O alcalde de Santiago cre que é "o momento" dunha fusión dos municipios da comarca para formar unha "gran capital"

Martiño Noriega asegura que existe unha ampla predisposición social en Ames, Teo e Compostela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2019 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago e candidato de Compostela Aberta a revalidar o cargo, Martiño Noriega, volveu a pór sobre a mesa a súa disposición a tentar unha fusión entre os municipios próximos á capital galega, entendendo que "é o momento" de conformar "unha gran capital" que permita ofrecer mellores servizos e unha adecuada atención aos veciños da comarca. Así o avanzou durante o acto de presentación do programa co que Compostela Aberta se presentará ás próximas eleccións municipais, celebrado no Club Financeiro de Santiago.

Noriega lamenta que Bugallo 'compre permanentemente o discurso do PP' e dubida d
Noriega lamenta que Bugallo 'compre permanentemente o discurso do PP' e dubida d | Fonte: Europa Press

Non é a primeira vez que o rexedor compostelán traslada o seu visto e prace a expor unha fusión entre os distintos concellos da zona. En 2015, o entón candidato á alcaldía xa se mostraba partidario dunha mancomunidade ou fusión entre varias entidades municipais, debate que reabriu recentemente.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Noriega valoraba os "pasos" dados en comarcalización de servizos, pero non todos os desexados. "Igual temos que empezar a falar máis que de cooperación, de recuperar o discurso de fusión". "Cos que estean dispostos a exploralo", resolveu.

Este xoves, Noriega volveu a sacar a súa vontade de ir máis aló dunha colaboración "puramente institucional", sobre todo se o obxectivo é falar de Compostela como "un espazo de gran capital". Neste sentido, admitiu que o plan comarcal "non funciona" e hai problemas de transporte e de conectividade con zonas como Brión ou Ames, con servizos "moi deficitarios".

"E todos os traballos de colaboración, evidentemente, foron fracasando", lamentou, polo que cre que a zona non está "á altura" dese espazo "de gran capital" á hora de executar unha coordinación entre as distintas administracións, nin co transporte público nin coa política de emerxencias.

"PREDISPOSICIÓN" SOCIAL

No caso de lograr o seu segundo mandato, que será "definitivo", cre que é "o momento de tentalo" e que existe "predisposición" por parte dunha parte "maioritaria" da poboación en Ames, Teo e Compostela, segundo diversos estudos demoscópicos realizados.

Noriega considera que pode haber esa disposición nalgún dos grandes concellos da zona e que, no caso de "conseguir desbloquear" e lograr que algún deles se some á proposta, podería ser "o elemento catalizador para ir ao espazo de gran capital" que se converta en "un motor tractor real" en materia económica, social e de mobilidade.

Neste sentido, cre "importante" que os cidadáns entendan que "haberá máis beneficios que prexuízos" nun proceso de leste calibre, cunha mellora na prestación de servizos e unha estrutura administrativa que chegaría a todo o territorio que abarque a fusión e que permita unha "interlocución" cos veciños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 lóstrego

Pasados 4 anos, comezan os delirios localistas e pailanistas.

1 Zum Bom

E tu de alcalde ehhh pilliiiiin!