Veciños de Touro denuncian investimentos da Xunta para reparar os danos da empresa San Rafael na antiga mina

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, desprazouse o pasado venres a Touro cunha visita que a Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, cualifican de "sixilosa" e "fugaz".

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 27/04/2019 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

A Plataforma Mina Non apuntaba nunha nota emitida este venres que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitara Touro e O Pino para “manter unha reunión de traballo cos rexedores municipais e repasaron os proxectos comprometidos pola Consellería”, como recolle a web da Xunta, "onde puidemos coñecer que un deses proxectos é o de canalización do rego Portapego ao seu paso pola capital municipal de Touro, cuxos desbordamentos constantes e contaminación son provocados polas actividades levadas a cabo na antiga mina de Touro", sinalan desde a Plataforma.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez en Touro
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez en Touro | Fonte: Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non

Segundo o comunicado enviado pola Plataforma a  Xunta de Galicia "vai investir o 70%, case 60.000 € do erario público, en arranxar os danos ao medio causados pola empresa privada promotora do proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, mentres que o concello de Touro pagará o 30% restante".

Ante o coñecemento de que Ángeles Vázquez estaba en Touro "membros da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, aproveitaron a ocasión para tentar falar con ela, o que incomodou ao alcalde Ignacio Codesido, quen non quixo aclarar os motivos desta visita oficial", visita que cualificaron de "sixilosa" e "fugaz".

Finalmente, a conselleira escoitou aos veciños, que lle expuxeron a súa preocupación "tanto pola situación da antiga mina como polo novo proxecto mineiro, cuxo expediente está actualmente na Consellería de Medio Ambiente, á espera da emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA)".

Así mesmo, lembráronlle a ausencia de contestación ás diversas peticións de reunión enviadas desde outubro de 2017, cando aínda era conselleira de Medio Rural. Neste sentido, Vázquez "comprometeuse a vir de novo a Touro para ver o estado actual da mina e reunirse cos veciños de Arinteiro, os máis próximos á explotación, para coñecer de primeira man o que están a vivir". Tamén "asegurou que se preocuparía máis polas verteduras e as múltiples denuncias veciñais, así como polo funcionamento da estación de medición móbil dos cheiros da empresa TEN".

Sobre o estado do rego Portapego, o alcalde de Touro "volveu recoñecer que desde o peche da mina o seu estado é desastroso" mais, aínda así, "segue sen querer responsabilizar á empresa dos danos causados e opta por empregar o diñeiro das veciñas e veciños e non “molestar” a Cobre San Rafael".

CAÍDA NAS ACCIÓNS E SENTENZA EN ANDALUCÍA

Por outra banda, o Tribunal Superior de Justicia de Andalucía emitiu unha sentenza estimatoria da demanda de Ecologistas en Acción, "que anula a resolución de 2015 pola que a Junta de Andalucía autorizaba o reinicio dos traballos e do plan de explotación da mina que Atalaya Mining opera en Riotinto (Huelva)".

En consecuencia, a multinacional chipriota, "que tamén pretende iniciar a explotación de cobre e prata nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, xa non conta con autorización ambiental nin con autorización mineira para seguir funcionando en Andalucía".  Ademais disto, as accións de Atalaya Mining "descenderon na Bolsa de Londres ao peche do pasado venres un 10% o seu prezo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta