Era un mozo tunecino estudante de informática, que cada mañá dende os 10 anos ía á praza central da súa cidade empurrando un carriño de froitas e verduras para tentar de sacar algo co que sacar adiante á súa familia. Vivía con oito persoas máis, hacinadas nun piso de tres habitacións: ningún tiña traballo. Só Mohamed tiña este humilde medio de subsistencia, que ademais lle valía para ir pagando a universidade á súa irmá. Porén, Mohamed era un rapaz culto: a pesar de non rematar o bacharelato, estudaba pola súa conta inglés, francés, alemán e informática. Pero sobre todo era un rapaz sorrinte e loitador.
Ás 8.30 do 17 de decembro de 2010, saíu da casa, como cada mañá. Mercara 150 euros en froita para vender na praza, e a policía pediulle un suborno (segundo esta, unha licencia) para poñer o seu posto na rúa, pero el negouse, como todos os días. E como todos os días, a policía tentou quitarlle a mercancía. Non era a primeira vez que loitaba coas corruptas forzas da orde, nin a primeira que lle deixaban sen nada. O anterior Ramadán, tiráronlle unha vez máis o carriño, provocándolle unha crise nerviosa. Pero esta vez o conseguiron. Mohamed estalou. Prendeu, literalmente. Dous axentes golpeáronlle as pernas. E unha funcionaria municipal propinoulle unha bofetada. Cando foi á casa do concello a denunciar os feitos, a mesma funcionaria pechoulle a porta, e cando o mozo dixo que iría a queixarse ao pazo presidencial, botou a rir na súa cara: “Quen vai facer caso a un don ninguén?”, un paria coma el. Pero fixéronllo, e fixo cambiar a todo un goberno. Porque prendeu. Saíu do edificio, mercou un bidón de gasoliña de cinco litros e, diante dos policías, prendeuse lume. E prendeu lume a todo o país, constituíndo a chispa da revolución. A faísca que lle faltaba ao pobo tunecino para saltar polo ar, despois de 23 anos de tiranía, corrupción e represión.
Mohamed morreu nun hospital a consecuencia das graves queimaduras, o 4 de xaneiro, despois de recibir a visita do xa deposto presidente Ben Ali, quen sen embargo non outorgou ningunha axuda á súa familia. Pero non morreu en van. Sen querelo, convertiuse nun mártir, que inspirou toda unha revolución democrática, a “revolución dos xazmíns”, e o inicio da “Primavera Árabe”. Hoxe cúmprese un ano do derrocamento do réxime de Ben Ali. Ese 14 de xaneiro de 2011 o pobo tunecino manifestábase masivamente na capital, e horas despois, o ditador fuxía de Túnez. Cando non che queda outra cousa que a túa propia e maltratada vida, xa non tes nada que perder, agás a dignidade. Mohamed foi agredido, insultado e humillado, polo que decidiu quitarse a vida, nun supremo e derradeiro acto de coraxe. A forza da súa desesperación quedou para sempre gravada nas retinas e nas conciencias daqueles que non lle deixaron máis saída, pero pensaban que remataría a súa vida no máis ignominioso dos anonimatos. E tamén gravado a lume nas dos seus compatriotas, e o resto da sociedade árabe (Exipto, Libia, Siria, Bahrein, Mauritania, Yemen, Omán, Marruecos, Alxeria...) que se está a mobilizar para reivindicar os seus dereitos, dende Arabia até o Sáhara, por todo o mundo musulmán.
Penso que deberiamos de aprender destes valentes cidadáns, que foron quen de se rebelar contra os seus sátrapas: Ben Ali, Mubarak, Gadaffi..., a maioría pacificamente, pero preservando a súa dignidade sen esperar a que o seu amo morrese de vello. Dende o mundo occidental, os supostos países civilizados vémolos con receo e con aire de superioridade. Pero o certo é que aquí, cun 21% de paro (máis que en Túnez, cun 13 daquela, agora 18) e cun bipartidismo sumido na corruptela e ineptitude, non saiamos en bloque á rúa, antes do 15 de maio, máis que para celebrar a “Roja” ou protestar porque non nos deixaban fumar. Só certos colectivos, organización políticas e asociacións. E, vencidos pola apatía e a pasividade, non moviamos máis que o dedo para cambiar de canle. Vémolo na actitude da UE e a ONU.con respecto a estes países. E vémolo en nós mesmos nas nosas propias casas. Desprezamos o poder dos individuos anónimos, o noso propio poder para mudar as cousas, e os pequenos xestos que, sumados un a un, fan cento. Os grans de area que pouco a pouco fan vendaval. Vendaval é “un vento forte que sopra do Sul, con tendencia ao Oeste”. Oxalá veñan vendavais. E oxalá ninguén teña que inmolarse para que se produza unha revolución, pero eu boto de menos que de vez en cando apaguemos o televisor e nos prendamos... Dende o 15 de maio, a sociedade occidental está cada vez máis acendida, case incendiada, como Mohamed Bouazizi. Pero aquí e agora, en Galicia, España e Europa, falta a faísca que nos rebele de verdade en masa contra os atropelos constantes que estamos a sufrir por parte dos gobernos, bancos e corporacións. Seica sexa ese o acicate último, que nos mova definitivamente a todos e todas en contra da tiranía do neoliberalismo. Por iso digo, no aniversario da revolución tunecina, viva Mohamed Bouazizi, e viva Túnez.
(Mohamed Bouazizi requiescat in pacem / Viva Túnez libre)