empresarios en iates -e non no despacho oficial- pois tamén, por moito que esa imaxe e tantas outras foran manipuladas dende certos poderes neototalitarios. Porque a inxenuidade na procura dunha burguesía nacional galega queda tristemente clara agora, visible como unha vella burbulla máis, que no seu día ata intentou seducir aos que finalmente máis traballaron para destruílo. Difícil é esquecer o constante compadreo case submiso cos dirixentes das caixas. Neste presente no que a esquerda e os novos movementos reivindican levar a xuízo aos causantes da crise, resulta moi duro lembrar ao líder dunha organización das características do BNG en insistente louvanza e paripé con Gayoso e Méndez, xusto dous dos que segundo, por exemplo, o 15-M deberían sentarse ante un xuíz para responder pola súa nefasta xestión do aforro dos galegos, agora enterrado e privatizado baixo o cemento mediterráneo.
Nunha entrevista de Sonia Vizoso publicada en El País en 2007, Quintana aseguraba que dende a Xunta non debían “imprimir un ritmo de cambio que ninguén reclama”. Adoita pasar co que se agarra demasiado ás alturas, que non se decata do que pasa abaixo. Menos de dous anos despois, o bipartito perdía as eleccións, entre outras moitas razóns, por quedarse lonxe do ritmo de cambio esperado. Tamén insistía entón en que non había que falar de nacionalismo de esquerdas ou dereitas, “porque todo é un”. Outro erro. Seguramente, Quintana tería sido o mellor líder posible para un deses chamados nacionalismos de centro. Pero a xente votara ao Bloque, ao que se lle ten por outra cousa. Dende logo, por unha que estea a anos luz dos recortes sociais de corte neoliberal que están marcando o regreso de CiU á Generalitat.
Antes de marchar, Quintana volveu a ser traidor co seu propio legado. Aproveitouse, e de forma ben visible, dun coche oficial innecesario durante máis de dous anos, tal e como agora poñen en evidencia os seus propios compañeiros de filas. Tamén deixa aberta a sospeita de que aquel interesante proxecto do IGEA non era máis que unha plataforma persoal que deixa tirada ao non dar froitos, ao igual que se afastou de Máis Galiza unha vez que este sector apostou por novas caras e por definirse de esquerdas. De feito, se o quintanismo recobra forzas nalgunha ocasión -e non sería mala noticia sempre que fuxa de intentar vampirizar outras opcións, como pasou- é moi probable que sexa dende unha organización allea ao BNG. Mentres iso ocorre ou non, o ex voceiro do Bloque rexeita volver ao seu posto de traballo na Sanidade e adicarase a un fondo de inversión, algo completamente lícito. Como, moralidade aparte, non pasa nada cando o construtor Jacinto Rey, o seu aliado, cualifica as ditaduras do Golfo Pérsico como “un sistema jurídico y económico razonablemente seguro”, tal e como fixo na xunta de accionistas de Sanjosé en xuño de 2010. Con feitos así, é lóxico que non falte no propio Bloque quen espera que nunca máis un líder da súa organización volva a darlle máis importancia a este tipo de amistades que ás propias bases.
Cada día é máis doado botar de menos gran parte do legado do bipartito, xa liquidado por Feijóo. Pero tamén cada día é máis doado maldicir os egos, as ambicións e as traizóns ideolóxicas que axudaron decisivamente a que o proxecto dunha Galicia dirixida pola esquerda pareza agora unha quimera. Poucas inxustizas máis graves pode haber que aquela segundo a cal se analiza a perda de votos do BNG sen ter en conta -entre outros moitos factores- o dano que algunhas accións na Xunta provocaron no seu electorado, facilmente resumible en que “chegaron o poder e fixeron como os outros”. Non é certo. Pero algunha cousa houbo. E a máis coñecida foron certas actitudes de Anxo Quintana. Algo ía mal cando el mesmo afirmaba encantado: “Hai grandes empresarios que me din que non imaxinaban que o Bloque fose así”. Algo ía mal cando a moi dereitista Esperanza Aguirre declaraba: “Le dije a Feijóo que pacte con Quintana, es un buen chico y moderado”. Mal asunto. Porque a esquerda nacionalista o que necesitaba -e necesita- é que lle aplaudan nas rebeldes prazas públicas, non nos luxosos despachos privados.