Así está a Xustiza un ano despois da longa folga dos seus funcionarios

As posturas son encontradas entre os axentes implicados. Asinado o acordo que puxo fin ás mobilizacións laborais, os sindicatos que non asinaron, entre eles a CIG e a CUT, falan de incumprimentos e de deixar fóra puntos importantes para o funcionamento do sistema xudicial. Mentres, UGT, CCOO, dous dous sindicatos que si asinaron e a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta, coinciden en cualificar de normalidade a situación actual.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A transferencia de competencias en materia de xustiza afecta sobre todo ao apartado material. É dicir, a Xunta de Galicia fornece de edificios, material e espazos. O Goberno Central, concretamente o Ministerio de Justicia, é quen nomea xuíces, fiscais, pon salarios base para as diferentes categorías de funcionarios e funcionarias, porque o cadro de persoal en xustiza son funcionarios e funcionarias nacionais, son persoal do Estado. A folga entón, trataba de temas relativos a complementos salariais creados pola administración galega, o estado das instalacións e dos equipamentos, así como a mellora en cuestións laborais coa consolidación de prazas. Asinado un acordo entre Xunta, UGT, CC OO e USO, outros sindicatos non aceptaron o documento.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. XUNTA - Archivo
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. XUNTA - Archivo

UN ANO DESPOIS

Antón Ayaso, da CIG-Xustiza considera que “despois da folga houbo un atranco. A CIG non asinou o acordo e hai cousas que se deberan tratar si ou si en mesas sectoriais. Desde a finalización da folga non houbo ningunha reunión sectorial. Ata despois das eleccións sindicais en Xustiza, que serán o 19 de xuño, non teremos reunións”.

Pablo Valeiras, da CUT, describe a folga como “un movemento histórico non só na xustiza, pois non estabamos afeitos a mobilización de ningún tipo e deste calado menos”.  E o acordo? “foi un mal acordo, porque se asinou en contra da maioría dos que dixemos que non. A Xunta aproveitou tres sindicatos en particular, CC OO, UGT e USO que non representan nin o 40% dos traballadores, cando había un seguemento brutal da folga”. Valeiras remarca que segundo o acordo habería que consolidar as prazas de máis de tres anos, prazas estruturais. “A realidade é que a Xunta actúa de mala fe para non consolidar prazas e botar fóra xente”.

Desde a UGT, Manuel Díaz Mato cínguese ao acordo asinado porque “recolleu todas e cada unha das reivindicacións presentadas no seu día no Parlamento de Galicia, tidas en conta por todos os grupos parlamentarios”.  Díaz Mato considera que “acadamos o cento por cento do solicitado e ademais o acordo foi mellorado con outros engadidos como as cláusulas de revisión inseridas no mesmo documento, o complemento para os xulgados de violencia de xénero e o recoñecemento da carreira profesional en Galicia”.

Folga xustiza queima de nóminas
Folga xustiza queima de nóminas | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Constantino Novoa, de CC OO avalía o acordo de cinco puntos, “que desde o comezo foi un acordo dos sete sindicatos e a día de hoxe, algo máis dun ano despois, estanse a cumprir  todos os puntos”. “O que é a parte do Complemento Autonómico Transitorio, que estabamos pedindo todos os sindicatos, a media máis un de todos os territorios transferidos, aprobouse unha moción no Parlamento de Galicia e a día de hoxe estase a cobrar o 80% da cantidade correspondente”.

Juan José Martín, director Xeral de Xustiza, ten a convicción de que “estamos nun momento de tranquilidade, nunha situación similar á que había antes da folga”. Apunta especialmente os acordos sobre os Complementos Autonómico Transitorio e o Complemento Específico sobre os salarios percibidos polos funcionarios. “Os corpos de funcionarios de xustiza seguen sendo corpos nacionais. As retribucións están reguladas polo estado. O salario base é o mesmo, igual que o trienio e os complementos xerais e queda unha parte que a través dese traspaso de competencias é administrada polas CC AA.  Tamén recollemos, e os sindicatos poden confirmalo, o compromiso de manter sempre esa posición”. Martín engade tamén que “houbo sindicatos que non asinaron, é certo, mais en privado recoñecen que é un bo acordo”.

SALARIOS

O problema salarial quedou mal pechado, segundo a CIG, e o incremento salarial acabaríase de implementar no ano 2020. O primeiro ano subiu un 50%, este ano de 2019 un 30% e o ano que vén un 20%. O problema non está tanto no salario como na Cláusula de Revisión. “Non ten sentido que che dean uns cartos se dentro duns anos eses cartos quedarán en nada, pois outras comunidades pasan por diante”. A Cláusula de Revisión sería unha ferramenta para non baixar da posición que salarial que se acadara coa folga. “Nós chegariamos á  posición que buscabamos no ano 2020 e con todo vemos que outras comunidades xa avanzaron máis neste  último ano”. Por tanto, a posición de poder adquisitivo que buscaban estaría xa superada noutros territorios e “o acordo di que se aplicaría a Cláusula de Revisión cando se estivese por debaixo da posición que se buscaba acadar”.

Sobre o desfase salarial entre comunidades, a CUT, valora que “pasado un ano estamos por debaixo da media do Estado. Hoxe en día Galicia está no oitavo posto”.A grande parte do salario, o soldo base e máis algúns complementos son idénticos en Madrid, en Galicia ou en Cataluña. “En Galicia falamos en particular dun complemento denominado Complemento Transitorio”.

A revisión salarial dos complementos autonómicos para os funcionarios de Xustiza, segundo a cláusula de revisión do acordo asinado, tería que  celebrarse este ano segundo a Cláusula de Revisión e que obrigaría a sentar a todas as partes asinantes. “A Xunta desde que acabou o conflicto non cumpre coa lei de órganos de representación, pois só negocia cos tres sindicatos que asinaron, pero os demais tamén somos parte”, di Pablo Valeiras.

UGT-Xustiza ve que as forzas que non asinaron o acordo “deben valorar elas mesmas por que non o fixeron”. Ademais, “estas organizacións que non asinaron o acordo, ían contra os seus propios actos e reivindicacións”.  Díaz Mato remarca tamén que “as reivindicacións presentadas no Parlamento de Galicia foron presentadas de maneira conxunta por sete organizacións sindicais”. Por esa razón “para nós non ten explicación que cando alguén pide unha cousa logo cando lla dan incrementa as súas reclamacións en función doutros intereses que terán que explicar”. Sobre a revisión de complementos, Díaz Mato tamén sinala que “fóra de Galicia xa se asinaron sete acordos máis sobre cláusulas de revisión, o que fixo que agora esteamos por debaixo da media”. “Desde a UGT enviamos un escrito para aplicar a cláusula de revisión e devolvernos ao lugar que nos corresponde na táboa”.

Constantino Novoa sinala outra parte importante do acordo e que podería formar parte das negociacións futuras. “Para nós ten importancia a Incapacidade Transitoria, IT. No seu momento, no acordo equiparánronse a xuíces e fiscais, o que se pedía, mais logo mellorouse fóra do acordo durante a mesa de concertación do emprego público de Galicia, acadando o 100% das baixas”. 

Tamén está a cuestión dos complementos que se asignan a persoal que realiza tarefas temporalmente dentro dun ámbito de categoría superior. Juan José Martín sinala que “a lóxica sería a mesmo traballo, mesmo salario. O salario base dos funcionarios de xustiza é o mesmo en todo o Estado e non podes tocalo. A única fómula desde as CC AA para aumentar ese salario é crear un complemento para que non houbese diferenza salarial se estabas substituindo a outra funcionaria doutra categoría, para cobrar o  mesmo”. Eses complementos e subas salariais serían decarácter temporal.

RECURSOS E PLANOS DE RECUPERACIÓN

O diñeiro que achega o Estado, a Xunta divídeo e aplica unha porcentaxe que considera necesaria para Xustiza e que varía segundo cada ano. A CUT sinal que “non poden dicir que non hai diñeiro para os Plans de actuación (para a recuperación do traballo acumulado durante a folga) porque cos descontos que nos fixeron durante a folga, a Xunta deixou de pagar unha cantidade importante de diñeiro”. A cantidade estimada segundo algunhas fontes é dun total de tres millóns de euros que o executivo galego retivo dos salarios. “En teoría o 80% da masa salarial perdida durante a folga revertería para actualizar os xulgados posteriormente” di Pablo Valeiras. 

A recuperación do traballo acumulado en xulgados e outras instancias xudiciais, faríase mediante horas a maiores do horario establecido. Con todo desde fontes sindicais apunta que esas horas non se aplicaron con toda a súa totalidade. “No primeiro e segundo plano de recuperación aplicaron 20 horas por mes, no terceiro quixeron aplicar 60 horas por mes, pero non se chegou a aplicar en todos os xulgados, só nuns poucos. En xulgados de instrucción pequenos, como moito chegaron a 40 horas por mes”.

Pablo Valeiras denuncia que os sistemas informáticos empregados na administración de xustiza ralentizan o traballo.  “Nos xulgados traballamos co sistema Minerva, despois a Fiscalía ten outro sistema que é incompatible co noso. No Instituto de Medicina Legal teñen outro sistema, o Simelga. Logo se saes de Galicia non hai compatibilidade cos sistemas das outras comunidades. Aquí non temos implementado o galego nos nosos sistemas. Noutras comunidades poden facer uso do seu idioma”.

Tamén se apuntou a posibilidade de aumento do cadro de persoa. Este estremo é valorado por UGT cunha necesidade de que “o persoal en Xustiza debera estar mellor organizado. O que fan desde a subdirección de Persoal da Dirección Xeral de Xustiza, é caótico”. E ademais sinalan que “a organización dos medios e recursos nos xulgados responde non ao interese da xestión pública, senón a outros intereses”. Por exemplo, “é público e notorio o que din as autoridades europeas sobre a fraude de lei na que incorren as autoridades públicas españolas en xeral, sobre a contratación de persoal laboral e persoal interino mediante repetición de contratos que, pasados varios anos no mesmo posto, acaban botándoos”.

Juan José Martín sobre o persoal declara que, segundo o acordo “xa se crearon trinta e cinco prazas de reforzo de xente que levaban máis de tres anos. Realmente esas prazas xa estaban planificadas porque xa estaba posto o crédito das trinta e cinco para o ano 2019”.

SITUACIÓN DOS ARQUIVOS

Antón Ayaso denuncia que “nos arquivos de Tui creo que mesmo lles chegan augas fecais. O martes pasado nunha reunión con Prevención de Riscos Laborais falouse disto. É certo que algúns arquivos como o de Noia, lía a prensa, temos vídeos e fotos dese xulgado”. “Nós estamos convencidos de que é desidia. Denunciamos a situación dos arquivos xudiciais e a Xunta obviouno” di Valeiras da CUT. “Dentro da administración galega temos unha sensación de que o seu interese pola administración de xustiza é mínimo”. 

Desde UGT apuntan que “temos constancia da situación de determinados arquivos xudiciais e que denunciamos tamén”. Sobre imaxes de arquivos deteriorados, Díaz Mato di que “non quero pronunciarme sobre algunhas imaxes que din circulan  por Internet, porque houbo algún sindicato que manipulou cousas para sacar fotos. Iso deu lugar a unha queixa do persoal de mantemento”. Esa queixa foi colocada en taboleiros de anuncios en diversos edificios xudiciais.

Sobre este punto, Juan José Martín declara que “o labor físico de  ordenación dos arquivos e da documentación xerada, correspóndelle ao letrado da administración de xustiza e baixo as súas instruccións a un corpo que se chama auxilio xudicial”. O mesmo ocorre coas “pezas de convicción (as probas dun caso). Pódesenos reprochar de non ter espazo para todas esas pezas. “Logo está o expurgo, ordenación e logo unha comisión presidida no TSXG para autorizar a eliminación. Hai pezas que quedan como datos históricos”.

A sensación é que hai unha falta de sintonía entre sindicatos, que hai dous pareceres no ámbito sindical dentro da administracion de Xustiza en Galicia. Por outra parte, os sindicatos asinantes do acordo que puxo fin á folga, máis a Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Xustiza fan unha fronte común diante dos sindicatos que non asinaron. Así estes últimos denuncian a falta total de sintonía e comunicación coas outras parte. En tal caso, se se cumpre o acordado, antes de que acabe o ano a mesa para a cláusula de revisión deberá reunirse para estudar cal é a situación e se se acordan novas medidas. 

Reunión Folga Xustiza
Reunión Folga Xustiza | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta