Estudan distintas posibilidades para a mellora da seguridade no porto de Malpica

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, foi interpelada pola oposición no Parlamento para que a Xunta aumente a seguridade nos portos galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou de que os técnicos da Xunta estudan diferentes posibilidades para mellorar a seguridade do porto de Malpica (A Coruña) como a rebaixa da canle de acceso na comporta para gañar calado e a eliminación de rebordes que distorsionan as correntes nesa canle. Así o destacou en resposta a senllas preguntas formuladas polo BNG e o PSdeG no pleno da Cámara galega sobre as medidas que a Xunta porá en marcha para incrementar a seguridade tras a morte o pasado 20 de decembro do patrón do barco Silvosa ao naufragar antes de saír do propio porto.

Respecto diso e ante a presenza dos familiares do falecido na tribuna de invitados, a conselleira asegurou que os técnicos do seu departamento tamén analizan a influencia que na axitación e nas correntes podería ter a ampliación do martelo do dique ou a construción dun contradique na zona de terra. En relación a esta análise da ampliación do dique, Quintana sinalou a súa complexidade. "Deberase verificar de forma certeira para contemplar a súa achega en razón da mellora do abrigo, pero tamén da posibilidade de que se poidan incrementar as correntes dentro do porto".

Así, precisou que os técnicos estudan a seguridade na saída e entrada na propia bocana do porto e as correntes que se xeran no interior. "Estamos a traballar de forma rigorosa, baixo o criterio dos técnicos e co apoio dos mariñeiros que agrupa a confraría", subliñou nunha intervención na que explicou que estas posibilidades xa foron trasladadas á familia da vítima e aos membros do depósito no pasado mes de decembro.

Ademais, destacou que o seu departamento sempre "foi acometendo" as melloras que "lle foi demandando a confraría" e que supuxeron "unha cantidade de máis de 1,5 millóns de euros destinados a este porto nos últimos anos, a maioría para a seguridade". "A seguridade no mar e para as xentes do mar é un elemento central e unha aposta blindada para a Xunta", deixou claro.

En fronte, a deputada socialista Dores Toja esixiu ao Goberno galego "medidas definitivas" para dotar aos portos galegos da seguridade necesaria para evitar accidentes como o do pesqueiro Silvosa. Nesta liña, a nacionalista Montse Prado instou á Xunta a estudar e propor solucións para que "ningún mariñeiro" faleza nunha manobra rutineira como ocorreu no caso de Malpica que, na súa opinión, "evidencia" o "desprotexidas" que están as costas galegas.

Ondada en Malpica de Bergantiños
Ondada en Malpica de Bergantiños

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta