Un novo estudo asocia o radon coa incidencia do cancro de pulmón en persoas que nunca fumaron

O cancro de pulmón en non fumadores representa aproximadamente o 15-25% dos casos da enfermidade, e a súa epidemioloxía está pouco desenvolvida.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/03/2019 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, acaban de publicar un estudo en Environmental Research, una das revistas máis prestixiosas en epidemioloxía ambiental, no que se observa un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial.

A particularidade do traballo, liderado polo profesor Alberto Ruano Raviña, reside no tamaño da mostra -523 casos e 892 controis, todos eles en persoas nunca fumadoras e procedentes de dez hospitais de Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid-, que o sitúa como un dos estudos máis importantes sobre radon en cancro de pulmón en nunca fumadores. Os resultados confirman así o radon como primeiro factor de risco de cancro de pulmón en nunca fumadores, tal e como indica a Organización Mundial da Saúde no seu informe de 2009.

Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas
Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas | Fonte: USC.

Ademais, os datos do estudo suxiren ademais que a exposición ao radon está asociada con todos os tipos histolóxicos de cancro de pulmón incluíndo o adenocarcinoma, que actualmente é o tipo histolóxico máis frecuente para esta enfermidade.

Segundo informa a USC nun comunicado, os resultados poñen de manifesto que o radon pode producir cancro pulmonar a partires dos 200 Bq/m3, concentración aínda por baixo da directiva europea sobre radiacións ionizantes, que establece os 300 Bq/m3 como nivel de referencia. Para o profesor Ruano, “estes resultados indican que debería reconsiderarse a redución do límite de referencia marcado pola UE e aliñarse cos 200 Bq/m3 de Irlanda, Reino Unido ou Canadá. Mesmo os Estados Unidos teñen dende 1988 como nivel máximo 150 Bq/m3”.

 CANCRO DE PULMÓN EN NON FUMADORES

O cancro de pulmón en nunca fumadores representa aproximadamente o 15-25% dos casos da enfermidade, e a súa epidemioloxía está pouco desenvolvida. O que di este estudo é que existe unha relación directa entre concentración de radon e risco de cancro de pulmón, “mais é unha relación probabilística”, aclara Alberto Ruano .

“Do mesmo xeito que non todos os fumadores desenvolven cancro de pulmón, non todas as persoas con radon elevado na súa casa o terán”.
O doutor da USC advirte ademais que a magnitude do risco da enfermidade debido a este gas é moito menor que a que asociada ao tabaco. Iso si, a primeira recomendación para alguén con nivel alto de radon no seu domicilio é que non fume “nin esa persoa nin os ocupantes da vivenda, xa que o risco se multiplica”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta