Luís Soto e Mondariz

O pasado domingo 5 de febreiro a Asociación Ecocultural Búrbida organizou un acto arredor de Luís Soto, quen fora mestre entre 1934 e 1936 en Mondariz. Recibimos o convite para dirixir unhas palabras arredor do protagonista.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 09/02/2012

Comparte esta noticia
Luís Soto deixou unha marca indelébel nas persoas que o trataron. Entre os asistentes había unha antiga alumna. Outros lembraban como os seus pais ou avós falaban daquel mestre que tivo que agocharse en 1936. Aqueloutros relataban detalles da xenerosidade ou da actitude rexa de Soto na defensa dos humildes. 
 
Dende que o bolxevique ourensán pasara pola vila do Tea a súa pegada sobreviviu na memoria daquela xente. Algúns lembrarano como o mestre que tiña a súa aula nos baixos da casa onde vivía, por ser un líder do PCE e da UXT que decote pasaba pola Casa do Pobo, onde tamén impartía clases en horario nocturno para artesáns e labregos. Pode que alguén lembre que Soto formou parte do Comité de Defensa da República e que marchou loitar a Lavadores (antigo concello hoxe anexado a Vigo) contra o feixismo. Mais, abofé, a historia máis asentada foi a súa fuxida.
 
Aquel mestre, que compartía vida coa súa dona e fillo, pasou de ser un home respectado e admirado pola veciñanza a converterse nun foraxido que os falanxistas pretendían asasinar. Luís Soto agochouse en Mondariz varios días contando coa colaboración da familia, amigos e incluso do crego do lugar. Tivo que disfrazarse de muller e noutra ocasión de cura para fuxir das gadoupas de Atila. E foi quen de chegar a Celanova, onde viviu oculto unha longa tempada deica saír pola raia camiño de Francia vía Lisboa. Curiosamente, contaba Soto, na Praça do Rossio, na capital lusa, fora descuberto por un falanxista de Mondariz, antigo alumno. Este decidiu non denuncialo. Pode valer esta anécdota para amosar o valor humano que o mestre irradiaba entre a veciñanza.
 
Ao rematar o acto escoitamos a varias persoas falarnos das historias que se contaban na posguerra daquel mestre que se escondera e escapara da morte. Contáronnolas con viva expresión. Luís Soto vive na memoria de toda esta xente. De feito, cada poucos anos, aparece algún artigo arredor del ou organizan actos para que as camadas máis novas saiban quen foi.
 
Unha persoa que deixou semellante ronsel memorialístico debería ter o colofón dunha homenaxe do Concello de Mondariz e que este situase algún tipo de distintivo (un busto ou unha placa) na casa onde viviu e foi mestre. 
 
Luís Soto foi militante nacionalista e marxista. Sen dúbida. Mais tamén o mestre que educou en valores éticos a unha xeración de Mondariz deixando un herdo de positiva valoración hoxe latexante entre distintas persoas, sexan da opción ideolóxica que sexan. Poucas persoas conseguen esa unanimidade. Logo resultaría inxusto que Soto non teña o seu lugar fixo na vila de Mondariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)