O PSOE cualifica o pacto da Deputación de Ourense como unha "operación de traizón"

"Xamais deberiamos perdoar ao PSOE polo que nos obrigou a facer", manifestou Gonzalo Pérez Jácome en alusión ao pacto para formar un goberno de coalición co PP tanto na provincia como na cidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2019 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O deputado do PSOE en Ourense Rafael Rodríguez Villarino culpou ao expresidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, de ser o "artífice da gran operación de traizón contra a provincia", en referencia ao acordo asinado polos populares con DO para manter a Manuel Baltar á fronte da corporación provincial. Con rotundidade, o socialista criticou a presenza en "un lugar preferente da Sala dun expresidente inhabilitado --José Luís Baltar, pai do actual presidente provincial-_ e sen ningún cargo representativo na Xunta de Galicia".

Novamente, á súa saída do pleno de constitución do goberno da Deputación, Villarino cualificou a sesión como "un espectáculo triste" no que viu aos representantes de DO "coa cabeza gacha nos seus asentos e sen aplaudir". Foron unhas declaracións moi similares ás realizadas o pasado 15 de xuño á saída do pleno de investidura de Gonzalo Pérez Jácome como alcalde de Ourense, só que nesa ocasión "os avergoñados", sinalou, eran os concelleiros do PP.

O socialista entende que este venres se alcanzou "o fondo do pozo da vergoña para a provincia". Referiuse a a sesión como "a consumación da traizón" para coa provincia e a cidade. Ademais, lamentou de que a provincia sexa, outra vez, o foco de atención dos medios "simplemente polo que supón unha traizón á democracia". "Baltar senta, unha vez máis, á fronte da Deputación coa complicidade, o amparo e a defensa dos que dixeron que ían cambialo de sitio", subliñou.

Villarino (PSOE)
Villarino (PSOE) | Fonte: EP

PÉREZ JÁCOME

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome culpou aos socialistas da investidura de José Manuel Baltar Branco como presidente da Deputación de Ourense. "Xamais deberiamos perdoar ao PSOE polo que nos obrigou a facer", manifestou en alusión ao pacto para formar un goberno de coalición co PP tanto na provincia como na cidade. Ademais, dixo estar "totalmente orgulloso" e ser consciente de "facer o correcto" ao pactar co PP porque "o único que importa é o fin". "Dentro da realidade o fin sempre xustifica os medios", concluíu.

Deste xeito, en declaracións aos medios de comunicación á súa saída do Pleno de constitución do goberno provincial referiuse a que "foron os votos" e "as circunstancias" os que non deixaron outra saída. A pesar de que os dous deputados de Democracia Ourensá mostraron o seu apoio este venres a Baltar para que obtivese a maioría absoluta á fronte da Deputación provincial, o seu líder, Jácome fai unha lectura positiva. "A auténtica noticia é que DO tomou a alcaldía e que Baltar non ten maioría absoluta, co cal debe acordar connosco", explicou.

"NADA SERÁ COMO ANTES"

Jácome insistiu, en referencia á forma de gobernar na Deputación, en que "agora nada vai ser como antes" porque "a xente ten dereito a cambiar" e agora os seus "van condicionar o goberno". O actual alcalde da cidade de Ourense, grazas aos votos dos seus eternos rivais do Partido Popular, albisca "un goberno sólido" porque "realmente os compañeiros de viaxe incómodos e imposibles eran o PSOE, o BNG e Cidadáns".

Neste contexto, cualificou ao PSOE como "os auténticos causantes desta situación" e subliñou que lles gustou "o pleno ao 15", en alusión a botar a Baltar. "A nosa primeira opción sempre foi o pacto a catro, pero a avaricia do PSOE rompeu o saco", engadiu.

Preguntado polo motivo da ausencia de aplausos por parte dos seus deputados, Armando Ojea e Miguel Caride, despois da elección de Baltar como presidente, Jácome limitouse a responder que se tratou de "unha contrapartida", logo de que o PP tampouco aplaudise o seu discurso no Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta