Os vertidos no Miño e noutros ríos

Cando naceu a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil parecía que, para a defensa dos nosos ríos, chegaba unha nova etapa.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 17/09/2011

Comparte esta noticia

A Hidrográfica do Norte estaba moi lonxe para nós e  todo indicaba que habería un cambio de rumbo; que todo serían avances para restaurar o medio natural, ás veces tan  esquecido e sometido ao desleixo das institucións. Pois ben, no período de tempo que leva en marcha este novo organismo, poucas novidades importantes se deixaron ver no coidado destas canles naturais. E porei varios exemplos denunciados pola plataforma Ríos Limpos e outras organizacións ecoloxistas. A saber: vertidos  fecais no Pereiro que van a parar ao embalse de Cachamuíña, encoro que nutre á urbe de auga.  Vertidos ao Miño (regato de Vistafermosa debaixo da entrada centro da A 52), vertidos ao embalse das Conchas e a situación calamitosa  do Barbaña dende  Noalla  ate a desembocadura no Miño, todo como consecuencia dos vertidos industriais incontrolados das zonas industriais.

Nin que dicir que,  moitos cidadáns sentímonos totalmente frustrados diante a pasividade e falla dunha política seria que vaia camiño de facer valer a lei e que trate de solucionar estes anacrónicos problemas que tanto dano lle fan ao medio natural.

Á veces penso que a Confederación está soamente centrada en grandes obras e que  é totalmente  inoperante na labor policial e sancionadora para resolver pequenas cuestións que alarman aos cidadáns. Porei como exemplo a dos vertidos ao Miño no paseo das Ninfas, baixo o acceso central da A-52. Paseo que percorren diariamente cantidade de ourensás e visitantes que ven, con verdadeiro asombro, como un regato de augas putrefactas entra no Miño deixando tras de si un regueiro de merda  para orgullo das nosas institucións e de todos os ourensás.

E a pregunta resulta inevitable: ¿Onde están esas organizacións públicas  que teñen que velar e preservar o medio natural? ¿Onde están as sancións por verter ao río desta maneira? ¿Onde está a eficacia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil?

Persoalmente creo que o tema dos vertidos denunciados é un asunto  que no fondo require vontade para resolver un problema que está ben á vista. Un problema que coido que non debe ser moi custoso arranxar.

Somos o pais das lexislacións que logo nunca se aplican e menos se cumpren. Somos, en moitos aspectos, un pais incívico gobernado  por organismos ineficaces que si desaparecen case non se notaría a súa ausencia. Pois, a día de hoxe, a súa presencia como autoridades das augas pasa case inadvertida. En fin, temos un organismo publico que ten por obriga velar pola saúde dos ríos e regatos; que ten a obriga de permitir o acceso aos ríos impedindo que se pechen as fincas ate a mesma canle; que ten a obriga de controlar as depuradoras e os vertidos de todo tipo que van parar ao cauce, etc.  Pero iso non se controla. Remato: se temos un organismo para coidar e mellorar os dous grandes ríos galegos e os seus afluentes, é necesario que funcione  e que se vexa, pois a realidade que se percibe  a  día de hoxe é a contraria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com