Abanca renova a súa sede na Coruña

O novo está concibido como un lugar "aberto, tecnolóxico e sustentable" onde as persoas "sexan o centro".

Por E.P. | A CORUÑA | 08/05/2019 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Abanca renovou a oficina principal e sede corporativa na Coruña para configurala como un espazo "aberto, tecnolóxico e sustentable", segundo explicaron, na súa presentación aos medios de comunicación, o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet, e o conselleiro delegado, Francisco Botas.

Esta actuación forma parte do plan de renovación de oficinas que empezou Abanca en 2017 e que se prolongará ata 2020, cun investimento que oscilará entre os 50 e os 70 millóns entre este exercicio e os próximos, segundo expuxo Botas.

Os cambios introducidos na oficina principal e a sede corporativa forman parte, segundo Escotet, da aposta da entidade por traballar dunha forma "máis innovadora e flexible". "As oficinas teñen que redefinir o seu papel", explicou nunha comparecencia nas instalacións da nova sede corporativa.

Por iso, dixo que apostaron por que a sede e tamén a oficina principal de Rúa Nova sexan "máis abertas e transparentes". "Máis flexible para adaptarnos ás necesidades de cada cliente", engadiu. Todo iso, segundo expuxo, co obxectivo de ser "máis potentes funcionalmente", pero tamén "máis sustentables, incorporando pautas de aforro" en áreas como o consumo enerxético ou o uso de papel, entre outras medidas.

A PERSOA, "NO CENTRO"

"Máis tecnoloxía, máis sustentabilidade, coa persoa no centro", resumiu Escotet, quen destacou a boa acollida entre os clientes nas renovacións das oficinas que están a levar a cabo con este obxectivo.

Pola súa banda, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, explicou que acometerán a remodelación de case 300 oficinas bancarias entre este ano e o próximo, non só en España senón tamén en Portugal.

Das instalacións presentadas este mércores, subliñou a aposta por "espazos abertos" que favorezan "a charla e o debate nun ambiente acolledor". De feito, distintas salas contan con nomes de illas, mentres que a colección de arte da entidade está exposta nalgunhas das súas paredes.

Botas destacou tamén o feito de que aspectos como a climatización estea baseada en sensores que actúan en función da ocupación dos diferentes espazos.

"Espazos máis tecnolóxicos, máis áxiles", coincidiu co presidente de Abanca. E, iso, segundo engadiu, buscando a "especialización" de servizos e ter unha comunicación "máis eficiente" co cliente.

Abanca renova a súa sede na Coruña, concibida como un espazo 'aberto, tecnolóxico e sustentable'
Abanca renova a súa sede na Coruña, concibida como un espazo 'aberto, tecnolóxico e sustentable' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta