Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2019 | Actualizada ás 20:03
O dispositivo de procura da muller de 57 anos que parmenece desaparecida desde o pasado domingo en Ferrol concluíu estes mares sen ningún avance. O operativo céntrase na zona de Punta Penencia, nas proximidades da praia ferrolá de Doniños.
A desaparecida, veciña de Ferrol e residente no barrio de Caranza, falta do seu domicilio desde o pasado domingo e os equipos de coordinación sopesan que se poida atopar na zona, xa que se desprazou en taxi e foron localizadas no lugar algunhas das súas pertenzas persoais.
Os fortes ventos rexistrados durante a mañá e as choivas caídas pola tarde condicionaron o dispositivo de procura, que se ampliou ata a zona de Cabo Prior, onde un helicóptero de Salvamento Marítimo realizou traballos durante unhas tres horas, desde as 12,00 ás 15,00 horas.
Con todo, as malas condicións meteorolóxicas impediron que os bombeiros de Ferrol despregasen os seus drons.
O rastrexo arrincaba ao redor das 10,30 horas deste martes. No operativo participaron efectivos da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil de Ferrol, así como Casaga, cos seus cans de procura, e axentes da Policía Nacional pertencentes á comisaría de Ferrol-Narón
Familiares e amigos da desaparecida tamén colaboraron no dispositivo de procura, que se deu por concluído ás 18,30 horas. Á primeira hora deste mércores está previsto que se renove a procura, aínda que contará cun número menor de efectivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.