Queridos Presidente, Conselleiros, Directores Xerais e Subdirectores, Secretarios e Subsecretarios, Delegados e Subdelegados, técnicos e secretarios xerais técnicos, e demais altos cargos, políticos e funcionarios, en definitiva, membros do Goberno galego, a Xunta de Galicia:
Como este ano fun moi bo e non fixen mal a ninguén, escríbolles a miña carta pedíndolles os meus desexos para este ano 2012. Como estimo que están aí por obra e graza dos nosos votos, e, lles teña votado ou non, deben gobernar para todxs, espero que atendan como é debido a miña desiderata e fagan o máis posible por satisface-las miñas (nosas) ilusións.
Explícolles: son un mozo galego, hispano e europeo (non estrictamente por esta orde, mais si en idéntica proporción). Ó mesmo tempo considérome cidadán do mundo, aberto a tódalas culturas e nacións que promovan o achegamento entre os seres humanos. Son galego porque son fillo de Rosalía, Curros e Castelao, Dobarro e Vaamonde, entre moitísimos outros. Hispano porque amo a Lorca, Alberti ou Neruda, Serrat e Víctor Jara… Europeo porque descendo de Goethe, Shakespeare e Dante, Pessoa e Kavafis, e do mundo porque tódolas persoas e tódolos pobos somos en esencia iguais, temos os mesmos sentimentos, todos necesitamos uns mínimos dereitos para realizarnos, e supoño ninguén debería buscar restar dereitos ós demais. Considérome unha persoa minimamente formada, con estudos superiores aínda que non se necesiten para ter educación nin para ser máis ca ninguén, pero tampouco para ser menos. Explícome: cunha licenciatura universitaria, experiencia profesional e competencia suficiente para desenvolverme en calquera das dúas linguas cooficiais desta terra, e mais algunhas estranxeiras, non teño traballo nin moito menos posibilidades a curto ou medio prazo de independizarme. Como se concibe isto?
A miña situación extremamente precaria é a de milleiros e milleiros de mozas e mozos galegos e, por extensión, españois e europeos, aínda que me centro nestes primeiros porque son para eles para quen gobernan, e a quen lles deben entregar os seus “agasallos”. Á mesma idade, os meus pais xa deixaran a casa familiar, hai uns cantos máis, traballaban e gañaban cartos, e por suposto tivéranme concebido. Hoxe en día, con máis formación e máis competencia, as nosas posibilidades vense reducidas á mínima expresión, e as nosas expectativas frustradas de raíz por culpa dun sistema económico que fomenta a explotación e a acumulación persoal en troques do benestar social xeral. Non lles dá que pensar?
Refírome agora a outro dereito fundamental, xa que a lingua e a cultura son o único inmaterial e polo tanto de noso, insubstituíble e irrenunciable: o de expresármosnos na lingua que nós queiramos. Son fillo dun vigués e dunha madrileña, e a miña lingua materna, familiar e na que me expreso normalmente é o castelán, pero considero o galego como propio e unha mostra da riqueza do noso patrimonio vivo, útil e de futuro, e dende logo a lingua propia de Galicia, polo que fago o posible por comunicarme nas dúas. Falo e escribo sen problema en calquera das linguas cooficiais deste país, galego e castelán, castelán e galego, e mais francés, inglés e, se me apura, algo de portugués. Nunca sentín a cuestión da lingua como un problema, nunca tiven a sensación de que se me fixese máis complicada ou escura a aprendizaxe dunha materia por dala en galego, e endexamais pensei que o galego lle restase tempo ou enerxías a aprender linguas coma o inglés ou o francés. Sobradas mostras hai de que falar varias linguas dá máis facilidades para aprender outras, o galego pertence á familia romance e sistema indoeuropeo, e ese sustrato común é fundamental para dominar idiomas coma o portugués, italiano e todos os fillos do latín. Tampouco entendo que a ninguén lle poida sorprender que un libro de texto recolla que é a lingua propia de Galicia, porque de feito o é, de sempre ou dende antes que nacese o castelán, trazo individual que nos diferencia do resto e configura unha cultura e unha cosmovisión propias, do que debemos estar orgullosos, sen por iso desprezar nin ignorar o resto de culturas e cosmovisións. Vexo, pola contra, que durante moito tempo se vulneraron os dereitos dunha porción inmensa da población que non podían aprender dende pequenos na súa lingua materna, nin sequera falalo en ningún dos ámbitos máis fundamentais da vida cotiá. Coido que o actual debate é un debate político interesado, fomentado por certos grupos de presión con moito poder e unha morea de votos atractivos para os políticos, grupos que non queren desprenderse dos seus privilexios a costa de reducir os dereitos dos outros. Non entendo senón como non se poden destinar recursos á tradución de libros ó galego, por que non só non se fomenta senón que se reduce o uso do galego como lingua vehicular para o ensino nas mesmas condicións e oportunidades que o castelán, e por que este non se precisa, como se precisa o castelán, para acceder á Administración pública e dar un servizo de calidade ó 50% das persoas que se expresan nunha das dúas linguas cooficiais deste país. E recalco isto das linguas cooficiais, porque iso está moi claro, vendo ó noso arredor que o castelán domina nos papeis da Administración, da sinaléctica, dos medios de comunicación e ata dos ámbitos orais formais, pero non parece asumirse que o galegoo o sexa nas mesmas condicións, e mesmo que sexa a lingua propia, como demostra o feito de que o Valedor do Pobo (do Pobo!) ignore a maioría das queixas (inmensas) que hai por discriminar a lingua galega, e se atreva mesmo a cuestionar que estea ben recordar que o galego é a lingua propia de Galicia. Tampouco entendo que a Xunta ignore a inmensa maioría das queixas referidas ó galego que lle remiten este Valedor e sobre todo o resto de cidadáns e asociacións comprometidas coa lingua, e se atreva a retirar un libro de texto só por recordar o evidente. Sen embargo, non retira un só dos xornais que subvenciona precisamente por usar o galego, polo feito de non usalo, ou verquer mentiras sobre el e moitos outros asuntos, e non vixia ós que por lei deben usalo no servizo dos cidadáns. Ou ós conselleiros, alcaldes, deputados e concelleiros que non o usan ou potencian, en cumprimento do Estatuto, ou se atreven mesmo a deturpa-los topónimos e nomes correctos, lexítimos e oficiais. O mundo ó revés.
Tampouco me cabe na cabeza e me indigna que moitos dos seus representantes desprecen por sistema o galego e a cultura galega. Recórdolles, por ende, que vostedes non estarían aí nin cobrarían os seus suculentos soldos se non fose por obra e graza do idioma. Tampouco entendo como poden desaparecer certos programas de televisión ou radio comprometidos coa cultura propia, ignorar ou directamente menosprezar as manifestacións cidadás en prol da lingua, e manipular ata extremos infames a información en prol dos intereses políticos ou mesmo económicos de certos individuos e sectores de opinión. Non responde ó meu dereito a ter uns medios de comunicación públicos, democráticos e de calidade.
Eu son castelán-parlante e nunca vin o galego como un problema; e coma min, penso que o 99% dos que son coma eu comparten a miña opinión. Creo sinceiramente que só os renegados e os inadaptados, ou os que rexeitan de plano aprender, se opoñen a que o galego progrese en competencias e se normalice por fin como lle corresponde por dereito. Están, entón, a facerme de menos nun sistema que debería premiar ós que máis competencia teñen, e non ó revés. Queren o meu traballo, o meu soldo e as miñas oportunidades, e non van parar ata que o consigan. Por que a eles se lles baixa o listón e a min se me fai cada vez máis imposible?
E agora, diríxome a vostedes: pídolles, entón, nesta miña carta ás súas ilustrísimas excelencias, que deixen de amolar co tema do idioma, e que se ocupen do que realmente importa:
De dar unha educación de calidade, na que o inglés non sexa unha estratexia publicitaria, na que o bi, tri e ata cuatrilingüismo sexan unha realidade e na que se destinen recursos dabondo ós profesores e ós centros educativos para que poidan desenvolver o seu labor con solvencia e comodidade, e así houber inglés, galego, chinés ou calquera a lingua que for.
De ofrecer medios de comunicación verdadeiramente públicos e de calidade imparciais e democráticos, que escoiten as demandas da cidadanía, e non a liña editorial duns cantos grupos de poder, cun pensamento único.
Tamén queremos un traballo digno, estable e apropiado para manterme e para manter nun futuro non moi lonxano unha familia. Eu quero un desenvolvemento sostible do noso territorio e da nosa sociedade; unha sanidade e educación públicos e de calidade, sen recortes nin escatimar no que é necesario; unhas infraestruturas e comunicacións boas e adaptadas á nosa xeografía e economía, o que implica máis unha boa rede de comunicacións que nos interconecte a todos os galegos que chegar máis rápido entre dous ou tres puntos só, e por máis cartos; unhas pensións e uns servizos dignos para os nosos maiores e as persoas con dependencia, facendo efectivas as leis sobre a mesma; e a misma dignidade para os mozos e mozas: unha vivenda e un emprego non ostentosos pero si suficientes para vivir. Todos estes dereitos son posibles; para mantelos pódense recortar cartos de tantas cousas, antes que dos petos e servizos dos cidadáns; perden tempo e enerxías discutindo o obvio, e diñeiro en subirse ou manterse os seus estratosféricos soldos: tempo, enerxías e diñeiro que poderían destinar a facer reais estes dereitos universais e básicos. Todos veñen recollidos na Constitución e no Estatuto, os que tanto din defender e dos que tanto presumen. Por que non podo exercelos?
Pídolles entón que comecen a traballar por e para satisfacer estes dereitos básicos, e pídolles tamén que non creen máis confusión e máis problemas dos que xa temos. Serán quen de pórse de acordo e facelo? Eu déixolles anís, licor café ou a substancia espirituosa que prefiran para aturar o frío desta longa noite ou lexislatura. Pero non me conformo con outro caramelo ou só coas promesas destes catro anos vindeiros, hai moito que deixei de crer nos Reis, na maxia, e ademais son republicano de corazón. Se non se esforzan por cumprir, resérvome o dereito a ser eu o que lles traia carbón, non só na noite electoral, senón en todos os días que nos restan ata a fin da lexislatura.
Despídese, atentamente seu,
Jorge M. de la Calle