Por Jorge M.de la Calle | Santiago de Compostela | 09/03/2012
Mireia nunca fixera unha táboa de exercicio na súa vida. Subir e baixar escaleiras, as que queiras; levantamento de peso, ou bolsas e carro do mercado, por milleiros; flexións, aeróbic e disciplinas domésticas, de todo tipo: fregar, pasar o ferro, varrer, lavar e marcar, “os seus labores”. Foi unha muller condicionada polo tempo que lle tocou vivir, un sistema patriarcal: cando o seu pai e nai deixaron de mandar nela, por mor da guerra, fíxoo o seu irmán; e cando casou, pasouno a facer o marido. Agora, viúva, libre ou “liberada” e independente, fai o que quere e decátase de que ten que facer o mesmo “deporte” que facía antes, mais non para servir a ninguén, máis que si mesma. Para coidar de si e da súa saúde, e cada martes e xoves vai ao centro cívico municipal para seguir as indicacións dun monitor moi novo e moi guapiño ao que mira cunha mestura de deleite e tenrura. É o que chaman “ximnasia de mantemento”, aínda que para mantemento, o que practicou durante sete décadas, no maratón da vida, para manter primeiro os seus irmáns, logo a súa filla, e agora “subvencionando”, cando non “financiando” a neta.
A súa filla, Mónica, sofreu a violencia dun home machista que só quería o seu corpo para o propio pracer. Agora descubriu que o ten para disfrutar, para interactuar e defenderse da súa contorna. Vai a un obradoiro de Defensa Persoal, ademais de teatro e ioga. Está a recuperar o tempo perdido, e atopar un xeito de canalizar a súa rabia, a enerxía negativa, e aproveitala de xeito positivo. Esquecer o pasado e gozar do presente. E só pensa en mirar para o futuro. E pola súa filla, a neta de Mireia, Mar.
Mar ten vintecinco anos e é campioa de ultrafondismo, mais non pode vivir diso. Tivo que superar unha carreira chea de obstáculos, prexuízos e estereotipos para poder competir, e saíu vitoriosa. Pero agora non pode disfrutar do mesmo premio ca un home. O primeiro que fixo tras percorrer 700 quilómetros en 150 horas foi ir a traballar. Perdeu cartos e tempo, mais de momento non a ilusión, e seguirá até que poida adicarse profesionalmente a isto. De momento xa saíu nalgún xornal dos “grandes”, e algún político interesado prometeulle que cobraría, pouco pero algo, por ser a mellor na súa categoría.
Mar, Mónica e Mireia son tres mulleres de distintas xeracións, unidas por elos familiares pero tamén polo feito de que o deporte, nas tres, as salva do desastre.
Artigo-relato co que o autor participou no X Certame Xornalístico Dora Vázquez do Concello de Arteixo, que este ano ten como tema "Muller e Deporte", e que gañou María Reimóndez con estoutro traballo.