PP e BNG, partidos máis votados nos cinco municipios nos que só hai listas lideradas por mulleres

O BNG mantén as maiorías absolutas de Allariz e Moeche, do mesmo xeito que o PP en Oímbra e Vilariño, cun escenario de pactos aberto en Muros

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O BNG e o PP foron os partidos máis votados nas eleccións do domingo nos cinco municipios galegos nos que só se presentaban listas encabezadas por mulleres: Allariz, Moeche, Muros, Oímbra e Vilariño de Conso.

A alcaldesa Cristina Cid.
A alcaldesa Cristina Cid.

En Galicia só 318 listas das 1.247 existentes nas municipais do domingo estaban encabezadas por mulleres, o que supón só o 25,5% do total.

Ademais, ata 117 municipios galegos contaban con só homes como candidatos --un 37,4% do total de concellos--, fronte a cinco concellos --1,6%-- nos que todas as persoas que competían como 'cabezas de lista' eran mulleres.

No caso de Muros, catro mulleres presentábanse á alcaldía: Caridade González Cerviño (PSdeG), María Inés Monteagudo (PP), María Xosé Alfonso (CxG) e María Lago Lestón (BNG).

Aquí, o PP consegue ser a forza máis votada, con catro edís, os mesmos que alcanza o PSOE, mentres a actual alcaldesa de Compromiso por Galicia cultiva tres actas e o BNG mantén dous. Así, está aberta a posibilidade dun pacto para que non goberne a lista máis votada dos populares.

En Vilariño de Conso, na comarca de Viana, só había dúas papeletas e ambas estaban encabezadas por mulleres: a actual alcaldesa Melissa Macía (PP) e María Esther Alonso (Agrupación Independente de Vilariño de Conso). Os resultados seguen igual que hai catro anos, o PP mantén a maioría absoluta (catro edís) e os independentes seguen con tres.

En Oímbra gañou con maioría absoluta a alcaldesa popular Ana Villarino, quen entrou en 2015 no posto polo seu pai, Alfonso Villarino (quen levaba no cargo desde 1979).

MAIORÍAS ABSOLUTAS DO BNG

No caso de Moeche (A Coruña), Beatriz Bascoy revalida a maioría absoluta do BNG e mesmo sobe un concelleiro (co 68% dos votos) fronte á outra lista existente, a da popular María del Mar Méndez, que leva tres actas.

Así mesmo, o BNG mantén a súa maioría absoluta en Allariz (Ourense), con Cristina Cid como alcaldesa, que asumiu o bastón de mando en xuño do pasado ano tras a renuncia de Francisco García, quen permanecía no cargo desde o ano 2000, cando sucedeu ao ex-vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, que regresou á política para ocupar o simbólico último lugar da lista frontista para o 26 de maio.

O resto de candidatas conseguiron manter o seu tres actas no caso de Luz Doporto (PP) e a única de Zaida Rodríguez (PSOE), que non logran romper coa hexemonía do BNG nun dos bastións do nacionalismo galego.

LISTAS FEMININAS

Para estes comicios de maio, a xunta electoral de zona de Ourense anulou unha lista que incluía só mulleres en Xinzo de Limia --Xuntas por Xinzo--. A candidatura foi suspendida por non cumprir a paridade que esixe a Lei de réxime electoral xeneral, é dicir, tiña que incluír a homes.

Con todo, en Sober (Lugo), si quedou validada outra candidatura integrada unicamente por mulleres --Agroma Sober-- e que encabeza a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, que conseguiu dúas actas. A diferenza entre ambas radica, no entanto, en que neste caso se inclúen nomes de homes na listaxe de suplentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta