O PP rexeita a toma en consideración dunha lei para regular a actividade dos grupos de presión en Galicia

A oposición acusa ao PP de impedir o control da corrupción e os populares piden "esperar a ver como queda a nivel estatal" a regulación "antes de lexislar a nivel autonómico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

O Partido Popular rexeitou no pleno da Cámara galega a toma en consideración dunha proposición de lei para regular a actividade dos grupos de presión en Galicia, como así reclamaba o PSdeG co apoio de BNG e En Marea.

O encargado de defender a iniciativa este martes foi o parlamentario socialista Juan Díaz Villoslada, quen asegurou que esta normativa permitiría "homologar" a Galicia "xa non con outros países avanzados, senón con outras comunidades autónomas". Entre outras cuestións, a proposición de lei dos socialistas galegos esixía facer públicos os contactos da Administración autonómica con estes actores á hora de elaborar leis e decretos.

Neste sentido, os socialistas consideraron necesaria unha "correcta información" das prácticas destes grupos para evitar risco de que cheguen a ter un exceso de capacidade para influír no sentido das decisións do goberno. E é que segundo apuntaron, a lei autonómica de transparencia, aprobada en 2016, deixa fóra do seu ámbito a actividade destes lobbies.

"Deixen de utilizar escusas de mal pagador e de matar o mensaxeiro, están a tratar de impedir custe o que custe calquera regulación das prácticas de corrupción", trasladoulle Villoslada á bancada do PP, á que lembrou a súa negativa a aprobar outras iniciativas defendidas polos grupos da oposición na cámara neste sentido.

APOIO DE BNG E EN MAREA

Tanto BNG como En Marea mostráronse a favor da toma en consideración desta medida. Así, en primeiro lugar, a nacionalista Olalla Rodil considerou positivo "definir o que é un lobby" así como "crear un rexistro de carácter obrigatorio" e citou varios exemplos da "influencia" que o "gran capital" fai nos poderes públicos.

Así, referiuse a unhas fotos nas que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibía ao presidente de Iberdrola para lembrar que, "unha das primeiras decisións que tomou Feijóo" foi "anular o concurso eólico do bipartito". "Casualidades da vida, a empresa máis belixerante contra aquel concurso fora Iberdrola", indicou.

Tras a intervención de Rodil, Carmen Santos (En Marea) acusou ao PP de situarse en contra de loitar contra a corrupción nun contexto no que "son moitos os actores que tratan de influenciar na vida política".

Por iso, considerou que unha lei galega permitiría que "todos os galegos coñezan cales son as persoas ou organismos que tratan de influír nas decisións do goberno galego". "Para que non gobernen quen non se presentan ás eleccións, non podemos ter gobernos de papel mollado que son monicreques dos poderes económicos", apuntou.

REXEITAMENTO DO PPDEG

En fronte, a parlamentaria popular Paula Prado xustificou o rexeitamento do seu grupo á toma en consideración desta iniciativa ao asegurar que as recomendacións do Grupo de Expertos Contra a Corrupción diríxense ao Estado.

"Porque di que en España a xustiza non é do todo independente e que non están regulados os grupos de interese, de forma que non se coñece quen se reúne e quen fala cos deputados e senadores", sinalou Paula Prado, que censurou que o deputado do PSOE só dirixa as súas peticións á Xunta e se esqueza" dos parlamentarios desta Cámara".

"Nós xa dixemos que preferiamos esperar a ver como queda a nivel estatal este asunto antes de lexislar a nivel autonómico", apuntou.

Iberdrola repartirá unha remuneración de 13,7 millóns de euros entre os seus máis de. IBERDROLA - Arquivo
Iberdrola repartirá unha remuneración de 13,7 millóns de euros entre os seus máis de. IBERDROLA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta