Por Silvia López | Santiago de Compostela | 17/03/2019 | Actualizada ás 13:56
O fútbol gáelico está a vivir un momento ben gustoso na nosa comunidade. Este deporte vai facéndose pouco a pouco un oco de popularidade e boa parte dese recoñecemento vén dado grazas aos éxitos acadados pola Selección feminina. Logo de proclamarse campioas de Europa o pasado ano en Lorient (Francia), o equipo vén de gañar este sábado 16 de marzo o Torneo Internacional de Madrid, organizado por Madrid Harps GAA.
Aínda que de carácter amigable, nesta competición participaron dez equipos chegados de distintos puntos de Europa. Algúns procedían de países berce desta disciplina, así que o nivel de esixencia non era baixo. "O obxectivo principal non é outro que o de coller minutos, experiencia e bagaxe competitiva no camiño preparatorio dos GAA World Games, que se celebran en Waterford (Irlanda) do 28 de xullo ao 1 de agosto", precisaban antes do campionato. Aínda así, os dous conxuntos galegos —tanto o feminino coma o masculino— lograron resultados encomiables.
No caso das rapazas, impuxéronse na final cun resultado de 3-13(22) fronte ao 0-05(5) das madrileñas do Shamrocks. A este partido chegaron logo de facer un pleno de vitorias na fase de grupos, segundo informaron na súa páxina de Facebook. Os outros dous equipos que rivalizaron polo triunfo no campo de rugby da Hortaleza foron o Leprechauns, tamén da capital española, e o St. Jude's (Bournemouth, Inglaterra). Fronte a estoutros conxuntos, as galegas lograron facerse coa copa, que lles entregou a embaixadora de Irlanda en España, tal como amosan nas súas redes sociais.
O EMPODERAMENTO DAS XOGADORAS
Esta vitoria non fai máis ca ratificar o talento desbordante da canteira galega no fútbol gaélico feminino, xa demostrado noutras competicións coma o Campionato de Europa 2018. Celebrado no marco do festival de Lorient (Francia), as galegas tamén dominaron o xogo e conseguiron alzarse co preciado título. "No resto do Estado este deporte non ten nin de lonxe o desenvolvemento que ten aquí: nós ata formamos unha liga propia. E a nivel internacional Galicia xa ten un nome", contaba Laura Paz, do club Fillas de Breogán, nunha reportaxe de Galicia Confidencial.
Ela e outras xogadoras relataban como os prexuízos e dificultades que se lles presentan ás mulleres no deporte tampouco lles son alleos nesta especialidade, malia caracterizarse por fomentar o respecto e a inclusión. "Hai quen chega a dicir: 'xogan no campo reducido porque, claro, non van xogar a campo completo, que é moi grande para elas...'", contaba Ánxela Estévez, do club Estrela Vermella da Coruña.
"É complicado facerse oco, e máis no caso feminino; en todos os deportes o masculino leva a voz cantante, pero espero que con estes logros e éxitos as mulleres tamén acaben conseguindo esa mesma atención", reflexionaba o entrenador da Selección feminina, Pablo da Silva, logo dese éxito na localidade francesa.
Nós tamén xogamos! Video Torneo Internacional Garañón 2019 celebrado o 9 de marzo de 2019
A SELECCIÓN MASCULINA, PRETO DE CONSEGUIR OUTRA COPA PARA GALICIA
Pola súa banda, o conxunto masculino tamén logrou chegar á final do Torneo Internacional de Madrid, pero non conseguiron vencer aos Madrid Harps. Un desenlace de 0-05 fronte ao 0-03 dos nosos impediu facerse cun duplo recoñecemento para Galicia. Porén, o "axustadísimo e competido" partido deixou en bo lugar os rapaces.
Á parte da Selección Galega e o Madrid Harps (os grupos A e B), nesta categoría tamén participaron os clubs Wandsworth (Londres), a sección masculina do St Jude's GAA e o Zürich Inneoin GAA (Suíza).
OUTROS ENCONTROS
Anteriormente a selección galega feminin
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.